0 Gardados para despois

Para o BNG "non hai datos novos" para unha moción de censura na Deputación de Lugo

Redacción | @prazapublica

O portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, arrefriou este sábado as crecentes expectativas, mesmo recollidas nalgún medio de comunicación, sobre a posibilidade da presentación inminente dunha moción de censura na Deputación de Lugo. Jorquera afirmou que "non hai datos novos" sobre esta cuestión, aínda que reiterou a disposición do Bloque a propiciar un cambio no ente provincial, de xeito que reflicta "a vontade expresada polos cidadáns nas urnas", en declaracións que recolle Europa Press. "O PP foi derrotado nas urnas, perdeu a maioría absoluta coa que contaba antes. Hai una maioría plural que se asenta en dúas grandes patas: o BNG e o PSdeG", engadiu. Con todo, o Bloque esixe que se cumpran uns "mínimos" que considera "imprescindibles".

"O PP foi derrotado nas urnas, perdeu a maioría absoluta coa que contaba antes. Hai una maioría plural que se asenta en dúas grandes patas: o BNG e o PSdeG", afirmou Jorquera

Aínda que PSdeG-PSOE (11 deputados) e BNG (2) suman unha maioría absoluta no pleno da Deputación, a popular Elena Candia accedeu á presidencia, que sostén en minoría (12 deputados), debido á negativa do socialista Manuel Martínez (proposto en primeira instancia como presidente e rexeitado pola súa condición de imputado) a votar o candidato consensuado por PSdeG-PSOE e BNG, Darío Campos (alcalde da Pontenova). Segundo La Voz de Galicia, as negociación mantidas por socialistas e nacionalistas estarían preto de chegar a un acordo para investir a Campos, desta volta contando tamén co apoio de Manuel Martínez.

Gómez Besteiro afirmou que "todo o que se faga para recuperar a normalidade será o adecuado e o que se debe facer"

Preguntado por esta cuestión este sábado, o secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, afirmou que "todo o que se faga para recuperar a normalidade será o adecuado e o que se debe facer". Besteiro espera que "o que dixeron os cidadáns nas urnas", un "non ao Partido Popular", se reflicta "canto antes" na Deputación. O ex presidente do ente provincial subliñou que os cidadáns deixaron claro "que ao PP lle tocaba, despois de oito anos, seguir na oposición e que o goberno de progreso continuase". Para Besteiro isto sería importante "non tanto por que goberne o PSOE ou o Bloque, senón porque todo o que se fixo e o que se pode seguir facendo beneficia, sen lugar a dúbidas, a todos os cidadáns e a todos os concellos da provincia".

Pola súa banda, o secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, interveu tamén este sábado neste debate, acusando a PSdeG e BNG de estar preocupados unicamente por "coller o poder". Pediulles que realicen "unha oposición construtiva" ao Partido Popular pois "a xente o que pide pola rúa é que os políticos traballen"

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.