Tempos

No meu artigo da semana pasada afirmaba que o nacionalismo e o galeguismo sofren unha crise equiparábel á de entre os séculos XIX e XX. Que o BNG padece melancolía e busca na evocación excesiva do pasado o que non consegue resolver na tarefa de afrontar a realidade do presente. Esta análise pretendía, pretende, ser fría, por se for útil. Quere dicirse que é mellor seguir os pasos d Gustav Mahler, cando afirma que a tradición non consiste en venerar as cinzas, senón en transmitir o lume. E até os de Karl Marx (xa con máis coidado para o que nos ocupa, porque se trata dunha referencia concreta) cando escribe que a lembranza das xeracións mortas oprime como un pesadelo o cerebro dos vivos. 

En calquera caso o que quería dicirse, o que aquí se di é que a práctica pasadista, a evocación desmedida do que foi, conduce a unha ausencia do presente. As arquitecturas de todas as nacións fincan os seus alicerces no pasado, na historia e na tradición, nos símbolos que xeran, pero vívese aquí e agora dando  solucións aos problemas do presente. En Cataluña e Euskadi por exemplo practícase un equilibrio que moitas veces falta en Galicia, quizás tamén porque ao haber unha dinámica social menos intensa, maior é a necesidade por parte dos máis conscientes de recorrer ás vellas testemuñas que reafirmen eses alicerces.

No meu artigo da semana pasada afirmaba que o nacionalismo e o galeguismo sofren unha crise equiparábel á de entre os séculos XIX e XX. Esta análise pretendía, pretende, ser fría, por se for útil.

Xosé Manuel González Pérez comenta no seu muro de Facebook que vivimos nun presentismo tecnolóxico e que en Galicia téndese dabondo a postergar cousas grandes da súa historia. É certo que se postergan, que en Galicia hai grandes dificultades para transmitir o lume.  Pero Xosé Manuel observa presentismo (unha doutrina ou filosofía que trata de borrar o pasado por ser inútil) onde non ten porque haber máis crítica que a de ausentarse da actualidade, nun exercicio melancólico e de pouca esperanza a longo prazo. Por certo que o antagónico de pasadismo tamén pode ser futurismo e non presente; en realidade así acontecía no tempo das vangardas. O panfleto  “Contra a Venecia do pasado” que Marinetti e os seus compañeiros chimpaban desde a Torre do Reloxo da cidade, así o testemuña.

E xa que estamos pois dicir que analizando o Risorgimento italiano, nos Cadernos do cárcere, Gramsci distingue entre os persoeiros nacionais á altura dos tempos que vive o mundo, como Cavour ou Mazzini, e os que só están á altura da sociedade italiana da época, como o rei Vittorio Emanuelle II e Garibaldi, aos que considera provincianos, se a memoria non me falla e por se serve de parábola. 

Conviría saber moi ben -ter un estudo para basearse nel- se a alta velocidade a Madrid, reivindicada durante decenios, trae vida, recursos e riqueza, ou se fundamentalmente os leva

No entanto parece que nalgún momento Gramsci se aproxima a un presentismo ben pouco atractivo; pero habería que coñecer ben o filósofo para poder determinalo e non é este o caso para nada. Por exemplo cando afirma que a consciencia da duración debe ser concreta e non abstracta, que non debe ir máis alá de certos límites. “Supoñamos que os límites máis pequenos sexan unha xeración anterior e unha xeración futura, o cal non é pequena cousa (...) sentímonos solidarios de homes que hoxe son vellísimos e que para nós representan o “pasado” que aínda vive entre nós, que cómpre coñecer, co que é necesario axustar contas, que é un dos elementos do presente e unha das premisas do futuro. E tamén nos sentimos solidarios dos nenos, das xeracións que nacen e das que somos responsábeis. (Cousa distinta é o “culto” á “tradición”, que ten un valor tendencioso)...” Iso di.

Os da Fonsagrada riscaran hai varios decenios unha pintada enorme na entrada da vila que dicía: “Amañádenos a estrada que queremos emigrar sen marearnos”

A cousa, volvendo á casa e tocando terra, é que ademais de reivindicar a devolución do Pazo de Meirás (unha iniciativa admirábel, cunha forte compoñente simbólica) sería bo prever o uso que se lle vai dar, tal como reflexiona Elias Torres nun seu artigo do blog vivacerzeda.com, titulado Défices na maturidade cultural galega através de três notícias. Ou que conviría saber moi ben -ter un estudo para basearse nel- se a alta velocidade a Madrid, reivindicada durante decenios, trae vida, recursos e riqueza, ou se fundamentalmente os leva, é dicir, se Madrid con ese tren vai aspirar Galicia igual que fixo antes coas cidades de Castela que rodean a capital. Non vaia ser que a idealización da Chegada a Ourense da Primeira Locomotora, o poema de Curros Enríquez, teña máis peso consciente e inconsciente (as dúas cousas) na postura política mantida durante este tempo sobre a reivindicación da alta velocidade, que a análise concreta da realidade concreta.  Os da Fonsagrada riscaran hai varios decenios unha pintada enorme na entrada da vila que dicía: “Amañádenos a estrada que queremos emigrar sen marearnos”. 

E sobre as novas expresións da esquerda, mareas e tal, das que tamén se falaba no anterior artigo, pois reiterar que o debate é retorcido estulto e cal resulta estéril e desesperanzador. Pero que é inxusto e ofensivo concluír apuradamente, como fixen, que de todo iso só fican dous concellos ben gobernados. Vivo nun deles, visito a diario outro e coñezo tamén a boa xestión de varios grandes e medianos, e deles debería saír o fermento.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.