Un ano perdido para o teatro galego

Como afirma o mestre Dario Fo na súa mensaxe do Día Mundial do Teatro, “actualmente, actores e compañías teatrais teñen dificultades para atopar escenarios públicos, teatros e espectadores, todo por culpa da crise”. Entre o Día Mundial do ano pasado e este apenas mudou nada, a mesma sensación de déjà vu, agás que todo foi a peor.

Pasou un ano e nada, ou case nada, cambiou, e o único xesto, de cara á galería, desesperado e forzado polas protestas cada día máis potentes dos profesionais das artes escénicas, foi poñer un novo director do AGADIC

Pasou un ano e nada, ou case nada, cambiou, e o único xesto, de cara á galería, desesperado e forzado polas protestas cada día máis potentes dos profesionais das artes escénicas, foi poñer un novo director do AGADIC, o obvio e lóxico nun país lóxico, mais despois de máis de catro meses de baleiro institucional e elixindo á persoa ilóxica. Un tal Jacobo Sutil, mero xestor económico sen experiencia no sector cultural e amigo das bandeiras “rojigualdas”. O demais, o lóxico no país da ilóxica: un recorte dun 50% nas “axudas” (cando deixaremos de chamalas así, e dicir “investimentos”?), varias redes no aire e, o máis grave, a falla dun plan estratéxico para o sector, con obxectivos a curto, medio e longo prazo.

Dende entón, só despropósitos e desencontros: após destituír á anterior directora do Centro Dramático Galego, Blanca Cendán, por pretender ceder o Salón Teatro aos seus lexítimos donos (as xentes do teatro deste país); de repoñer no seu lugar a outro director da era do “fraguismo” (Manuel Guede) e reciclar tamén unha obra xa dirixida por el mesmo para aparentar actividade (“O profesional”, ironicamente); despois de negar o diálogo máis unha vez axs profesionais do sector que din representar, e da fuxida en desbandada de Fasero á fronte da Axencia Galega das Industrias Culturais (pomposo nome, abofé) para ocupar un cómodo asento da SGAE, deixando descabezada a institución e abandonada á profesión, sen posibilidade de interlocución con ninguén... despois de todo isto, case cinco meses de desleixo, no que as xentes das artes escénicas tiveron a sensación de camiñar na corda frouxa e saltar ao baleiro, con terribles dúbidas sobre a continuidade das “políticas culturais” a secas e das insuficientes pero necesarias redes de distribución públicas que amortiguan o sector e tecen o máis parecido a unha “industria nacional” que pode haber por estas terras.

O sinal de alerta máxima deuno a non convocatoria da Rede Galega de Teatros e Auditorios nin de ningunha outra rede pública de distribución

O sinal de alerta máxima deuno a non convocatoria da Rede Galega de Teatros e Auditorios nin de ningunha outra rede pública de distribución. A incerteza e o pánico seguiron, iniciado 2013, durante máis de dous meses, ata que se nomeou “dixitalmente” ao novo director de AGADIC. Silenzos do conselleiro de Cultura, cando non evidentes desprezos. Semellaba que querían deixar morrer a cultura en Galicia, por inanición. Eventos como a Feira Galega das Artes Escénicas e o festival Camiños da Cultura, xa desaparecidos hai tempo, seguirán soterrados, mais o peor é que non se garante a continuidade do existente, e a tendencia é decrecente. “Laissez-faire” e neoliberalismo darwinista salvaxe para algo que é máis que industria. É a cultura dun país, é un dereito. Por non falar de milleiros de postos de traballo.

A falta dunhas metas definidas, de diálogo e reflexión cxs profesionais do sector, que tiveron que manifestarse repetidas veces dende aquela anunciada asemblea ás portas do Salón Teatro o pasado 28 de xaneiro e posterior ocupación o 3 de febreiro, e que deberon “perseguir” e escrachear xs políticxs para que aceptasen escoitalxs, indo ós seus “teatriños” (Parlamento, sé do AGADIC na Cidade da Cultura, Premios da Cultura Galega, e demais actos públicos), e esixir a dimisión do conselleiro de Cultura Jesús Vázquez polo “desmantelamento” da mesma, o único que queda é a propaganda, a sensación de “divorcio” entre o sector e as institucións e certo cansazo, unido a un espírito de “resistencia” que non deixan de repetir, como conxurando o feitizo da malchamada “crise” (que deberiamos chamar “estafa”), e de esperanza en que, como na canción de Battiato, veñan tempos mellores. Dende hai cinco anos, todo empeorou, segundo todos os datos e a opinión de todos os profesionais.

Este é, paradoxalmente, o ano do Teatro Galego

Mentres, o teatro galego resiste, coma sempre, na periferia do sistema. O único consolo que temos é que nos temos a nós mesmxs, profesionais e público, que nos apoiamos mutuamente, e que este ano a RAG dedica o Día das Letras Galegas ao gran Roberto Vidal Bolaño. Este é, paradoxalmente, o ano do Teatro Galego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.