O derradeiro debate da lexislatura constata a fin de ciclo político en Galicia

Feijóo, nunha das súas intervencións no debate © Ana Varela

Só unha unanimidade, pero tan tácita como contundente. Galicia está ás portas do remate dun ciclo político e a súa fin escenificouse no derradeiro debate de política xeral da lexislatura. Despois de que o presidente da Xunta inaugurase a sesión proclamando a "recuperación" económica "para todos" e anunciando unha chuvia de axudas económicas cun 'cheque bebé' de 100 euros como estrela, o debate propiamente dito amosou ás claras que a xeira inaugurada coa derrota do Goberno bipartito está a piques de ser finiquitada e que só resta saber cara a onde se dirixe ese cambio de ciclo.

Para Alberto Núñez Feijóo ese "tempo novo" non vai comezar, senón que xa "o acabamos de iniciar" grazas á xestión económica do seu propio partido, e por iso "o que importa non son eu", en referencia ao seu destino político, aínda por aclarar. "O que importa non é o futuro de ninguén do que estamos aquí", proclama, nun contexto no que, no entanto, dá por seguro que en Galicia non hai "ningunha alternativa de goberno" que non pase polo propio PP.

A -procurada ou non- versión galaica do célebre there's no alternative dos conservadores británicos leva o líder dos populares galegos a advertir de que, se hai algún problema, ese está na oposición. "Non deberían preguntar tanto se eu seguirei ou non en doce meses, senón que fixeron vostedes nos últimos sete anos", reta o resto de grupos. Galicia, di, "terá un goberno estable e terá un goberno estable para todo o que resta" de lexislatura, "por iso avanzamos e seguimos avanzando". Mentres, asegura, "se xuntamos as cinco" intervencións da oposición -PSdeG, AGE, BNG e as dúas deputadas do Grupo Mixto-, estas "non suman un goberno".

Nun sentido obviamente distinto, tamén a oposición ve un punto final ou, cando menos, un punto e aparte. "Dixo que remata un ciclo e é certo, está a rematar o ciclo político do PP", retrucoulle dende o BNG Francisco Jorquera, para quen o discurso de "humildade" lanzado inicialmente por Feijóo durou o mesmo que a súa primeira intervención. "Falou de autocrítica e volveu dar un exemplo de autocompracencia", di o nacionalista, convencido de que o partido da dereita "representa o pasado" e por iso "non pode encarnar a Galiza do futuro".

O esgotamento é igualmente diagnosticado dende o PSdeG, cuxo voceiro, José Luis Méndez Romeu, avirte o presidente de que "isto non se amaña cun cambio no goberno nin con bailes nos platós". Por iso, para o socialista cómpre comezar a preparar a xestión da "herdanza que nos deixan", unha Galicia coa "maior desigualdade da súa historia moderna" na que o voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, apela a emular as mareas municipais que lograron chegar aos gobernos da Coruña, Santiago e Ferrol.

Feijóo proclama que, con el á fronte ou non, "non hai alternativa de goberno" que non pase polo PP

Nunha réplica máis enérxica que a súa primeira intervención Beiras lamentou que o presidente evite "facer política" e se limite a achegar "unha redacción, como un xestor dunha peza de limpeza que en vez de limpar, enmerda". "Vostedes -dille Beiras ao PP- están caput e saben que están a piques de rematar o seu mandato", a comezar pola Cortes Xerais e o Goberno de España. Ese transo, advirte, implicará tamén que o PP deixe de ser "o partido que represente a dereita", porque "o Banco Sabadell e todos eses xa incharon o globo de Ciudadanos", formación que o voceiro do PPdeG, Pedro Puy, caracterizou durante o debate como "esquerda moderada".

A oposición dá por esgotado a Feijóo e nega que os cambios na estrutura do goberno abran unha nova etapa

Unha vez rematada a sesión central do debate só resta a discusión e aprobación, o vindeiro venres, das propostas de resolución que o Goberno terá encomendadas nos meses que lle queden mentres as forzas políticas se lanzan á carreira electoral das xerais, primeiro e despois duns comicios galegos cuxos protagonistas están aínda por coñecer. Feijóo, polo momento, alimenta a incógnita e limítase a unha evocación emotiva: "O meu compromiso por Galicia non pasará nunca", concluíu entre aplausos dos seus.

José Luis Méndez Romeu (PSdeG), durante un debate © Parlamento de Galicia
Intervención de Beiras no pleno © Parlamento de Galicia
Jorquera, intervindo no debate © Parlamento de Galicia
Carmen Iglesias e Consuelo Martínez, do Grupo Mixto © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.