A batalla local para frear o TTIP

Gonzalo Rodríguez, ao carón de Antón Sánchez, na palestra sobre o TTIP Dominio Público Praza Pública

O TTIP (Acordo Transatlántico para o Comercio e a Inversión) segue no punto de mira da esquerda social e política, que este sábado se manifesta contra el.  Hai catro meses que non se debateu nin se votou no Parlamento Europeo. O día no que debía fixar a posición do Europarlamento nestas conversas, tomando como base o informe Lange, o debate adiouse pola falta de consenso, grazas a un mecanismo que permite facelo se o texto ten máis de 50 emendas, e este tiña arredor de 200. A posteriori, na votación, a cámara determinou suspender tamén o propio debate, por 183 votos a favor, 181 en contra e 37 abstencións. Os axustados números indican a división interna existente no grupo socialdemócrata que tería debilitado o bloque favorable ao Tratado.

A importancia da esfera local

Santiago de Compostela vén de declararse concello libre de TTIP e CETA. A moción foi aprobada por Compostela Aberta e o BNG, coa abstención do PSOE e os votos en contra do PP. Ademais diso, Compostela Aberta organizou unha charla informativa sobre o polémico acordo. O profesor de Economía Aplicada, Gonzalo Rodríguez, O deputado por AGE, Antón Sánchez e Víctor Casas, de Podemos, expuxeron as liñas mestras do TTIP. Para Rodríguez "a gran batalla está nos europarlamentarios do PSOE". O profesor engadiu que "son fundamentais mocións como estas para facer que os concelleiros socialistas se posicionen, porque iso xera presión para que o acordo non pase ese primeiro filtro do parlamento europeo".

O mandato negociador da UE é claro en relación á esfera local: “o Acordo debe ter como obxectivo prever un mecanismo eficaz e vangardista de solución de diferenzas entre inversores e estados”. E engade: “todas as autoridades e entidades de nivel inferior ao central (como estados federados ou municipios) deben cumplir efectivamente o capítulo de protección de inversións deste Acordo”. Polo tanto, comunidades autónomas e concellos veranse afectados polo TTIP.

No caso galego, ademais de Compostela, tamén Ames e Nigrán se declararon concellos libres de TTIP

No caso galego, ademais de Compostela, tamén Ames e Nigrán se declararon concellos libres de TTIP. No resto do Estado Español, un ronsel de municipios tamén aprobaron mocións no mesmo sentido. Polo momento, leva a dianteira Cataluña, con 14 concellos, logo a Comunidade Valenciá, con 9 e Andalucía con 8. En Aragón, Castela a Mancha e Murcia non se presentou ningunha moción relacionada co tema. 

Rodríguez advertiu que o TTIP non "impón os intereses norteamericanos sobre os europeos, senón as das grandes multinacionais sobre os cidadáns norteamericanos e europeos". "Proba disto", engadiu ao fío, "é a oposición dun concello como o de Miami".

Chinizar a produción

EEUU e a, daquela, Comunidade Económica Europea (CEE), asinaron no 1990, coa caída do Muro de Berlín, a Primeira Resolución Trasatlántica. O punto do comercio internacional quedou adiado, pero nunca se deixou de todo, tal como mostra, a mediados dos 90, a Nova Axenda Trasatlántica. No 2006, o Parlamento Europeo, insta á Comisión Europea, con certas resolucións, a negociar un mercado transatlántico. A primeira rolda negociadora foi en xullo de 2013. Ata 2014 pouco, ou nada, escoitamos sobre o TTIP. En xullo foi a décima rolda. 

O Tratado Transpacífico vai ser segredo durante os 5 primeiros anos da súa aplicación

A negociación estase a levar a cabo con moito secretismo, aínda que a presión mediática, social e política, provocou un certo aperturismo. Con todo, mesmo a Defensora do Pobo europea demandou máis transparencia en varias ocasións. Na web habilitada pola Comisión, os textos son tan xenéricos e simples, que é moi difícil facer un bosquexo mental do que realmente negocian EEUU e a UE. En todo caso, á sala de documentos confidenciais (Reading Room), só podían acceder ata xaneiro os eurodeputados da comisión parlamentaria de Comercio Internacional (INTA). As partes negociadoras son, pola UE a Comisión Europea, co equipo da comisaria de Comercio Internacional, a liberal sueca Cecilia Malmström. Polo lado estadounidense, a Oficina do Representante de Comercio dos Estados Unidos. Para Rodríguez, esta opacidade no proceso "non ten que ver con nada que non sexa que os termos do tratado son inasumibles por calquera cidadán". Rodríguez aproveitou para referirise ao Tratado Transpacífico, que "vai ser segredo durante os 5 primeiros anos da súa aplicación, é dicir, a cidadanía vai vivir baixo un réxime legal que non coñece, pero que é superior á súa carta magna".

"As empresas van chinizar a súa produción e conquistarán o pouco que queda de Estado"

"As empresas multinacionais queren manter os seus niveis de beneficios anuais", explicou Rodríguez, "e iso, na actualidade é moi difícil". "Só hai dúas solucións", continuou, "reducir costes salariais, e para isto hai que deixar a China fóra dos tratados para chinizar a nosa produción e que China non compita e a segunda, que as multinacionais conquisten o pouco que queda de Estado, para rendabilizar o que non pode ser rendible, como saúde ou educación"

ISDS e lucro cesante

Rodríguez desenvolveu a figura dos ISDS, contemplados no TTIP, o instrumento que permite ás multinacionais denunciar aos estados por calquera lucro cesante, é dicir, por calquera perda dunha ganancia ou utilidade económica causada á multinacional polo estado. Pero, como se define o lucro cesante? "Non está definido", explica Rodríguez, "pode ser interpretado dentro dos marcos do propio tratado, e non se aplica ningunha outra lexislación xeral como a ambiental, a laboral ou a propia constitución". "Os nosos dereitos desaparecerán da mesa se o TTIP se aproba", sentencia. 

"O lucro cesante non está definido, pode ser interpretado dentro dos marcos do tratado"

Para ilustrar o lucro cesante, Rodríguez tomou o exemplo do pleito entre Philip Morris e Uruguai. O país aplicou unha contundente normativa antitabaco, seguindo os consellos da OMS. Entón, no 2010, a compañía Philip Morris demandou a Uruguai por 25 millóns de dólares, alegando unha violación do tratado bilateral de inversión entre Suiza e Uruguai.  No 2013, a directora de comunicación de Philip Morris International, Anne Edwards, sinalaba que "Philip Morris Internacional non discute a maioría das medidas de regulación sobre o tabaco adoptadas por Uruguai, pero sí dúas delas: a esixencia de retirar do mercado 7 dos seus 12 produtos e a obriga de aumentar a 80% a superficie dos paquetes de tabaco dedicada ás mensaxes sobre os riscos do tabaco para a saúde." Neste punto, calquera pode preguntarse cal é o tratado de libre comercio entre EEUU e Uruguai. A resposta é ningún: "A denuncia levouse a cabo a través da filial suíza de Morris, que si ten tratados con Uruguai, pois ambos son paraísos fiscais. Deste xeito, unha empresa que se usa para branquear, pon en xaque a soberanía dun estado que ten que facer inxentes esforzos para pagar os 8.000.000 millóns de dólares nos que está valorado o xuízo", aclarou Rodríguez.

Os ISDS non están compostos por xuristas de carreira, senón por avogados corporativistas

Sobre os ISDS, Rodríguez explicou que "son xurados compostos por 3 membros, que se rotan as funcións de avogado da defensa e da demanda e xuíz". "Pero non son xuristas de carreira nin nada similar", continuou, "son avogados corporativistas, que poden estar sentados en consellos de administracións de empresas ás que afecta o xuízo que teñen entre mans, non se examina o conflito de intereses". "As sentenzas son firmes, e non hai capacidade de recurso", engadiu Rodríguez, "no 60% dos casos, o Estado paga ou recunca"". "Esta é a maneira coa que o TTIP vai extraer rendas dos estados e dirixiraos con ameazas económicas", sentenciou. "Por exemplo, se co TTIP, entra un medicamento xenérico nun Estado haberá que indemnizar a Novartis por lucro cesante, a cuestión é quen nos indemniza aos cidadáns o lucro cesante que imos sufrir co tratado.

A estratexia de Bruselas

A normativa comunitaria establece que aqueles tratados que afecten a competencias compartidas entre a UE e os estados membros deben tramitarse como acordos mixtos. O TTIP é, se lugar a dúbidas, un acordo con estas características. Ditos acordos implican a aprobación en cada un dos estados, ben por referendo, ou ben nos parlamentos. Porén, a comisaria encargada das negociacións do TTIP, Cecilia Malmström, a unha pregunta formulada pola portavoz de IU na cámara, Mariana Albiol, sostivo que "Na medida en que os acordos comerciais entran dentro da competencia da UE, a Comisión considera que no hai ningún requisito que obrigue aos estados membros a ratificalos individualmente".

"É moi importante a difusión das consecuencias do TTIP, empezando polos concellos, para que a cidadanía sexa consciente do ataque aos nosos dereitos e do antidemocrática que resulta esta última manobra desde a Comisión", concluíu Rodríguez.

Lidia Senra protesta contra o TTIP no pleno do Parlamento europeo Dominio Público AGEe
Os grupos de esquerda alertan da perda de dereitos de impliararía a aplicación do TTIP © http://economia-ciudadana.blogspot.com/

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.