Vox, PP e o negocio da violencia de xénero

CC-BY-SA Praza Pública

Bueno, pois xa temos aberta a caixa dos tronos.

A oferta feita polo PP a Vox de dar axudas aos homes vítimas de violencia doméstica a cambio do seu apoio en Andalucía está a dar mais xogo que algúns deses realities que tanto público arrastran e sobre os que case todo o mundo opina.

A verdade é que, se non fora porque neste deplorable debate se está a xogar, como tantas outras veces, todo hai que dicilo, con algo tan tráxico e tan doloroso como é a violencia de xénero, sería para sentarse a ver en que remata todo isto e que baixo se pode chegar a caer cando non se é quen de controlar a ambición e o afán de poder, a costa do que sexa, mesmo de vidas.

Non vou manifestar a miña opinión sobre tan noxenta proposta, en primeiro lugar porque xa o fixen reiteradamente en días pasados, e, en segundo, porque creo que, por se alguien non a coñece, co cualificativo co que acabo de definila, queda mais que aclarada.

O que si vou compartir nestas liñas son varias reflexións sobre tal desatino, un desatino, eso sí, do que se poden extraer diversas conclusións.

A primeira delas é, como creo que non podía ser menos, deixar claro o insulto e o maltrato que representa tal proposta para as vítimas de violencia de xénero, porque, o admitan ou non, o que están a facer, é un xeito mais de maltratar. 

A segunda é que, francamente, non sei a qué ven tanta sorpresa ante este “cortexo” do PP a Vox. Esta é a historia mais vella do mundo, pero que ninguén semella ver, ou mais ben debería dicir, a ninguén lle interesa recoñecer.

A proposta plantexada polo PP deixa patente, nin mais nin menos, a realidade dese mercadeo indecente que se está a facer coa violencia de xénero, a que non se dubida en utilizar como moeda de cambio a cambio de prebendas varias, algo especialmente notable no eido político, un mercadeo ao que eufemísticamente, e tentando tomarnos por imbéciles, os nosos políticos e demais estamentos con competencias na materia, chaman “loita”.

A única diferencia? Que esta vez trascendeu e a negociación non se fixo, como en outras tantas ocasións, as agochadas. Porque esa é a prioridade, negociar, sacar tallada, pero que non se saiba.

Por outra banda, dá medo pensar que futuro nos pode agardar as mulleres en xeral, e as vítimas de violencia de xénero en particular e as nosas crianzas se as nosas vidas dependen duns políticos, por chamarlles algo, que non dubidan en equiparar a violencia de xénero coa violencia doméstica (eso sendo benévola e dando por sentado que coñecen a diferencia entre ambas, algo que, francamente, dubido moito, principalmente porque non lles preocupa nin o mais mínimo).

É curioso, ademais, que desta volta non tiveran en conta esas estatísticas que tan ben se lles da esgrimir e coas que tentan convencernos de que a loita contra a violencia de xénero progresa, porque, de telo feito, e dando por sentado que saben ler e contar, se comparan o número de mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex parellas tan só o pasado ano, coa dos homes, a conclusión é obvia, non si?.

Claro que tamén é verdade que non hai mellor cego que o que non quere ver.

O que mais arrepíos me dá, ou mais ben debería dicir medo, é que moitas mulleres estean a defender a postura de Vox cualificando de abuso a Lei de Violencia de Xénero.

E isto me fai chegar a outra conclusión mais: Se non se pon freo a tanto desatino, non quero nin pensar a onde podemos chegar, se mesmo as mulleres, ou, polo menos, un amplo sector, facilitan a barra libre para a violencia machista e, ademais, convencidas. Sinxelamente tremendo.

Arremete tamén Vox contra os colectivos de axuda as vítimas de violencia de xénero dos que non dubidan en afirmar que son, en moitos casos “chiringuitos del feminismo supremacista”, para puntualizar que, malia ser xenerosamente subvencionados, os seus presuntos obxectivos ou finalidade non se traducen en resultados.

Amigos meus, isto é para telo en conta!.

Porque, por mais noxento que me resulte todo canto vou coñecendo acerca de Vox, non podo evitar admitir que algo de razón levan neste punto, polo menos no que atinxe a esas subvencións as que alude.

Non sei en Andalucía, pero en Galicia dou fe de que eso ocorre e que, efectivamente, existen e nacen moitos “chiringuitos” que fan, da violencia de xénero, un negocio do mais lucrativo, a golpe de subvencións, cualificando de “colectivos sen ánimo de lucro” as que, en realidade, son empresas, e non das pobres, e que mais que resultados, o que si dominan a perfección é a posta en escea e codearse e sair na foto cando e con quen interesa, en ambas direccións, porque isto non deixa de ser un oportunista toma e daca, sobre todo nas datas oportunas, para seguir mantendo precisamente eso, os chiringuitos, unhos chiringuitos aos que, como é entendible, estorbamos, e moito, os colectivos que realmente non soamente non nos lucramos da violencia de xénero, se non que todo canto facemos sae dos nosos petos, pero si axudamos ou tentamos, dentro das nosas posibilidades, axudar as vítimas da violencia de xénero no seu difícil día a día.

O peor é que, lamentablemente, semella que nos miden a todos polo mesmo raseiro, e a credibilidade das que non actuamos dun xeito que é de todo menos desinteresado, é, cando menos, cuestionada. 

Outra mostra mais do que comentaba ao comezo. A prioridade aquí é, para todos os implicados, atrapar a galiña dos ovos de ouro e amarrala ben para que non cambie de amo.

Quero, eso sí, deixar claro que non estou a xeralizar. Afortunadamente hai quen fai ben o seu traballo, malia que, insisto, as veces o termo adoitado para definir a certos colectivos sería “ empresa” xa que o de “ sen ánimo de lucro” é algo que nada ten que ver con eles, e, ademais, por moito que se queira negar a maior, “ chiringuitos” como os antes mencionados, haber... hainos.

E xa para rematar, e non porque non teña argumentos para escribir folios e folios, se non porque, loxicamente, o espazo do que dispoño é limitado, a miña derradeira reflexión.

Estamos a lapidar ao PP, eu a primeira, non o vou negar, pero debo admitir que, no fondo, tampouco me parece xusto de todo.

No PP, como en todas as formacións políticas, hai xente mellor e xente peor. Xente con conciencia, e xente que non a coñece nin de lonxe, pero cónstame que hai persoas desta formación política que non concordan para nada con tal despropósito. Outra cousa é que non o manifesten, e eso sí que o censuro….pero estamos a falar de política!.

Díxeno e reitéroo, que eu mesma teño amigos do PP, xente a que aprecio de verdade, por riba das diferenzas ideolóxicas e sei que todo isto non vai para nada con eles, e, certamente, gustaríame que desen un golpe na mesa e dixesen o qué pensan, pero imaxino que é moito pedir (unha das razóns pola que teño moi claro que eu nunca tería futuro na política. Hai cousas que nunca sería quen de calar, e menos aínda se teñen que ver coa violencia de xénero).

En calquera caso, que ninguén cuspa moi alto, nin sequera moitos e moitas das que presumen de ser de esquerdas de toda a vida, e que sempre viron a violencia machista como algo que non ía con eles e a ignoraron, pero que agora, que, desgraciadamente, se converteu na causa “de moda” e que, habilmente manexada é unha excelente ferramenta política, a inclúen entre as súas “prioridades”... Ao seu xeito, eso si. 

En definitiva, o resumo de todo isto é ben sinxelo, e se podería resumir en tan só dous conceptos: Ambición e afán de poder, dous conceptos que fan que para moitos, que non coñecen os escrúpulos, e non se moven mais que por interese, todo valga, caia quen caia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.