Ata dez veciños poderán intervir en cada pleno da Coruña

Pleno no Concello da Coruña © Concello da Coruña

O "escano cidadán" do Concello da Coruña xa está aberto. É o xeito en que o novo goberno coruñés denomina o posto dende o que poderán intervir ata dez veciñas ou veciños da cidade en cada sesión plenaria, a comezar pola prevista para o vindeiro 7 de setembro. O alcalde, Xulio Ferreiro, presentou este martes o contido da instrución de participación cidadá que regulará os rogos e preguntas da veciñanza e que, asegura, é só "o principio" dunha serie de medidas neste ámbito.

Segundo a instrución, xa promulgada, calquera persoa que estea empadroada ou "desenvolva a súa actividade profesional" na cidade da Coruña poderá optar a formular unha "cuestión relativa a asuntos de interese municipal" ante o pleno da corporación. Para facelo terá que tramitar unha solicitude dirixida ao alcalde nun prazo que se pechará cinco días antes de cada pleno, cuxa orde do día estará publciada na web municipal. As solicitudes poderán ser persoais ou en representación dunha entidade e non poderá haber dúas cuestións sobre o mesmo tema.

No caso de que se formulen máis de dez peticións para un pleno, indica o goberno local, un sorteo realizado por funcionarios municipais será o que decida que intervencións chegan a María Pita. As demais trasladaranse ao reparto do mes seguinte. Unha vez elaborada a lista de intervencións cidadás, que será pública, as persoas que as presentasen poderán falar ata tres minutos ante os edís, nun debate moderado polo propio alcalde, que na súa condición de presidente do pleno terá a potestade de retirar a palabra no caso de que se produzan "inxurias" contra algún dos concelleiros e concelleiras.

As intervencións da veciñanza durarán ata tres minutos e terán que ser respondidas polo goberno local

O alcalde, indican, será tamén que lle dea a palabra "ao concelleiro ou concelleira aludida, para que dea reposta". No caso de que se trate dunha cuestión "complexa", o goberno local terá que responder "nun período máximo de 15 días, por escrito", ao asunto formulado.

"Este é o principio, trátase dunha das primeiras medidas do que para nós vai supoñer un cambio radical na maneira de gobernar este Concello", afirma Ferreiro. O formulario para solicitar intervir no pleno, así como o conxunto da instrución que regula este mecanismo de participación, está xa publicado no sitio web do Concello da Coruña.

Ferreiro, presentando a medida © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.