Os resultados das eleccións catalás axitan a confluencia en Galicia

Beiras, Iglesias, e Díaz, o pasado xullo na Coruña CC-BY-SA Podemos

O resultado das eleccións catalás e o carácter plebiscitario que se lles outorgou infúen tamén na política galega. As valoracións que uns e outros fan dos comicios evidencian o interese por resaltar o beneficioso para as súas opcións, pero non só de cara a un futuro resultado electoral, senón tamén de cara ás alianzas que en Galicia se negocian para as xerais do vindeiro mes de decembro. 

A vitoria do independentismo en escanos, o auxe da CUP e o fracaso de Podemos nas súas expectativas semella variar un chisco as posicións duns e doutros nesa negociación pola confluencia da esquerda e do nacionalismo en Galicia. Catalunya Sí que es Pot (CSQP) -a marca na que se integrou a formación de Pablo Iglesias xunto a Iniciativa e Esquerra Unida- quedou nos 11 escanos, dous menos que IC-V en solitario e con tan só 8.000 votos máis cunha participación moito máis alta. A coalición, tal e como recoñeceu o partido morado, non alcanzou o apoio agardado malia xuntar tamén a EQUO e a versión catalá de IU nun ensaio de confluencia que non deu resultado. 

Os malos resultados de Catalunya Sí que es Pot téñense en conta en Galicia, máis aínda tendo en conta o auxe da CUP

Alberto Garzón, candidato de IU á Moncloa, insinuou que o protagonismo de Podemos na campaña puido ter que ver no frouxo resultado e chegou a referirse ao preacordo entre Anova, EU e o partido morado en Galicia, advertindo que non o considera un dos "pacto de despachos" que insiste en desbotar, xa que non é descartable que se realicen primarias neste espazo galego ao non terse abordado ese tema nas negociacións. 

Sexa como for, o apoio ao discurso de esquerda alternativa e mesmo anticapitalista foi moito mellor recollido en Cataluña pola CUP, que quedou a menos de 30.000 votos de CSQP e que mesmo superou a coalición na cidade de Barcelona. E iso tamén se ten en conta en Galicia. 

Logo da chamada da plataforma Iniciativa pola Unión (IxU) a unha candidatura única "nacional galega" esta fin de semana e despois do preacordo que anunciaron Podemos, Anova e EU, o Bloque reaccionou para asegurar que unha lista galega de unidade é "máis necesaria ca nunca para que Galiza non quede atrás" ante a apertura dunha "nova etapa" no Estado e logo da "clarísima" vitoria das forzas independentistas. 

Vence (BNG) cre que os resultados do 27S demostran que unha lista galega unitaria é "máis necesaria ca nunca"

Así o dixo Xavier Vence, voceiro nacional, que cre que "a reforma constitucional e o futuro modelo territorial serán o gran debate nas eleccións xerais e no Congreso na vindeira lexislatura". "É necesario que Galiza este nese debate, non podemos correr o risco de quedar fóra dun escenario onde se vai redefinir o papel das diferentes nacións”, dixo para insistir na procura desa lista única para acadar "un gruo parlamentario propio" que permita "negociar en pé de igualdade cos demais grupos un novo status para Galiza". 

“Estamos a tempo de sumar se todo mundo é capaz de ver que Galiza debe estar en primeira persoa no debate da inevitable reforma do Estado”, advertiu tras confiar en que o resultado do 27S .-"co fracaso de Pablo Iglesias incluído"-, permita "reconsiderar a posición de Podemos, Anova e EU expresada no preacordo asinado entre as cúpulas destas formacións".

O BNG pide a Podemos, Anova e EU que reconsideren o seu preacordo tras o "fracaso de Pablo Iglesias"

“O escenario que se abre no Estado ca aposta de Catalunya pola soberanía e o fracaso de Podemos, -xunto cos argumentos que xa había sobre a mesa-, son razóns sobradas para que reconsideren as opcións, porque aínda estamos a tempo para sumar nun gran candidatura galega, plural, de unidade que lle permita a Galiza ter voz potente con grupo parlamentario propio no Congreso non supeditado a ningún grupo estatal”, insistiu logo de valorar "moi positivamente" o resultado da asemblea de IxU e destacar a "man tendida" sen exclusión "ningunha". 

Pero Podemos-Galicia, no entanto, cre que os resultados cataláns "non son extrapolables" a Galicia. O seu secretario xeral, Breogán Riobóo, cre que as eleccións "son distintas", as organizacións "tamén distintas", ao igual que a "percepción" da cidadanía sobre os comicios. Aínda así, o líder da formación morada no país recoñece o "decepcionante" dos resultados o 27S, ao igual que Eva Solla, deputada de AGE e membro da dirección de EU, que considera que os once escanos de CSQP "non son bos". Malia todo, tamén cre que a situación catalá e galega "non son asimilables", nun discurso coincidente con Riobóo, que destacou que no caso galego había "un factor aglutinante moito maior" e que fixo alusión á Marea Atlántica, un espazo cidadán "moi importante e non tan partidario". 

Podemos-Galicia e EU cren que os resultados cataláns "non son extrapolables" a Galicia pero recoñecen que son "decepcionantes"

Non obstante, o alcalde da Coruña pola propia Marea Atlántica, Xulio Ferreiro, non dubidou en cualificar de malos os resultados de CSQP e chamou tamén a reflexionar sobre esa futura confluencia galega que se negocia para virar cara a "un proxecto de acumulación de forzas construído desde abaixo para as xerais". Xa na fin de semana, o rexedor coruñés alertou dos "acordos entre cúpulas" e este luns destacou que Podemos é "un máis no motor de cambio" pero que hai que pular por un "frente amplo". Así e todo, e malia que cre que as catalás non son eleccións xerais, si cre que debe extraerse "a lección" de que é "necesario ir a unha posición de acumulación de forzas, con sedimentos sólidos". 

Xa que logo, BNG e Xulio Ferreiro chaman a reflexionar ou mesmo reconsiderar ese preacordo entre Podemos, Anova e EU. Queda por ver que postura tomará a formación liderada por Xosé Manuel Beiras, que non só apoiou inequivocamente a CUP -o seu aliado en Catalunya- nas eleccións, senón que celebrou os seus bos resultados, ao igual que fixo o Bloque, que centrou os seus parabéns na candidatura anticapitalista e en Junts pel Sí.

Pola súa banda, Martiño Noriega, voceiro de Anova e alcalde de Compostela, cre que a situación política catalá é "diferente" á galega, considera a Podemos "importante" na suposta unidade pero segue apostando pola entrada do Bloque nela. Antón Sánchez, coordinador nacional da mesma formación, tampouco cre "extrapolables" os contextos de Cataluña e Galicia e desmárcase da suxerencia de Vence de repensar o preacordo co partido de Pablo Iglesias e EU. O alcalde de Ferrol, ademais, cre que o BNG "aínda está a tempo" de unirse ao devandito preacordo e lamentou a posición da fronte nacionalista. 

Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña pola Marea Atlántica, pide reflexionar sobre a confluencia e lembra que Podemos "é un máis"

No fondo, a eterna polémica sobre se Podemos debería ter algún poder preponderante nesa lista galega de unidade -o que vetaría o BNG, CxG ou Cerna e pode que a parte de Anova- ou conseguir unha lista "nacional" de base cidadá na que todos os actores actúen en pé de igualdade. A reacción da formación morada será fundamental, pero Pablo Iglesias xa advertiu, malia os "decepcionantes" resultados cataláns, que non pensa modificar a e estratexia e que o seu partido "será a papeleta do cambio". 

Mentres, outra das correntes internas de Compromís vén de descartar que a formación acuda ás xerais coaligada con Podemos e logo de que outro dos partidos que conforman esta coalición valenciá, o Bloc Nacionalista Valenciá, rexeitase tamén en referendo integrarse na lista co grupo de Pablo Iglesias.

En Galicia, fontes da negociación entre Podemos, Anova e EU recoñecen que na formación de Beiras consideraban clave o resultado nos comicios cataláns para enfrontar os últimos pasos dunha negociación que podería virar. Mentres os de Pablo Iglesias non saen nada reforzados da súa estratexia -máis tendo en conta do liderado que a súa formación exerciu en CSQP-, Anova podería forzar a máquina para garantir unha candidatura plenamente galega, soberana e que inclúa máis actores. 

Vence e os representantes de CUP e EH-Bildu CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.