Tempos de conclaves

A pasada semana o Vaticano inauguraba a súa propia primavera da reconciliación coa dignidade, a pesar das poucas purgas e a totémica estética púrpura e ouro, facendo fincapé nunha inaprazable escolla pola humildade e austeridade de dúas figuras tan simbólicas como San Francisco e San Ignacio de Loyola. Dada tan delicada conxuntura de perda da fe ligada a propia crise da institución, deixáronse de andrómenas.

O nacionalismo galego está a vivir unha auténtica idade do xeo, unha nova e durísima glaciación que vai tardar en dar paso a esa ansiada primavera galega da conciencia colectiva nacionalista a pesar dos xestos e pontes para a galería

Pola contra, o nacionalismo galego está a vivir unha auténtica idade do xeo, unha nova e durísima glaciación que vai tardar en dar paso a esa ansiada primavera galega da conciencia colectiva nacionalista a pesar dos xestos e pontes para a galería, e que probablemente cando se produza estará protagonizada por novos xermolos, non precisamente os actores e actrices nin tampouco os formatos que lideraron esta escena perante os derradeiros trinta anos. Nesta agardada primavera galega, sen dúbida, terán moito que dicir as novas concepcións e axentes socio políticos que nos novos tempos de incerteza e de fortes ventos de cambio foron quen de adaptarse e mudar, construíndo muíños de futuro no canto de levantar muros e valados de rabia e medo.

Nesta agardada primavera galega, sen dúbida, terán moito que dicir as novas concepcións e axentes socio políticos que nos novos tempos de incerteza e de fortes ventos de cambio foron quen de adaptarse e mudar

Con todo, coido que é un convencemento colectivo que o nacionalismo galego ten moito e próspero futuro, contrastado xa no feito mesmo de que foi quen de sobrevivir e chegar ata aquí a pesar da teima dos propios nacionalistas por reducilo a unha forza rara, excepcional e instalada na singularidade dun respaldo electoral minoritario e marxinal. Sen falar do infindo crebacabezas de siglas, modelos, frontes e discursos onde unha coma pode ser  a diferenza infranqueable.

Nun contexto como o actual no que a cidadanía xa descubriu a confianza e comprobou a eficacia dos movementos sociais, onde xa superada a indignación inicial agora están a exercer unha auténtica presión reformista a través das iniciativas lexislativas das plataformas de afectados no parlamento, semella que o discurso político ao uso, a incidencia das bondades do noso feito diferencial, o referendo de autodeterminación ou mesmo o aceno soberanista pouco ou nada lle importan a unha xente que precisando solucións urxentes e inmediatas para que non os boten da casa, tomáronas pola propia man rescindindo a exclusividade mediadora cunha clase política que por forte devaluación está cando menos abocada a evolucionar e renovarse, si ou si.

Semella que o discurso político ao uso, a incidencia das bondades do noso feito diferencial, o referendo de autodeterminación ou mesmo o aceno soberanista pouco ou nada lle importan á xente

Non facelo, non someterse a unha análise en profundidade, non facer desta premisa virtude en tempos de conclave, seguir coas inercias e mecánicas de sempre, ceibar toda a valía na impoluta e colexiada democracia asemblearia onde o militante ten a primeira e última palabra despois do implacable control das mesas de debate que regulan as comisións, e que cando menos desde Amio demostrouse que xa non é garante de nada agás dunha histórica escisión e a perda de espazo electoral, seguir na teima da idoneidade dun modelo de fronte coral e poliédrico artillado en torno a unha única, hexemónica e monolítica UPG, seguir co desmarque da esquerda da esquerda, a autodeterminación, independencia, co discurso cen anos luz por diante da sociedade a que se dirixe, non freará senón que incrementará aínda máis tanto o declive electoral como o perenne atraso desa tan prezada primavera nacionalista galega que todas e todos desexamos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.