Un sistema educativo maleducado

Quen temos fillos en idade escolar (fillas no meu caso; os meus fillos están a transitar pola igual de miserenta realidade universitaria europea), talvez quen simplemente pensamos dun xeito crítico cara á realidade que nos rodea, non podemos facer orellas moucas ante a desastrosa LOMCE (outra vaca máis no millo!) que se nos botou derriba. Bon, que mercé aos devezos do excelso, ben formado e intelixente ministro Wert, nos botaron derriba. E xa non falo, non!, de quen consideramos que, para completar o ciclo educativo familiar, os seus fillos deban ser formados academicamente en galego como galegos e galegas que son; ou de quen, por sermos xudeus, musulmáns ou budhistas, vexamos normal que o estudo do programa de calquera relixión deba ser parte decisiva do currículo escolar.

A escola actual nada sabe, nada quer saber, da produción de pensamentos propios na persoa

Falo de que, amais da noxenta situación escolar que padecemos na que se postula un ensino plurilingüe e unicamente preocupado por consolidar docentes sen preparación que aseguren que a maquinaria nacional-católica española (aludo, claro, á Galiza) siga, polo menos, por un vieiro sen ningún tipo de fracturas; a escola actual nada sabe, nada quer saber, da produción de pensamentos propios na persoa. Non vaia ser que os nosos meniños e meniñas acaben postulando as nocivas ideas daqueles roxos que tanto traballo e tempo custou eliminar dunha nación exquisitamente forte, masculina e exemplar como a do noso sempre invito e grande Reino de España que tan ben rixe un demócrata, recto, sano e guapo monarca chamado, seica, D. Juan Carlos Alfonso Víctor María de Borbón y Borbón-Dos Sicilias, Battenberg y Orleáns.

A mente humana non obterá nunca liberdade verdadeira adquirindo materiais de coñecemento nin posuíndo ideas alleas, senón formando criterios de xuízo propio, porén fabricando os seus propios pensamentos

E iso que un visionario indio de comezos do século XX, agraciado en 1913 co nobel de Literatura, o Tagore, insistise en que a mente humana non obterá nunca liberdade verdadeira adquirindo materiais de coñecemento nin posuíndo ideas alleas, senón formando criterios de xuízo propio, porén fabricando os seus propios pensamentos. Que toleada!

Semella fácil mais non o debe ser tanto. Non o debe ser tanto cando as nosas xeracións máis novas só adquiren baratos coñecementos sobre personaxes, algúns ben valiosos, algúns de fábula, tales como Sócrates, Platón, Ortega y Gasset, Risco, Cervantes, Pardo Bazán ou Shakespeare. Deben dixerir certas teorías, certas obras, certos parámetros alleos, para sometérense a estúpidas probas escritas nas que vomitar un exiguo e estúpido material ditado previamente polos docentes no espazo da aula. Vamos, un mundo que medra através da maximización do crecemento económico onde, principalmente, se postula que a capacidade de pensar e argumentar por un ou unha mesma é prescindíbel totalmente se se procura un resultado comercializable que, claro, se poida cuantificar. Visto así, evidentemente, nada ten de mao, non si?

A cultura do crecemento económico presenta bastante inclinación cara aos exames estandarizados e igual de bastante impaciencia con todo contido e método que non se axeite ou adapte a este tipo de avaliación

Resulta evidente que a cultura do crecemento económico presenta bastante inclinación cara aos exames estandarizados e igual de bastante impaciencia con todo contido e método que non se axeite ou adapte a este tipo de avaliación. Enfin, todo menos autoavaliación, avaliación cualitativa, interacción na aula e preocupación pola argumentación crítica; non vaia ser que nos desmonten o negocio e nuns anos teñamos un monte de xente que pense por si propia. A hecatombe! E iso que xa vivimos, no seo do Ensino Superior, na Era Boloña que disque dá moita máis importancia ao ensino vitalista e crítico, tratando de formar, de educar, á par que ofrecer contados curriculares tradicionalmente visados polas prácticas da vella escola española.

Pobre Lambert, que falaba de comunidade crítica tal que escola onde se traballaba desde a información, a acción, as equipas humanas e a planificación

Tagore, Rousseau, Pestalozzi, Froebel, mesmo Aleott ou Mann, por non citar Dewey, semella que traballaron para nada. Pensaron, argumentaron, propoñeron e cultivaron o espírito pedagógico moderno para que, en suma, a escola española actual estea percorrida por mestres e mestras sen vocación e sen formación didáctica que si, con efecto, talvez tiñesen superado, nalgúns casos, no mellor dos casos, exames-oposicións onde demostraron que sabían que Pondal nacera en Ponteceso, que Afonso the wise era un listísimo rei de Castela a quen lle daba por escribir en galego ou que Platón, tan preocupado por falar dun seu colega seica chamado Sócrates, desenvolveu un certeiro e incuestionable pensamento liberador onde o individuo podía camiñar cara á comprensión máis exacta da súa propia realidade.

Pobre Lambert, que falaba de comunidade crítica tal que escola onde se traballaba desde a información, a acción, as equipas humanas e a planificación. E apostando pola ruptura das vellas imposicións e a introdución nun proceso recíproco que se basearía na constante procura pola comprensión, a creación e a imaxinación.

Que tipo de sociedade estaremos a crear se desterramos da escola a aprendizaje memorística, o respecto por unha tradición inveterada e a edificación de pezas tal que receptoras pasivas de valores culturais herdados substentados, as máis das veces, no soez e na mentira?

Mais que tipo de sociedade estaremos a crear se desterramos da escola a aprendizaje memorística, o respecto por unha tradición inveterada e a edificación de pezas tal que receptoras pasivas de valores culturais herdados substentados, as máis das veces, no soez e na mentira?

Penso novamente en Tagore e, agora, na súa célebre Escola do Papagaio, unha estupenda alegoría que talvez debamos ter presente hoxe máis que nunca. Nela cóntase a historia dun rahá que tiña un fermoso papagaio que quería educar. Aquel monarca, así, preocupado pola educación de seu paxaro, convocou todos os sabios do seu imperio, que decidiron non escatimar medios e instruir a ave coa sabedoría máis grande recollida, xa que logo, nos libros. Mandou facer unha gaiola de ouro para o animal e chegou a crer que aquel becho era moito máis importante que el mesmo, tal era o volumen de contados que ía aprender por medio do método de instrución deseñado particularmente polos pandits para el.

Mais aos poucos, o paxaro morreu. E foron os seus sobriños os que se achegaron ao rahá para darlle a nova. “A educación do paxaro xa rematou”, dixéronlle. “E sabe saltar? Sabe voar?”. Ante a negativa dos familiares, o monarca pediu que lle trouxesen o seu amado papagaio. Daquela, o rei pasou unha man polo seu corpo e tan só ranxeu o recheado de follas dos libros.

A sociedade dos mediados do século XXI vai estar formada por xente que saberá ou non da importancia do fabuloso Sócrates, mais de seguro será maleducada

Deamoslle grazas á LOMCE, pois, aos planos educativos tanto galegos como españois, porque en breve quizais saiamos desa crise que ocupa parte das conversas rueiras da poboación, mais o certo é que a sociedade dos mediados do século XXI vai estar formada por xente que saberá ou non da importancia do fabuloso Sócrates, mais de seguro será maleducada aínda que nos seus arrotos se perciba o alcanfor ao que seica cheiraba a famosa camisa de Isabel de Trastamara, máis coñecida como Dª Isabel la católica para honra da nosa invicta nación española, esa nación que está a esquecer os seus piares fundamentais e que vive xa nunha especie de reinos de taifas que, tamén de seguro, vai haber que volver reconquistar e repoboar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.