O PSdeG denuncia manobras da Deputación de Lugo para entregar subvencións a 18 concellos do PP

Sede da Deputación de Lugo CC-BY-SA Lancastermerrin88

O pasado 25 de setembro a Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou o reparto de 1,3 millóns de euros en subvencións entre sete concellos gobernados polo PP (Mondoñedo, Baralla, Taboada, O Saviñao, Paradela, Riotorto e Portomarín). Segundo o PSdeG-PSOE, estas subvencións entregáronse "pola porta de atrás", incluídas nos Asuntos de Urxencia da Xunta de Goberno, e subliñan que "Candia tentou ocultar este reparto partidista e a súa nova artimaña caciquil". Os socialistas destacan que entre os concellos beneficiados están o de Mondoñedo, do que Elena Candia é alcaldesa, e outros liderados igualmente por deputados provinciais do PP.

O ente provincial celebrará este martes unha xunta de goberno extraordinaria

De igual xeito, deputados do PSOE reclamaron ter acceso aos asuntos tratados na Xunta de Goberno celebrada este venres 2 de outubro. Os socialistas destacan que nesta documentación oficial pódese comprobar que a Deputación "tiña previsto aprobar 11 convenios por un valor superior aos 2,5 millóns de euros para máis concellos do PP", entre os que estarían varios municipios dos que deputados provinciais populares son alcaldes (Castro de Rei, Barreiros, Begonte, Bóveda, Guntín, Outeiro e Rei, O Saviñao, Taboada, Vilalba, O Vicedo e Xove).

O PSdeG-PSOE sinala que "polo de agora Candia non conseguiu culminar esta nova artimaña caciquil e partidista" porque "os propios técnicos provinciais a frearon ao alegar dúbidas que supuxeron que estes 11 convenios quedasen sobre a mesa da Xunta de Goberno de onte". Porén, a Presidencia da Deputación convocou unha Xunta de Goberno Extraordinaria para o vindeiro martes 6 de outubro, co obxectivo de "aprobar convenios con Concellos". O Grupo Provincial Socialista di estar "alerta" ante "o que a Presidenta Comisionista e Caciquil tenta facer na sesión extraordinario que convocou para o vindeiro martes".

O 8 de outubro a moción de censura presentada por PSdeG e BNG expulsará a Elena Candia da Presidencia da Deputación

Os socialistas denuncian o que consideran que foi a política habitual do goberno do ente provincial co PP á fronte. Lembran que xa as primeiras subvencións que concedeu a Presidencia de Elena Candia foron destinadas a Concellos do PP. Concretamente, a Foz e Antas de Ulla por valor de 18.000 euros.

A pasada semana PSdeG e BNG presentaron a moción de censura coa que recuperarán o goberno da Deputación de Lugo. A moción votarase o vindeiro xoves 8 de outubro, dous días despois da celebración desta Xunta de Goberno Extraordinaria.

Sede da Deputación de Lugo CC-BY-SA Lancastermerrin88

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.