Galicia acollerá a pouco das xerais unha xuntanza de alcaldes de candidaturas unitarias

Representantes de varias candidaturas cidadás do Estado Dominio Público @AhoraMadrid

Galicia acollerá este outono alcaldes e alcaldesas de candidaturas de unidade popular de todo o Estado. Será o Concello da Coruña quen organice a segunda metade de novembro esta xuntanza, "continuación da que tivo lugar estes días en Barcelona", e na que estiveron presentes o rexedor coruñés, Xulio Ferreiro, e o de Compostela, Martiño Noriega, xunto a seis rexedores máis, como a de Barcelona, Ada Colau, ou a de Madrid, Manuel Carmena.

O Concello da Coruña organizará coa axuda de Compostela unhas xornadas con alcaldes de candidaturas de unidade popular

A xuntanza celebrarase así a poucas semanas das eleccións xerais, previstas en principio para o 20 de decembro, e cumprirá co obxectivo que o goberno local da Marea Atlántica xa expresara a poucos días de comezar o seu mandato. Desde o executivo insístese nas vontades da "cooperación" entre estas denominadas "cidades rebeldes". 

No acto da Coruña, que contará coa colaboración do de Compostela para a súa organización, espérase cando menos a presenza da rexedora de Badalona (Dolors Sabater), así como os de Santiago, Martiño Noriega; Cádiz, José González Kichi; Zaragoza, Pedro Santiesteve, e de Pamplona, Joseba Asirón, todos eles presentes en Barcelona. Serán convocados "como representantes de distintos concellos protagonistas dos fondos cambios políticos que se iniciaron nas pasadas municipais do 24 de maio", e comprometidos con liñas de goberno "baseadas, entre outras cuestións, na participación da cidadanía nas tomas de decisión e na transparencia, así como na defensa dos dereitos sociais".

O cónclave unirá "representantes de concellos protagonistas dos fondos cambios políticos que se iniciaron nas pasadas municipais"

Serán estes temas nos que se centren as mesas de traballo que se organizarán na cita de novembro e que buscan "afondar nas redes de traballo entre municipios, para que estes poidan compartir tanto experiencias como recursos e métodos de traballo en rede". 

Xulio Ferreiro, nun dos actos celebrados esta semana no encontro de Cidades polo Ben Común en Barcelona, reivindicou a "inxenuidade" á hora de gobernar, así como unha necesaria unión das urbes gobernadas por candidaturas populares para así axudarse mutuamente a "sortear obstáculos" que chegan "desde un Ministerio de Madrid". "Somos inexpertos e aínda pisamos algunha trampa. Non pasa nada, ao contrario oxalá conservemos esta inxenuidade ata o último día" insistiu tras lembrar a morea de veces que se emocionara desde que accedera á alcaldía.

Ademais, neste pasado sábado en Barcelona, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o de Santiago, Martiño Noriega, reuníronse coa rexedora barcelonesa, Ada Colau, co obxectivo de tratar diversos temas de interese municipal, así como posibles formas de colaboración á hora de "afrontar problemáticas comúns na vida local", segundo aclara o goberno local da Coruña.

Ás xornadas e Barcelon tamén foron convocados tanto o concelleiro da Coruña de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, a a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, e a de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso.

Xulio Ferreiro e Ada Colau, nun acto en Madrid © Sandra G. Rey

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.