PP e PSOE recuperan folgos cara ás eleccións xerais

Estimación de escanos - setembro 2015 CC-BY-SA O Mirante

Achéganse as eleccións e PP e PSOE recuperan parte dos folgos perdidos. As enquisas publicadas durante o último mes e as tendencias observadas dende as eleccións de maio conflúen cara a unha clara conclusión: o que se deu en chamar "bipartidismo" está en plena recuperación e esta acelera o seu ritmo. Se as eleccións a Cortes xerais previstas para decembro se celebrasen este setembro populares e socialistas sumarían algo menos do 54% dos votos. Son, non obstante, case 20 puntos menos dos que a súa suma acadou nos comicios xerais do ano 2011.

Segundo se tira da edición de setembro d'O Mirante, o panorama electoral elaborado polo analista Carlos Neira para a Asociación de Medios en Galego, o PP está en disposición de acadar o 29,1% dos votos, que se traducirían nunha franxa de entre 131 e 137 escanos. A caída dos populares sería de 15 puntos e 50 escanos a respecto de hai 4 anos. No caso do PSOE o seu retroceso a respecto de hai catro anos sería de apenas catro puntos, ata o 24,7%, e de entre 1 e 7 escanos, quedando entre 102 e 107.

PP e PSOE consolídanse e aceleran a súa recuperación tanto ao mesmo ritmo que caen as principais forzas emerxentes do ámbito estatal, Podemos e Ciudadanos, se ben estes movementos non son simétricos. Así, practicamente todo o voto que perden os de Albert Rivera, uns 2 puntos porcentuais, é sumado esencialmente polos de Rajoy, e só unha parte residual vai cara á esmorecente UPyD. Mentres, o PSOE non suma o que perde Podemos: unha parte dos sufraxios que se lle restarían aos de Pablo Iglesias regresarían a IU e outros ficarían sen adscrición clara de voto, nun espazo electoral aínda por definir.

O PP suma o voto que perde Ciudadanos, pero o PSOE non logra o que abandona Podemos

Con todas estas tendencias só habería dous escenarios posibles para sustentar un Goberno con estabilidade. Un deles sería a 'gran coalición' entre PP e PSOE e a outra, un Executivo que estivese apoiado, cando menos, por tres partidos. Todo isto prodúcese, asemade, cunhas cifras nas que a lei electoral penaliza cada vez máis a Podemos e Ciudadanos e premia a PP e PSOE.

Este estudo, baseado como en cada edición no modelo de house effects, consistente en tirar de cada sondaxe publicada os efectos do traballo sociolóxico e achar un promedio entre todos eles, indica tamén un certo retroceso das forzas soberanistas clásicas de Euskadi e Catalunya. No entanto, cómpre tomar estes resultados con cautela, toda vez que se trata de inquéritos de ámbito estatal e, para calibrar axeitadamente o nivel de voto destas formacións, cumprirían enquisas de ámbito territorial máis reducido.

Partindo destas cautelas a análise indica, ademais deses lixeiros retrocesos do nacionalismo en Catalunya e Euskadi, un mantemento do BNG arredor dos dous terzos de punto. Mentres, Compromís ou Geroa Bai seguen medrando sostidamente e, como novidade, a estimación deste mes indica que o rexionalismo cántabro liderado por Miguel Ángel Revilla, o PRC, podería chegar a lograr un escano no Congreso.

Rajoy, Feijóo e Pastor, en Soutomaior © PP
Pedro Sánchez, líder do PSOE, nun acto de partido © PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.