Feijóo augura un "cataclismo económico e social" se o PP perde as xerais

Feijóo, tras un Consello da Xunta © Ana Varela

O nome de Alberto Núñez Feijóo figura recorrentemente nas cábalas de cargos do PP que poden dar o salto a Madrid e é un dos incluídos na escasa nómina de dirixentes con posibilidades de serviren de recambio para Mariano Rajoy no caso de que non revalide a presidencia do Goberno de España nas eleccións de decembro. Con este pano de fondo o presidente da Xunta retomou hai tempo a actividade estatal que reducira tras a crise política polas fotos con Marcial Dorado e multiplicouna nos últimos meses, con aparicións en escenarios tan mediáticos como a campaña electoral catalá, pedindo o voto para o controvertido Xavier García Albiol. Neste contexto, Feijóo déixase ver tamén nos foros que satisfacen o sector máis á dereita dentro do PP, e nun deles é onde este xoves augurou un "cataclismo" no caso do que o seu partido non goberne tras os vindeiros comicios xerais.

Antes da xuntanza semanal do Goberno galego Feijóo participou no programa radiofónico dirixido e presentado por Federico Jiménez Losantos, na ultraconservadora esRadio. Alí foi cuestionado pola súa dispoñibilidade para substituír a Rajoy no caso de derrota e, malia asegurar que non contempla a "hipótese" de que o PP "non vaia ser maioritario nas eleccións de decembro", admite que o escenario podería mudar. A xuízo de Feijóo, un Executivo que, por exemplo, estivese avalado por PSOE e Podemos suporía todo un "cataclismo económico, social e de nación" e, nese caso, "habería moitas cousas que pensar e reflexionar". 

Entre os ataques de Losantos a Rajoy o líder do PP galego dá en admitir que no liderado do seu partido pode haber "carismas discutibles, sensacións positivas ou negativas", pero asegura que é o único "camiño polo que se chega ao benestar". Se a dereita sae de La Moncloa, prognostica, "volveremos ver se podemos pagar as medicinas nas farmacias e empezaremos unha discusión de psicoanálise para preguntarnos se somos españois".

O presidente da Xunta lamenta que o PSOE non forme coalicións co PP e reitera a necesidade dunha reforma da lei electoral

Estes e outros motivos son os que levan a Feijóo a apostar por unha nova vitoria de Rajoy, pero tamén a reclamar por enésima vez unha reforma da lei electoral. Faino, asegura, porque "o PSOE xa non é unha alternativa de Goberno". "Se tivésemos a oportunidade de falar cun partido homologable ao resto de partidos socialdemócratase europeos volveríamos recompoñer o mapa político", que, diagnostica, ficou descomposto tras as eleccións municipais en cidades como A Coruña, onde "gañamos, pero o PSOE votou a favor do candidato de Podemos Mareas". Cómpre, sinala, unha reforma que lle outorgue o goberno á lista máis votada porque, ao seu xuízo, se está a "incumprir o espírito da lei electoral española", feita "para a transición" e que agora, dende a súa perspectiva, impide "que os cidadán vexan reflectido o seu voto no seu alcalde ou no seu presidente de comunidade autónoma. "Se Adolfo Suárez se presentase ás eleccións hoxe non sería presidente, porque o PSOE pactaría con todos para que non gobernase", fabula.

O "decreto do galego e do español"

Feijóo admite que a Xunta fai unha enquisa lingüística que na práctica é vinculante: "Se a maioría dos pais queren que os seus nenos aprendan a ler en castelán, faino toda a aula"

Alén do seu futuro político Feijóo foi cuestionado tamén sobre a "escolarización dos nenos en español" que, segundo o condutor da entrevista, non está garantida en Galicia. Para o presidente a pregunta resulta "moi pertinente", xa que o Tribunal Constitucional vén de rexeitar o recurso de amparo formulado pola Real Academia Galega como última tentativa de frear o denominado decreto do plurilingüismo pola vía xudicial. Despois de asegurar que "perderon todas as sentenzas que impuxeron contra o decreto do galego e do español" e, acto seguido, admitir que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia "advertiunos de dous preceptos que non eran conformes a dereito" en varias sentenzas, o presidente admitiu que, na práctica, o seu goberno executa unha das partes do decreto que, segundo o alto tribunal galego, eran ilegais. 

"Eu comprometinme a facer enquisas vinculantes entre os pais para coñecer a opinión sobre a lingua" e decidir o idioma do ensino "e o TSXG invalidou ese artigo, dicindo que esa non é unha facultade dos país", lembra o presidente. "É verdade que eu fago unha enquisa non vinculante por imperativo legal", detalle, pero en Educación Infantil "se a maioría dos pais dunha aula queren que os seus nenos empecen a ler e escribir en castelán, empeza a ler e escribir en castelán a totalidade da aula", admite, o que implica, polo tanto, que a enquisa pasa a ser vinculante pola vía dos feitos. O modelo, asegura, complétase impartindo "un 50%" das materias en galego e outro tanto en castelán no resto de niveis educativos, algo que, segundo se veu acreditando nestes anos, non se está a cumprir.

Feijóo, nos corredores de San Caetano antes dun Consello © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.