O asociacionismo galego en Catalunya reflexiona sobre o 27S

Manifetación pola Diada 2015 en Barcelona CC-BY-NC-ND SantiMB.Photos

Catalunya vive este vindeiro domingo unha xornada histórica. Ben sexa polo carácter "plebiscitario" que lles dá o nacionalismo ou pola importancia chave para o resto de formacións, as eleccións autonómicas do 27S marcarán un antes e un despois na política catalá, pero tamén no futuro do Estado. Será tamén unha data fundamental para os milleiros de galegos que viven ás beiras dun país onde a mobilización independentista estendeuse con forza durante os últimos anos. Tres representantes do asociacionismo galego en Catalunya reflexionan en Praza sobre o presente e o futuro da súa terra de acollida. 

Son Suso López, integrante da Asemblea Galega Cultural de Barcelona (AGCB), Camilo Fernández, presidente do Foro Cívico Galego de Barcelona (FGCB) e Manuel Carrete, presidente do Centro Galego de Barcelona (CGB). Un leva poucos anos en Catalunya, outro máis de media vida e algún xa naceu alá. E entre tanto balbordo, intentan deitar luz sobre un proceso que non se vive aló tal e como nolo pintan acó. Ou iso é o que eles din. 

"Non hai dúbida de que é un momento excepcional", di Suso López, da AGCB

"Non hai dúbida de que é un momento excepcional". Así o define Suso López, membro activo da AGCB e que leva tres anos vivindo en Barcelona. "Poucas voces dubidan de que estamos nun momento de crise do réxime institucional e do Estado español; tocou fondo no caso catalán, pero tamén noutros lugares", di quen cre que "xente que noutros momentos sería proclive a pactos como os da Transición" xa non confía niso. 

Camilo Fernández, presidente do FGCB e profesor de Filoloxía Románica galega e portuguesa da Universitat de Barcelona, leva 35 anos en Cataluña. “Un pouco máis da metade da miña vida”, di e asegura que o proceso político catalán “vívese cunha vizosidade e dinamismo” moi acentuado con respecto á vida política no Estado. “Hai un ambiente de expectativas, esperanzas, debates e intercambios de ideas”, insiste quen cre que iso confirma “a existencia dunha democracia máis desenvolvida que a que adoitamos percibir noutras partes do Estado”.

"O proceso vívese con vizosidade e dinamismo", aclara Camilo Fernánez, presidente do Foro Galego Cívico de Barcelona

Pola súa banda, Manuel Carrete, presidente do CGB, coincide na importancia dos comicios pero cre que se presentan "como unhas eleccións plebiscitarias cando non o son". "Ao día seguinte, haberá que gobernar un país e en Junts pel Si, que se prevé que será quen lidere o goberno, hai xente con pensamentos e ideas económicas moi diferentes", advirte quen cre que non se deberían tomar as eleccións tan só como unha dicotomía entre independencia ou non, senón tamén "entre a esquerda e a dereita". "Eu véxoo así porque neste novo Parlamento haberá moitas votacións sobre política social na que o lóxico sería que deputados de ERC, CUP, Catalunya Si que es Pot e mesmo o PSC votasen xuntos", di o dirixente dunha das maiores insitucións galegas da diáspora que se pregunta "se a partir de agora se vai apostar pola concertación privada nos hospitais ou pola sanidade pública". 

Manuel Carrete, presidente do Centro Galego, cre que o 27S debería tomarse tamén como unha elección "entre dereita e esquerda"

Para Suso López, esta "carga plebiscitaria" que se lle dá ás eleccións terá "dobre lectura: en votos e en escanos". E aquí é onde o membro da AGCB ve "un problema" porque "se Junts pel Si opta por tirar cara adiante só coa maioría de escanos, quedas con máis do 50% da poboación non representada neses parlamentarios". "Aí o proceso de normalidade e de debate si que podería ter un punto de fricción", di. 

Porque iso é o que relatan todos eles: normalidade. Moito máis da que se pode pensar desde fóra. Así o asegura o presidente do FCGB, que cre que a situación non é a que a maioría da xente albisca desde fóra e considera que “a razón fundamental está nos medios de comunicación”. “O control dos medios por parte dos grandes capitais e da oligarquía, especialmente nas televisións públicas e privadas, impide que se teña unha información transparente”, aclara quen cre que tamén aló os medios están “dominados polos poderes constituídos”.

 

"O rebumbio mediático"

"O rebumbio mediático duns e doutros agocha e embaza as tres grandes cuestións que ao meu ver están en causa: en primeiro lugar, a necesidade de superar o actual status quo emanado da Constitución de 1978. Status baseado no dogma da Nación única española, na hexemonía do PP-PSOE como partidos turnantes no poder durante esta longa segunda Restauración monárquica, e na perpetuación dos privilexios dunha oligarquía corrupta na que se inclúe o pujolismo de Catalunya, factores que botan por terra o actual modelo descentralizador do Estado das Autonomías", di Fernández.

Camilo Fernández fala das tres grandes cuestións que explican o proceso: a necesidade de superar o status actual, a vella arela do nacionalismo e a frustración polo Estatut

"En segundo lugar", insiste, está "a vella arela do nacionalismo catalán de centro-dereita e de esquerdas, con fondas raíces históricas e que conta arestora cun amplo apoio social, de despregar un marco xurídico-político propio baseado na soberanía da nación catalá como suxeito de pleno dereito". Tamén inclúe como causas da actual situación "o crecente malestar do cidadán emprenyat, como aqui se di, pola frustración da reforma do Estatut, pola negativa do Estado a pactar coa Generalitat un rexime fiscal máis equitativo e as agudas retalladas dos servizos públicos sufridas no último lustro".

Ademais da situación política, estes representantes do asociacionismo galego rexeitan ese enfrontamento civil que se fai ver desde algúns puntos. "Desde fóra non se está vendo como se está a vivir desde dentro de Catalunya", di Suso López, que lembra que "os independentistas e os que non o son camiñan polo mesmo lado, non uns nunha beirarrúa e outros noutra". "Non hai tal confrontación social nin a houbo nunca; o panorama xeral é de normalidade, dunha cita electoral importante, pero que chega despois de moitos procesos extraordinarios, como cada 11S nos últimos anos", conta. "Ao final, a extraordinariedade normalízase, aínda que é evidente que estes comicios marcarán un punto de inflexión", di. 

"Non hai tal confrontación social nin a houbo nunca; o panorama xeral é de normalidade

Ademais, e en canto a ese teórico enfrontamento da cidadanía, Camilo Fernández lembra que “nas democracias dos países avanzados hai debates e choques de opinión e intereses, así como certas tensións”: “É algo inherente pero non problemático; o que é propio das non democracias é a inexistencia de opinión e debate público”, continúa tras asegurar que a actitude “de civismo impoluta” é o que destaca. “Ese é o grande alicerce das democracias avanzadas e se cadra noutras partes hai menos madurez política, menos partidos propios e menos debate”.

"Iso é o que reviste de carácter excepcional as eleccións do 27S. Para moitos cidadáns, máis que unhas eleccións autonómicas ao Parlamento de Catalunya, son un plebiscito de autodeterminación, se non de iure si de facto. Eleccións das que os prognósticos apuntan que poderían lexitimar -e isto é o que fai tremer todas as esferas do poder instituído, dende a gran patronal ata Filipe VI-Obama- maiorías parlamentarias a prol do proceso constituínte dun novo Estado catalán", insiste o dirixente do FGCB, que cre que este resultado sería "un sismo que obrigaría a desfacer vellas costuras socioeconómicas e refacer marcos xurídicos, estratéxicos para a existencia do Estado español en si e na UE".

En canto á campaña, Suso López recoñece que está centrada na independencia pero lembra que Catalunya "segue vivindo cunha normalidade abraiante os mesmos problemas sociais de recortes ou desafiuzamentos". "Todo iso segue latente e hai manifestacións cada pouco", destaca quen cre que advertencias como as da saída da UE non influirán moito nos electores. "Se algo amosou este país foi unha madurez política importante; é  unha sociedade que está a levar a cabo a maior mobilización democrática de Europa desde hai varios anos", engade. 

"Precísanse certezas e todo sería máis doado se houbese unha proposta económica e social clara"

Para Manuel Carrete é precisamente ese tema social e económico o que bota en falta na campaña. "Se van tirar cara á independencia, o proceso habería que facelo con tempo, con calma e cun plantexamento económico de país e unhas bases, pero seguimos sen saber moitas cousas do futuro", di quen cre que "coa ilusión a xente non come e ao hospital has ter que ir igual". "Precísanse certezas e todo sería máis doado se houbese unha proposta económica e social clara", advirte. 

Bandeiras independentistas nun balcón en Cataluña

Os prognósticos para o 27S

Respecto do resultado do 27S, Camilo Fernández cre que as urnas “van reflectir unha maioría crítica importante, un avance da democracia e da conciencia nacional catalá”, aínda que non se advirte a augurar porcetanxes. O que si cre é que “unha porcentaxe ampla estará a prol desa autoorganización política”. Así, cre que o vindeiro luns “porase en marcha un proceso complexo pero interesante para a creación dun Estado catalán” que, no futuro, “será configurado de maneira independente, confederal ou federal de novo formato”. “O que non se volverá é á autonomía como tal, iso desde logo”, engade quen considera que o problema territorial en España “arrástrase desde hai 150 anos” ao non terse recoñecido “a plurinacionalidade lingüística, social e económica” do Estado. “O centralismo e o nacionalismo español simplifícano todo”, remata.

Fernández aposta pola posta en marcha do proceso para a creación dun Estado, que será "independente, confederal ou federal de novo formato"

Para Fernández, tras dese "aparente choque dos nacionalismos (catalán e español), de feito un David enfrontado a un Goliat, conviría non ignorar o rexurdimento dun vello drama ou trauma histórico-social  que aboura o Reino de España na idade contemporánea: o da negación das Hespañas como mosaico rico e complexo de pobos, nacións e cidadáns libres que a integran". "Suxeitos que esixen fundar a convivencia  non na negación imperialista nin na imposición de hexemonías oligárquicas. Senón no pleno recoñecemento equitativo das identidades diferenciais de cada parte. Debidamente reorganizadas como realidades cooperativas e non subalternas como ata agora", indica. 

Manuel Carrete, pola súa banda, arrisca máis e cre que o feito de que ERC se incluíse na lista de Junts pel Si xunto a CDC provocará un aumento importante de votos cara á CUP. "Eles son a esencia do independentismo de esquerdas e cunha clara mensaxe económica e social que en Esquerra quedou difuminada agora", di quen cre que tanto esa CUP como Unió poden ser as sorpresas e poden quitarlle votos á lista de Mas, Romeva e Junqueras. Ademais, considera que nin Podemos nin Ciudadanos cumprirán as expectativas e que o PP amortiguará a súa caída mentres o PSC pode levar un duro golpe. 

Manuel Carrete cre que a CUP recollerá moreas de votos que antes ían a ERC e aposta por que Unió dará a sorpresa

Para Suso López, as enquisas "se algo demostran é que erran", pero no entanto cre que Junts pel Si será a lista maioritaria e que a clave estará en "ver que pasa co voto oculto do PP".  Sexa como for, este galego asegura que a ACGB "ten claro que a ha de ser o pobo catalán o que decida o seu futuro" e nese futuro, segundo aclaro, os galegos residentes a contará como calquera. "Non sobramos, somos parte activa deste proceso e como tal o estamos facer, con normalidade", di. 

"O proceso debería ser visto pola cidadanía de España e de Galicia como unha oportunidade histórica"

O presidente do FGCB, Camilo Fernández, cre ademais que o denominado problema catalán "debería ser visto pola cidadanía de España -e de Galicia- sen prexuízos atávicos ou frontistas". "Ou sexa, non só como un desafío ao Estado descentralizado, rexeitado por caduco, deforme e inxusto, senón como unha oportunidade histórica. A de repensar e aprofundar a democracia, a liberdade cívica, a xustiza social e o progreso material e cultural de todos. E para pactarmos un novo ordenamento xurídico-político e socioeconómico sobre a realidade plurinacional, plurilingüística e intercultural das Hespañas", reflexiona. 

Manuel Carrete, pola súa banda, cre moi "complicado" que o proceso independentista siga cara adiante polos atrancos que pode atopar na Unión Europea e no veto dos Estados e insiste na incerteza, sobre todo económico, que provocaría. Defende, iso si, "que se lle pregunte á xente a través dunha consulta democrática", pero aclara que "para chegar a iso, tería que haber políticos responsables e non os hai". "Aquí seguimos co problema do 3%, que se está a cubrir cunha bandeira... E iso non significa que eu defenda os de Madrid nin os de aquí, porque son igual de crítico con todos", remata. 

Manuel Carrete, presidente do CGB, ante unha mesa galega do Sant Jordi © CGB
Mesa da ACGB, no Sant Jordi © ACGB

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.