Hai alternativas ao neoliberalismo?

Un intre do coloquio CC-BY-SA Praza Pública

Hai alternativas á crise do neoliberalismo? É a complexa pregunta que lles foi formulada a catro representantes doutras tantas organizacións políticas sentados á mesma mesa na Facultade de Económicas de Compostela. Mariano Abalo, da FPG, Xoán Bascuas, de Máis Galiza, Luís Eyré, do Encontro Irmandiño e Rafael Dopico, do Movemento pola Base -organizadores do evento- deixaron ata certo punto á marxe as conxunturas políticas inmediatas que pairaban sobre o acto para reflexionaren sobre as dificultades económicas, os seus efectos na cidadanía e as posibles saídas a unha "situación dramática".

Abalo: "Agás as folgas xerais e o 15M non hai respostas, habería que saír á rúa todos os venres"

O primeiro en ofrecer a súa diagnose foi Abalo, quen ve na actual conxuntura económica o resultado de "todo un deseño que reafirma que o capitalismo vai ter unha brutalidade tremenda", "van desaparecer as clases medias e vai haber un empobrecemento a nivel global". "Atácanse as cousas máis incribles, os dereitos máis elementais" e, por iso o tamén concelleiro en Cangas do Morrazo ve "vital" que "as clases traballadoras recuperen o pulso". "Agás as folgas xerais e o 15M non está habendo respostas" cando, na súa opinión, cada recorte gobernamental debería ser amplamente protestado. "Todos os venres habería que saír á rúa", di, en referencia á xornada de celebración do Consello de Ministros.

Bascuas: "A primeira vitoria da dereita é na xeración de pensamento"

Neste contexto dende Máis Galiza o seu secretario xeral ve como unha das saídas a necesidade de "devolverlles aos poderes públicos a súa capacidade de regular a economía en beneficio da cidadanía", xa que o neoliberalismo, di, "non renunciou" a "regularizar" a economía, só que o fai para "beneficiar só a un segmento social". "Intervén e regula", por exemplo, para "substraer" as caixas de aforro do control "do poder autonómico e dos depositarios". Esa "implicación dos poderes públicos" ten que ser tamén determinante, na súa opinión, para "dinamizar o consumo". "Se non hai consumo, non hai dinámica económica e non se crea emprego", ilustra.

Dopico: "Cómpre rachar o divorcio entre esquerda social e esquerda política"

E, cal pode ser o papel das organizacións políticas neste contexto? Para Rafael Dopico, do MpB, cómpre comezar por "rachar o divorcio entre a esquerda social e a esquerda política", tendo en conta, abonda Bascuas, que "a primeira vitoria da dereita é na xeración do pensamento, inoculando na cidadanía que todo o que está acontecendo é culpa dela". Neste sentido, o irmandiño Luís Eyré coida que as propostas que se lle lancen á cidadanía "non poden ser temas que se vaian decidir noutros ámbitos". "Aínda que sexa pouco o que aquí se poida facer, a acumulación de forzas que significaría lograr unha maioría social en torno a unha maioría nacionalista e de esquerdas poderíase proxectar noutras instancias, como o Estado español e Europa". Esa posible "alternativa" ten que ser, en todo caso, "moi cauta, para non xerar frustracións". Trátase, di, de dicir "con estas institucións autonómicas raquíticas podemos chegar ata aquí".

Eyré: "Unha alternativa ten que ser moi cauta, para non xerar frustracións"

Nesa perspectiva de Eyré coincide tamén en certo xeito Abalo, dende cuxo punto de vista "hai que recuperar a autétnica política de fronte popular, de coincidencia de todas as forzas progresistas que non estean pola eliminación dos dereitos democráticos e das liberdades máis esenciais". "É o momento de aglutinar forzas para defender os dereitos máis elementais" porque, asegura, "se mañá a OTAN ten que intervir en Lisboa, en Madrid ou en Compostela" por "rendibilidade", "vaino facer".

Un intre do coloquio CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.