As mareas cidadás reúnense en Compostela nun primeiro paso para a candidatura unitaria

Encontro das mareas cidadás en Ames © Marea Atlántica

Unhas 50 das 70 mareas cidadás que se presentaron ás pasadas eleccións municipais do 24 de maio estarán presentes na xuntanza que estas plataformas celebran este xoves á tarde no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela. Os espazos de confluencia -entre os que haberá representantes da Marea Atlántica e Compostela Aberta- acuden así ao chamado que hai tan só uns días fixeron Betanzos Novo, LugoNovo e Marea de Noia para "trasladar os principios inspiradores dos procesos de unidade popular municipais ao escenario das eleccións xerais" e traballar así por unha candidatura de confluencia a nivel galego "baseada e liderada pola cidadanía e con Galicia como suxeito político". 

"Tomar contacto e impulsar o diálogo entre as propias mareas e candidaturas cidadás", din os impulsores nun comunicado. "Trátase de que se exploren todas as vías de confluencia para unha candidatura en clave galega onde a cidadanía sexa a protagonista", aclara Santiago Fernández Rocha, concelleiro de LugoNovo e candidato á alcaldía da capital lucense pola plataforma. "Cremos que as mareas están lexitimadas polo 24M para ser o motor deste proceso e é o momento de darlle pulo", insiste quen cre que a convocatoria xa foi "un éxito" ao lograr reunir os representantes da maioría das mareas cidadás, incluídas as máis importantes e exitosas. 

As mareas agardan conformar "un equipo de traballo que impulse a confluencia galega falando con outras axentes que pulan pola unidade"

"É imprescindible aproveitar a experiencia e os coñecementos obtidos durante as pasadas eleccións municipais para conseguir que haxa unha representación galega no Congreso", din Marea de Noia, Betanzos Novo e LugoNovo, cuxos portavoces procurarán definir "un calendario e a metodoloxía de traballo cara esa confluencia contando con todo o mundo que se queira sumar dende os diferentes eidos da sociedade e baixo a premisa da defensa dos intereses da cidadanía de Galicia". 

Á marxe do debate sobre o artellamento da confluencia, as mareas cidadás agardan que da xuntanza saia "unha comisión ou equipo de traballo" que terá como labor "impulsar a confluencia falando con outros axentes e plataformas que pulan pola unidade". Xa que logo, as mareas cidadás tratarán de crear unha comisión a nivel galego que represente a voz destas candidaturas nas reunións que se prevén no futuro con outros colectivos e forzas políticas que traballan pola lista unitaria. O obxectivo, segundo aclara Fernández Rocha, é que "a xente sexa a protagonista e que os partidos colaboren e axuden para que así sexa"

"Non hai prexuízos para que outros actores, fundamentalmente partidos, se integren nesta Marea Galega. Terá que haber un diálogo para que as leiras acaben transcendendo nunha concentración parcelaria e política", resume o voceiro de LugoNovo. 

"Terá que haber un diálogo para que as leiras acaben transcendendo nunha concentración parcelaria e política", di Fernández Rocha

Ademais, e respecto da polémica polo intento de Podemos de por por riba a súa marca nunha posible negociación, fontes do grupo promotor desta xuntanza de mareas téñeno claro. "A marca ten que estar nun segundo plano porque o que importa é a xente; as marcas non poden ser nunca as protagonistas porque, de ser así, non haberá maneira de sacar adiante unha candidatura de unidade popular", din.

 "A marca ten que estar nun segundo plano e non pode ser nunca a protagonista porque, de ser así, non haberá maneira de sacar adiante unha candidatura de unidade popular"

"Todas as forzas políticas e colectivos temos que ser conscientes de que coa nosa leira non ha chegar; debemos conformar unha candidatura potente e unidad que permita o optimismo de moita xente que quere un cambio e confiamos en que todo acabe nunha ampla plataforma en base a uns principios e ideas integradoras nas que esteamos todos", rematan.

Encontro das mareas cidadás en Ames © Ames Novo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.