PP e PSOE descartan modificacións no voto emigrante antes dos comicios

Escrutinio do voto do CERA © España Exterior

PP e PSOE non prevén suprimir o chamado voto rogado para os españois residentes no exterior ata logo das próximas eleccións en Galicia, co fin de comprobar se a participación deste colectivo segue sendo tan escasa como nos comicios celebrados nos últimos meses.

O director do Partido Popular no Exterior, Alfredo Prada, e a secretaria de Emigración do PSOE, Carmela Silva, chegaron a esta conclusión durante a reunión mantida no Congreso para buscar fórmulas que fomenten o sufraxio dos españois no estranxeiro. Prada explicou que os comicios galegos, previstos no mes de marzo de 2013 se se esgota a lexislatura, deben ser o test final para coñecer se a participación dos emigrantes aumenta ou segue a tendencia á baixa debido á obrigación de solicitar o voto para exercer o dereito de sufraxio.

 

Diminuíu a participación

O voto rogado, instaurado en xaneiro de 2011, fixo diminuír a unha media do 5 por cento a participación dos inscritos no Censo de Electores Residentes Ausentes (CERA), cando antes era de en torno ao 30 por cento

O voto rogado, instaurado en xaneiro de 2011, fixo diminuír a unha media do 5 por cento a participación dos inscritos no Censo de Electores Residentes Ausentes (CERA), cando antes era de en torno ao 30 por cento.

Galicia é a comunidade onde hai un maior número de inscritos no CERA, que se situou no 12,7% nos comicios de 2009. Segundo Prada, sería conveniente comprobar se unha vez que os electores "teñen un maior coñecemento do sistema de voto", a participación aumenta. Ademais do enrevesado de ter que rogar o voto, a comunidade emigrante quéixase do axustado dos prazos para recibir e enviar de volta as papeletas electorais, o que fai que moitos opten pola abstención.

Ademais do enrevesado de ter que rogar o voto, a comunidade emigrante quéixase do axustado dos prazos para recibir e enviar de volta as papeletas electorais

O dirixente do PP afirmou que a pesar do malestar xerado no seu partido pola decisión do PSOE de presentar pola súa conta unha proposta para reformar a lei electoral en canto ao voto emigrante, acordouse proseguir o diálogo. O dirixente do PP puxo de relevo o interese común en buscar medidas que incentiven a participación e en eliminar o voto rogado se se mantén a alta abstención. Segundo Prada, é preciso "deixar ao carón os intereses de partido" para atender as demandas da colectividade española no exterior.

Sobre a iniciativa do PSOE rexistrada a principios de maio para modificar a lei electoral, Prada insistiu en que "non era o momento procesual oportuno". No entanto, asegurou que cando se debata na Comisión Constitucional do Congreso, o PP fará as achegas que crea conveniente.

Escrutinio do voto do CERA © España Exterior

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.