BNG e Anova presionan a Podemos, que aposta por un suxeito político galego federado á súa lista

Consello Nacional do BNG CC-BY-SA BNG

BNG e Anova volveron insistir este sábado tras senllos cónclaves das súas direccións en apostar por unha "confluencia o máis ampla posible" en Galicia de cara ás eleccións xerais e fixeron apelacións a Podemos para que se integre en pé de igualdade nesa lista unitaria. No entanto, a formación morada insiste en que ese "suxeito político galego" polo que tamén din apostar se "federe" coa "ferramenta de cambio fundamental" no Estado, en referencia á súa propia formación. 

"Quen non estea disposto a saltar os marcos da súa finca, será responsable" advirte Beiras

"Quen non estea disposto a saltar os marcos da súa finca e a articularse, sexan as mareas municipais, que non sexan quen de articular unha marea galega; sexa Podemos, queu intente impoñer unha estratexia de partido a nivel de Estado; ou sexa o BNG, que queira ser outra vez protagonista do nacionalismo galego; será responsable", dixo Beiras, coportavoz nacional de Anova, formación que tras celebrar a súa coordinadora insiste en que "traballará" por unha fórmula "que poña o pobo galego por diante e por riba" das "condicións ideolócico políticas de cadaquén". Para o tamén covoceiro de AGE, de non poñerse a "esquerda social" por "riba" de calquera organización "de ámbito estatal ou galego, estarase xogando con cartas marcadas"

Tanto Anova como BNG anunciaron que estarán presentes no debate aberto que o vindeiro 12 de setembro, convocado polo Encontro Cidadán por unha Marea Galega, se celebrará para intentar sentar as bases dunha candidatura galega unitaria para as xerais. Así, no caso do Bloque, o seu Consello Nacional aprobou a súa proposta política para estes comicios na que aposta por “promover un amplo proceso social coa finalidade de articular unha candidatura nacional galega de unidade” e, nese sentido, aclara apoiar “todos os procesos de confluencia que promoven diferentes plataformas e iniciativas”.

Tanto Anova como BNG anunciaron que estarán presentes no debate aberto que convocado polo Encontro Cidadán por unha Marea Galega

“Desde o BNG imos contribuír a que sexa o máis ampla e o máis profunda posible esa integración e esa confluencia de diferentes iniciativas, plataformas e forzas políticas”, explicou o portavoz nacional, Xavier Vence, que posteriormente, en declaracións a Radio Galicia, lembrou a "ilusión e esperanza na cidadanía e non só no nacionalismo" por unha candidatura unitaria e apelou tamén "mesmo as bases de Podemos" porque, segundo di, "comprenden" tamén "a importancia dunha lista de unidade en Galicia". 

Tanto Bloque como Anova apelan directamente a Podemos, sabedores da insistencia da formación en seguir o mandato das súas bases no referendo sobre o modelo de concorrencia e no que se apostou cunha baixa participación por manter a súa marca. Así, o secretario de análise política de Podemos en Galicia, Antón Gómez Reino, aclarou en Radio Coruña a aposta da súa formación por formar parte dese "suxeito político galego" pero insistiu en que "sería iportante que ese espazo de confluencia se federase con Podemos". 

Xavier Vence apela á "ilusión da cidadanía máis aló do nacionalismo" por unha lista única e ás "bases de Podemos" porque "comprenden" a importancia desta

Case a un tempo, Beiras apelaba á "responsabilidade" de organizacións como BNG, Compromiso por Galicia, Esquerda Unida, a propia Podemos ou as mareas municipais para "sacar os marcos da súa finca" e articular ese "suxeito político galego" non só de cara ás xerais, sneón tamén para "o proceso de ruptura que se está a dar na sociedade". 

 

Podemos: coa súa marca nas xerais e sen ela nas autonómicas

O mandato das bases de Podemos a nivel estatal dificulta agora a confluencia en Galicia, ademais da convicción que desde a formación de Pablo Iglesias se ten de que a mellor fórmula para aglutinar máis apoios consiste en manter a referencia ao seu partido nas papeletas. Non renuncia á marca para as xerais, pero Gómez Reino xa adiantou que si se renunciaría para "diluírse" unha confluencia de cara ás vindeiras eleccións autonómicas.

Podemos Galicia aposta por unha federación e non renunciar á marca para as xerais pero si "diluírse" nun espazo de confluencia para as autonómicas

Beiras, no entanto, cre que nos atopamos "nunha conxuntura histórica na que calquera que non contribúa" á confluencia de base cidadá "será responsable de provocar a frustración da cidadanía". Ademais, desde o BNG insístese en que "é crucial que o país teña unha gran representación para defender os nosos intereses, un modelo social e económico que nos permita saír da crise, defender os nosos sectores produtivos para xerar emprego e frear a sangría migratoria como consecuencia das políticas nefastas que aplica o PP”.

Por iso, o Bloque levará a cabo unha campaña política “de difusión e de concienciación da necesidade de ter unha alternativa potente e unitaria galega para ter unha gran representación en Madrid" e que será "un dos eixos da actividade do BNG de aquí á campaña das elección xerais”, tamén a través de asembleas abertas nas vilas e cidades. 

A formación nacionalista pon tamén prazos e considera que na terceira semana de setembro debe estar “clarificado o panorama” para saber cales son as alternativas, as plataformas e as forzas políticas "que conflúen nesa grande candidatura galega" para o Congreso. “Ten que ser unha candidatura para derrotar os proxectos neoliberais e centralizadores que representa a dereita española”, rematou Vence. 

Ademais, a coordinadora de Anova aprobou "encetar" o diálogo para "a elaboración dunhas bases estratéxicas e un preacordo político previo a calquera acordo electoral". Segundo asegurou Beiras, nas conversas "cuns e con outros" hai "un eneorm ámbito de concidencias en cuestións básicas" que deberían rematar nun preacordo. 

Consello Nacional do BNG CC-BY-SA BNG
Xosé Manuel Beiras, ante a prensa Dominio Público @Anova_irmandade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.