Anova, EU e Podemos presentarán para a semana un acordo no que queren implicar máis "actores"

Iglesias, con Beiras, Díaz e outros membros de Anova e EU © Podemos

Anova, EU e Podemos saíron ao paso das informacións sobre o preacordo "político e non electoral" que negocian de cara ás xerais. Nun comunicado conxunto, aseguran que a súa intención é presentar este documento "publicamente" a vindeira semana e que o que pretenden con el é "facilitar a unidade popular entre a cidadanía activa que se rebela e os partidos da esquerda rupturista e de cambio". 

As tres formacións aseguran que o acordo pretende "facilitar a unidade popular entre a cidadanía activa e os partidos da esquerda rupturista"

As tres formacións din que entre elas "existen coincidencias importantes á hora de analizar o contexto sociopolítico actual e o camiño a seguir" e aseguran que é "por iso" polo que están "traballando", como xa viñeron facendo "noutros espazos políticos e sociais" para "tratar de chegar a un marco de acordo político dende o que construirmos en común con outros actores".

"Temos o compromiso de facer o noso papel como organizacións políticas, que para nós é o de facilitar a unidade popular entre a cidadanía activa que se rebela e os partidos da esquerda rupturista e de cambio", din as tres organizaciós, que cren que "só así poderemos darlle a volta ás políticas que levan anos agredindo á cidadanía do común e avanzar co horizonte posto nun cambio de réxime".

Anova, EU e Podemos xustifican o seu acordo na necesidade de "chaegar a acordos políticos para definir os obxectivos"

Ademais, aseguran que o papel dos partidos "da esquerda rupturista e de cambio" é só un dos "piares básicos" neste proceso de cara ás eleccións xerais. Nos outros situán ás" mareas" e ás "iniciativas cidadás, plataformas e demais axentes". "Como partidos políticos que somos, loxicamente tratamos de facer a nosa parte, chegando a puntos en común con outros partidos", din, e "animan" a que "todas as partes fagan o mesmo nos seus ámbitos para, despois, tratarmos de construír conxuntamente".

Anova, Podemos e EU insisten en que traballan nun preacordo "de carácter político, non electoral", xa que entenden que "existen moitos outros actores cos que construír unha alternativa electoral concreta". "Porén", din, "cómpre antes chegar a acordos en clave política para definir os obxectivos". "Cremos que temos a obriga e a responsabilidade de irmos concretando cuestións, amais de seguir en interlocución constante con todos os axentes, por canto o réxime e a súa maquinaria non esperan", manifestan. 

O preacordo, segundo aclaran as tres formacións, "está a ser socializado como posíbel punto de partida cos principais actores sociais e políticos que, ao noso entender, poderían construír colectivamente unha alternativa para acadar os anteditos obxectivos". E anuncian que "unha vez feito isto", será cando se presente publicamente. 

"Queremos aclarar que entendemos este preacordo como un novo chanzo na conformación dun espazo amplo, rupturista e plural para o rescate da democracia, ruptura co rexime do 78 e a mudanza das políticas, mais sempre co ollar posto na referencia que constitúen os espazos de confluencia que mudaron o panorama de moitos concellos galegos o pasado 24M", rematan. 

Beiras, Díaz e Iglesias e outros membros das súas formacións CC-BY-SA Podemos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.