Xogando coa nosa saúde

Os recortes nos servizos de atención primaria e asistencia hospitalaria da sanidade pública galega constitúen xa parte da realidade de cada verán. Mentres a Xerencia de Compostela comunicoulle a primeiros de xullo aos sindicatos que habería prescindir de até 172 camas entre o 15 de xullo e o 16 de setembro, o persoal dos PAC da área de Vigo denunciaba, tamén a primeiros de xullo, que na tempada de verán os PAC estaban a ficar decote sen persoal médico diante de urxencias imprevistas, quer porque os sanitarios enfermaban de súpeto, quer porque tiñan que  atender urxencias no domicilio dalgún usuario. Remataba o comunicado do persoal dos PAC da área viguesa “a solución que propón a Administración é pechar servizos…e cruzar os dedos para que nada irremediábel suceda…parece que non nos queda máis remedio que seguir confiando no azar…”.

Por desgraza pouco despois, no PAC d’A Estrada, sucedeu algo irremediábel, cando un usuario afogou sen asistencia sanitaria por mor dun previo desprazamento para atender na casa un usuario das dúas persoas (médica e enfermeira) que formaban a quenda dese serán no PAC. Un cidadán faleceu sen asistencia nun  establecemento público sanitario sen que houber sanitario que lle puidese valer. Unha morte da que é gravisimamente responsábel a Administración sanitaria galega.

Esta responsabilidade transfórmase en culpabilidade se falamos das Xerencias  das Áreas Sanitarias e do propio conselleiro de Sanidade. Porque están a resolver as libranzas por vacacións do persoal sanitario a medio de contratos de luns a venres, elevando substancialmente o número de persoas usuarias por médico, xa incrementado de seu por mor do turismo de verán. Das resultas desta política de contratación, os médicos que poderían ser contratados polo SERGAS prefiren as ofertas das sanidades públicas doutros países e territorios o da propia sanidade privada. Mentres, increméntase a presión laboral sobre os nosos médicos e sanitarios que viven a “síndrome do profesional queimado”, mentres cobren as deficiencias estruturais xeradas pola Xunta coa súa profesionalidade e traballo extremo, tamén fóra de horario.

Sofre a atención primaria, mais tamén sofre a asistencia hospitalaria con graves recortes nos servizos de urxencia e no número de camas. Esas camas que o conselleiro V. Almuiña considera que non definen de seu a calidade da prestación sanitaria.

Andan a xogar coa nosa saúde.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.