As mareas cidadás apostan por ser "piar básico" nunha confluencia "sen exclusións"

Xuntanza das mareas cidadás en Compostela Dominio Público @MareaVigo

Un total de 41 mareas cidadás reuníronse este xoves en Compostela nun primeiro contacto de cara a impulsar unha candidatura unitaria galega de cara ás eleccións xerais e para afonder nunha colaboración "que vaia máis aló do calendario electoral". Representantes da Marea de Noia, LugoNovo, Betanzos Novo (as tres plataformas convocantes) pero tamén da Marea Atlántica, Compostela Aberta, Ferrol en Común, Marea de Vigo ou Somos Fene, entre outras moitas, coincidiron na necesidade desa lista unitaria, co centro de decisión en Galicia e como a cidadanía como protagonista. 

As mareas coinciden en "traballar en común por nun proceso aberto e participativo, sen ningún tipo de exclusións"

Os colectivos presentes "coincidiron na necesidade de traballar en común por nun proceso aberto e participativo, sen ningún tipo de exclusións, de cara as vindeiras eleccións xerais", tal e como reflicten nun comunicado, no que aclaran que o obxectivo é "recadar o éxito acadado nas pasadas eleccións do 24M e non quedar illados en estratexias municipalistas, acordando que as mareas deben de dar o paso e traballar por ser un dos piares dos cambios que se están a producir na sociedade".

Ademais, concordaron en que esa lista unitaria "non debe ser unha candidatura de siglas, senón que, pola contra, as adscricións serán a título individual, no que participen cidadáns de distintas sensibilidades que defendan uns principios mínimos, co obxectivo de crear unha candidatura galega de unidade popular".

As plataformas municipalistas apostan por unha lista "que non sexa unha candidatura de siglas, senón de adscricións individuais"

"É importante contactar, falar, reunirnos e comezar a dicir que é o que pedimos e o que queremos", aseguran fontes participantes nunha xuntanza na que, segundo din os participantes, "comprobouse que é moito máis o que nos une que o que nos separa". "O 90% das cuestións que tratamos son coincidentes para todos e únennos dun xeito claro", insisten quen asegura que todos os movementos municipalistas deixaron claro na reunión o obxectivo de "evitar" que o nacionalismo e a esquerda transformadora en Galicia "non acuda fragmentado á ita electoral". "Quédanos claro que non queremos tres ou catro candidaturas", insisten. 

Os propósitos e condicións son claras: "a aposta pola defensa dos sectores públicos, a creación e cumprimento de códigos éticos, as primarias como método de elección de representantes, a transparencia na xestión, a  participación cidadá na toma de decisións e a igualdade entre as persoas". 

Agora, os representantes das mareas que acudiron á xuntanza trasladarán as conclusións ás súas respectivas asembleas e os movementos cidadáns quedan xa emprazados a unha nova xuntanza na segunda semana de setembro. Antes levarase a cabo a creación dun grupo de traballo aberto á participación da xente das plataformas, que comezará a traballar antes do mes de setembro "para a preparación de vindeiros encontros, recalcando a necesidade de que as candidaturas nomeen a unha persoa para que participe na xestión". 

 

O Encontro Cidadán por unha Marea e o Banquete de Conxo 2.0

Antes, moitos deles participarán no encontro que o vindeiro 22 convocou o Encontro Cidadán por unha Marea Galega, así como no do día seguinte, impulsado polos promotores da manifestación unitaria do 25X. "O que buscamos é consensuar as nosas propostas, para nada supón unha maior fragmentación entre os actores que pulan pola confluencia, senón todo o contrario", engaden fontes das plataformas municipalistas. 

"O Encontro Cidadán e o Banquete de Conxo non son excluíntes ao proceso das mareas, deben conxugarse porque o obxectivo é similar"

"Os dous encontros formulados ao longo do mes de agosto, tanto o do día 22 co Encontro Cidadán por unha Marea Galega como o do 23 co Banquete de Conxo 2.0, non son excluíntes ao proceso aberto polas mareas cidadás. Pola contra deben conxugarse, xa que consideramos que o obxectivo perseguido é similar.", din. 

Ademais, as mareas cidadás tamén teñen claro que o impulso que lle dean as exitosas candidaturas municipais á confluencia pode ser clave para tratar de superar os atrancos que poida poñer algunha formación política. Segundo indican, o feito de que representantes sen militancia -ou con militancia pero conscientes de que hai que subordinala a un consenso- pulen polos acordos e insistan na fórmula exitosa do 24M debe ser fundamental para evitar as reticencias que poidan xurdir desde outros colectivos.

Xuntanza das mareas cidadás en Compostela Dominio Público @MareaVigo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.