O debate de nunca acabar sobre a candidatura unitaria en Galicia

A Praza da Quintana, durante a manifestación da 'Nación Galega' CC-BY-NC-SA GZFoto

"Unha candidatura unitaria ou é unha ou non é unitaria. Nese caso, serían dúas candidaturas fracasadas". Quen así falou foi Xosé Manuel Pereiro, un dos coordinadores da plataforma Iniciativa pola Unión durante o debate que na noite do xoves organizou o programa A Crónica da Radio Galega. Alí, Marilar Aleixandre, coordinadora do Encontro Cidadán pola Marea Galega, amosou tamén a súa confianza en que nas vindeiras eleccións haxa "unha soa papeleta como alternativa ao bipartidismo en Galicia". Foron os dous voceiros dos dous espazos que pulan pola confluencia os que abriron un faladoiro no que continuaron logo representantes de Anova, BNG, Podemos e Compromiso por Galicia (CxG). A posible candidatura única da esquerda rupturista e do nacionalismo de cara ás eleccións xerais foi a base de todos os discursos, tan coincidentes e aperentemente idénticos nalgúns aspectos como pouco reveladores e claros noutros. Todo o mundo confía nesa unidade, pero ninguén é quen de concretala nin de poñer prazos. Nin tan sequera de confirmar os actores.

Díxoo Xoán Bascuas, secretario xeral de CxG, que apelou a falar "con claridade e sinceridade". "Se todo o mundo comparte a diagnose e o obxectivo, por que non se chegou a un acordo xa? Todos entendemos que o protagonismo ten que estar na cidadanía e que os partidos deben ser auxiliares; se a base e o exemplo son as candidaturas unitarias das municipais, digámolo aquí e agora", asegurou quen cre que "todo o mundo quere fumar da pipa da paz, pero non todo o mundo quere tragar o fume".

"Se todo o mundo comparte a diagnose e o obxectivo, por que non se chegou a un acordo xa?", di Xoán Bascuas (CxG)

Porque todos os participantes coincidiron en recoñecer a Galicia "como suxeito político soberano e como nación", tamén no proceso electoral. Así o dixeron Antón Sánchez, coordinador de Anova, e Xavier Vence, portavoz nacional do BNG, pero o debate encallou na relevancia que se lle debe dar ou non a ese suposto "obxectivo" do grupo parlamentario propio. Antes, Consuelo Martínez, de Cerna, aseguraba que a "única aposta sensata" esa era candidatura unitaria "nacional".

Antón Sánchez cre que o debate "non debe centrarse no grupo parlamentario", senón que o primeiro obxectivo é "acabar con este réxime e para iso hai que establecer alianzas". En termos semellantes se mostrou Antón Gómez-Reino, secretario de análise política de Podemos en Galiia, que asegura que a súa formación "vai poñer todos os mecanismos para que ese grupo sexa posible" pero que insiste no debate "trampa e cansino".

A relevancia do grupo parlamentario como obxectivo divide as diferentes formacións políticas

Bascuas, pola súa banda, insistiu na "importancia" dese posible grupo como "ferramenta" pero lembrou que a posibilidade de telo debe ser unha aspiración, aínda que non o "obxectivo fundamental" porque iso, ao final, depende non só dos resultados senón posiblemente da vontade da Mesa do Congreso, algo no que incidiu Podemos. Xavier Vence, pola súa banda, lembrou que ese grupo parlamentario propio é "o que dá toda a marxe de manobra e negociación para negociar con total autonomía" no nome de Galicia e que este "non debe estar supeditado a ningún outro grupo". "Esa é a condición inescusable e non debería ser unha barreira para ninguén que considere a Galiza unha nación e un suxeito político propio", insistiu quen tamén lembrou que non é que ese grupo sexa a condición -xa que só os resultados o garantirían- senón o propósito dunha candidatura que non tería que responder ante ningún outro espazo político.

Bascuas pediu "sinceridade" e deixou claro que impor as siglas dun ou varios partidos deixaría fóra a outros

E foi aí onde volveu entrar a eterna polémica das siglas e a denominación desa hipotética candidatura unitaria. Mentres Podemos teime en manter as súas siglas, o acordo global parece imposible. E Bascuas volveu intentar ser claro. "Hai que ser sinceros. Se hai unha plataforma cidadá de adscrición individual, unha forza política quedaría fóra porque quere manter o seu nome; e se hai unha coalición coas siglas de todos os partidos, haberá problemas con quen non quere compartilas con forzas estatais", dixo en clara alusión á formación que dirixe Pablo Iglesias e ao BNG.

O BNG destaca que Podemos considere irrelevante o obxectivo do grupo propio mentres pon como condición manter as súas siglas

Xavier Vence destacou o feito de que, mentres para Podemos a cuestión do grupo propio non é un tema crucial, "si considera aceptable unha condición como a de levar as siglas dunha forza política na candidatura para poder formar parte dela". "Nós renunciamos a elas porque consideramos que podían ser un obstáculo; Galiza debe negociar en pé de igualdade", insistiu. Ao tempo, Gómez-Reino tamén insistiu, neste caso en que ese "espazo galego de cambio se federe ou teña como referencia a ferramenta política de cambio a nivel estatal". E incidiu, ao igual que Antón Sánchez, na referencia das mareas municipalistas do 24M como base fundamental á que engadir outros actores.

Pero mentres isto ocorre, uns e outros seguen insistindo en que haberá esa confluencia e esa candidatura unitaria. Non se sabe aínda como, nin cales serán os actores, nin se estarán todos ou non. E os atrancos que parecían inamobibles hai xa meses semellan estar exactamente no mesmo lugar que estaban. Antes, Inciativa pola Unión e o Encontro Cidadán por unha Marea Galega tamén deixaron claras as súas coincidencias na diagnose e no obxectivo pero tamén as súas diferenzas na metodoloxía.

"O que é innegociable é que, de sacar máis de cinco deputados, debe haber grupo propio e, de non sacalos, deben estar no grupo mixto e non noutro", di Pereiro

"O que é innegociable é que, de sacar máis de cinco deputados, debe haber grupo propio e, de sacar menos, estes parlamentarios deben ir ao grupo mixto e non a outro. Se van a outro, ao final pasa o que pasa e haberá quen diga que non se pode votar a favor dos estaleiros de Ferrol e non dos de Cádiz porque hai millóns de votantes en Andalucía", asegurou Pereiro, mentres Marilar Aleixandre insistiu en que ese grupo propio "é unha ferramenta e non un obxectivo"

Relatores dun acto público do Encontro Cidadán por unha Marea Galega CC-BY-SA Praza Pública
Un intre do Banquete de Conxo 2.0 CC-BY-SA Quino Vilas / Pola Unión

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.