Todo comeza por un paso

Dominio Público Ryan McGuire

“Coas mulleres xa se sabe”; “Coas mulleres nunca se sabe”. Celia Amorós cita estas dúas sentenzas contrarias en relación coa lingua, pero equivalentes no seu significado. Vén a conto das declaracións do Podólogo do Real Madrid, orgulloso dos pés dos seus futbolistas: “De teren unha mala pisada, non chegarían a onde están”. “Todo comeza por un paso. Todo o que se fai na vida.”

“Camiñar repercute no sistema articulatorio e muscular do noso corpo. Eu teño deformación profesional e vou nunha fileira de xente e danme gañas de parar a alguén e dicirlle: Faite mirar iso que vas quedar sen xeonllos”.

Fachendoso da corrección da pisada dos seus xogadores, calzados como é debido, as mulleres non son da súa incumbencia

Pois este profesional, consciente e preocupado, ao mesmo tempo é un misóxeno a quen non lle importa que as mulleres esmaguen o corpo, co calzado que usan exclusivamente. Mesmo se os pés son iguais aos dos homes, os zapatos de mulleres teñen distinta forma, oprimen as dedas por diante, facéndoas montarse e deformarse. Teñen uns tacóns que obrigan a levar o pé como un cabalo. Sabe perfectamente o dano que producen nos pés, xeonllos, pernas, columna vertebral, en todo o organismo pero afirma: “Non convencería a unha muller de que non use tacóns”. Sería inútil. “Coas mulleres xa se sabe”. Son irracionais. Non atenden. Prefiren a moda á saúde. “Por campar, rabiar”, dicían as avoas, e comezan xa de nenas.

Fachendoso da corrección da pisada dos seus xogadores, calzados como é debido, as mulleres non son da súa incumbencia. Falar do tema coas autoridades, para que? Obrigar a que fagan constar nos lugares de exposición e venda dos ridículos artefactos os danos que producen? (como nas fundas de tabaco) Non, para que? Pois para poñer de moda e considerar elegantes os zapatos cómodos. Iso faise facilmente tendo os medios de comunicación. Por outra parte, a venda de zapatos non se ía alterar, nin a moda, as cores, os materiais…

Sempre digo que a normalidade é unha palabra variable. O que foi normal no pasado, agora pode ser incongruente

Pero, mesmo se é un grave problema para a vida e o benestar das mulleres, así como un gasto sanitario, mellor é que vivan a súa dependencia. Que se machuquen. Logo necesitarán operacións de xoanetes, de dedas en garra, de implantación de próteses de xeonllos, de cadeiras, e demais.

Sempre digo que a normalidade é unha palabra variable. O que foi normal no pasado, agora pode ser incongruente. Persoalmente, polo meu cambio de mentalidade, os zapatos de tacón, non só me parecen unha agresión corporal, senón que os encontro tan ridículos!, e as mulleres que os usan tan obedientes, abnegadas e horteras!

Pero, xa dixen, outra mentalidade modifica tamén o modo de vestir e de calzar. Os homes, saben, mesmo se non o analizan profundamente. Pero, saben que unha muller vestida e calzada como lle corresponde é presa posible. Velaí.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.