Tomás Fajardo e o seu concepto de democracia na federación de confrarías

Absolutamente vergonzoso...

125 censados, 100 representantes do mar presentes durante a votación, 62 votos en contra, 37 a favor, 1 en branco... O Sr. Presidente da Federación de Confrarías debería ter presentado a súa dimisión. Mais o concepto de maiorías e democracia dalgunha xente neste País é realmente patético e insultante.

Como un Presidente dunha Federación, cun resultado asembleario tan contundente, pode permanecer no cargo? Calquera persoa, rexéndose por cálculos democráticos aceptaría o resultado, obedecería e sairía pola mesma porta pola que entrou.

Pero o señor Tomás Fajardo, Presidente da Federación de Confrarías parece que xa tiña os cálculos feitos... seguramente ben asesorado (coma sempre) ... e con esta antidemocrática prepotencia só vai conseguir aumentar as desconfianzas que xa existen contra el, e a súas manobras van pór (aínda mais) en entre dito quen é a voz do seu amo (mellor dito, da súa ama).

Botou man dos estatutos canto anulou a primeira votación que pedía facer unha manifestación antes das eleccións xerais, dilatando ata despois das eleccións unha nova asemblea para decidir a agora convocada manifestación do 27 de febreiro. Invitou a irse a quen non estivese de acordo, alegando que a pertenza á Federación era voluntaria (que desvergoña!). Cometeu un erro imperdoable, ao non presentar unha proposta consensuada do sector do cerco galego, nunha reunión clave para a solución dun conflito... e outros moitos "pequenos erros  de xestión" que serían mais que suficientes como para que por dignidade e por ética, deixase o cargo.

Este espectáculo bochornoso de Tomás Fajardo só é outro mais de moitos capítulos polémicos que posiblemente provoquen que a Federación sexa valorada no seu conxunto (este debate non é novo.... xa o sabemos).

A xente do mar precisa doutras políticas e doutros dirixentes e doutros representantes, pero tamén doutro xeito de funcionar, doutro talante, que obedeza ás das maiorías, a esas maiorías que tanto a Sra. Conselleira, como o seu séquito na luz e na sombra, nunca van recoñecer nin respectar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.