Alcaldes de vilas galegas cualifican a supresión de partidos xudiciais como “letal” para os seus concellos

© CGPJ

A pretendida modificación da distribución territorial dos partidos xudiciais promovida polo Goberno do Estado e amparada polo Consello Xeral do Poder Xudicial causou unha gran preocupación entre os sectores profesionais do dereito e os numerosos concellos galegos que se verían afectados.

Segundo se recolle nun informe aprobado no mes de abril polo órgano de goberno dos xuíces, a reforma implicaría pasar dos 45 partidos existentes en Galicia a 13

Segundo se recolle nun informe aprobado no mes de abril polo órgano de goberno dos xuíces, a reforma implicaría pasar dos 45 partidos existentes en Galicia a 13, o que suporía unha diminución substancial do número de órganos xudiciais, a mobilidade dos funcionarios e un regueiro de perdas económicas derivadas do peche de numerosos despachos profesionais.

A pesar de que o informe non é vinculante, o certo e que tanto partidos políticos como sindicatos ven nesta posible nova regulación un ataque aos dereitos constitucionais. Deputados como a socialista Laura Sera falan dunha posible vulneración do dereito á tutela xudicial efectiva e sindicatos como a Unión Sindical Obreira, a través do seu portavoz en Ourense, Francisco Javier Álvarez, sinalan que estamos ante un “ataque frontal á cidadanía que conta co noso total rexeitamento”. Incluso a propia Xunta de Galicia, ante o desleixo xeralizado, modificou a súa postura inicial compracente expresada polo conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda.

O propio director xeral de Xustiza, segundo puido saber Praza,  prepara alegacións para presentar no prazo de 5 meses ao informe do Consello, momento no que se reunirán para a redacción do proxecto definitivo

O propio director xeral de Xustiza, segundo puido saber Praza,  prepara alegacións para presentar no prazo de 5 meses ao informe do Consello, momento no que se reunirán para a redacción do proxecto definitivo. Porén, a desconfianza en sectores profesionais continúa ante o “recorte” anunciado polo ministro Alberto Ruiz Gallardón, e a propia esquerda parlamentaria dá por feito que haberá unha modificación importante no número de partidos xudiciais.

Neste sentido o PSdeG-PSOE prepara unha ofensiva política coa presentación de mocións en todos os concellos galegos para esixir unha manifestación clara e rotunda da Xunta de Galicia. A deputada Seara, en declaracións a Praza, recoñeceu que “o Consello do Poder Xudicial parece funcionar como un oráculo que descoñece a realidade” e asegurou que “o lexislativo ten a obriga de lexislar e non deixarse presionar”. A oposición cre que é a hora de combater politicamente a  “megalomanía” de Ruiz Gallardón e de enfrontarse a todos os niveis “ante este novo recorte aos dereitos fundamentais”.

Alcaldes de vilas intermedias consultados por este diario lembraron a postura de moitos xuíces contrarios a desprazarse a localidades como O Barco de Valdeorras ou Verín a celebrar as vistas orais dos xuízos penais

Neste mesmo sentido, alcaldes de vilas intermedias consultados por este diario lembraron a postura de moitos xuíces contrarios a desprazarse a localidades como O Barco de Valdeorras ou Verín a celebrar as vistas orais dos xuízos penais e engaden que agora “encontran a escusa perfecta para xulgar dende as capitais”. Na localidade de Pobra de Trives, que conta cun xulgado de instrución e primeira instancia, tamén o alcalde Francisco José Fernández está en contra da supresión do xulgado “porque dalgún xeito acabaría de rematar economicamente a localidade”. 

Na xudicatura tamén hai excepcións á posición oficial e por exemplo o xuíz decano de Ourense, Antonio Piña, manifestou a súa postura contraria a que na provincia de Ourense soamente haxa dous partidos xudiciais pola distancia entre as distintas localidades.

Alberto Ruíz Gallardón (d) © Moncloa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.