O populismo, a debate en Compostela

Iván Llamazares ofreceu a primeira conferencia do ciclo Dominio Público Praza Pública

Baixo o título “O populismo hoxe, Europa e América Latina” o pasado 28 de outubro inaugurouse no Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela, un ciclo de conferencias e debate arredor deste fenómeno político.

Vivimos tempos convulsos na vella Europa, a ninguén se lle escapa a estas alturas. A crise socioeconómica produciu sensibles efectos nos sistemas políticos e de representación aquí. As vindeiras eleccións xerais ás Cortes españolas darán conta dun novo escenario, fragmentado e incerto nos seus resultados e futuros equilibrios parlamentares. E no que afecta á gobernabilidade. Mais o caso español non é unha excepción illada doutras respostas nas sociedades europeas contemporáneas: Francia, Grecia, Alemaña, Hungría, Holanda ou o Reino Unido tamén experimentan mudanzas e múltiples tensións na sociedade que se manifestan nos seus respectivos sistemas políticos. Ábrese a porta a respostas electorais non-tradicionais e vagamente coñecidas, a priori, polo gran público. Forzas emerxentes, a esquerda e dereita, ou nacionalistas, eríxense coma canalizadoras do verdadeiro “sentir popular” nas súas respectivas zonas, países ou estados. Os consensos entre a socialdemocracia e os partidos liberal-conservadores, produto da fin da II Guerra Mundial e do desenvolvemento e asentamento dos chamados estados sociais e de benestar, semella que entraron tamén en crise nalgunhas comunidades e realidades socio-políticas. Nesta situación irrompe con forza a utilización do camaleónico termo “populismo” no xogo mediático e político, que foi obxecto dende hai tempo de innumerables usos e abusos. As máis das veces no seu senso pexorativo.

Forzas emerxentes, a esquerda e dereita, ou nacionalistas, eríxense coma canalizadoras do verdadeiro “sentir popular” nas súas respectivas zonas, países ou estados

Este foi aplicado historicamente e nos últimos tempos a perfís políticos tan dispares e distantes coma Fujimori, Hugo Chávez, Sarah Palin, Evita Perón, Marie Le Pen ou Pablo Iglesias. Así como tamén a partidos coma o Vlaams Belang, o Partido Justicialista, o Front Nacional, Syriza, o MAS boliviano ou o Die Republikaner, por poñer tan só algúns exemplos. Pero pode ser un rasgo común a outros actores e movementos que definiron etapas históricas e políticas coma, por exemplo, o franquismo, o tatcherismo, o felipismo, o aznarismo... ? Nalgún destes atópanse elementos “populistas”?

O obxectivo do ciclo é coñecer os elementos identificativos compartidos e as diferenzas entre experiencias e realidades, tratando de poñer orde na clasificación e esquematización do fenómeno populista en Europa e Latinoamérica, especialmente, pero non unicamente. Pode dicirse que todo “populismo” comparte a idea de que a sociedade está inextricablemente esgazada entre dous grupos homoxéneos e antagonistas: “o pobo”, virtuoso, “a xente”, “a gran maioría”, por unha banda, e a elite, o “establishment”, “a casta”, pola outra? É o populismo soamente un discurso, ou ademais enxerga un tipo de mobilización determinada, un determinado formato organizativo, unha estratexia definida e específica e un modelo de liderado carismático? Cal ou cales son as relacións principais entre o populismo e o nacionalismo -sexa ou non emancipador-, a democracia liberal, a xenofobia, o autoritarismo ou o tradicionalismo? É o populismo só unha ideoloxía da dereita radical ou pode haber populismo de esquerdas? O populismo de esquerdas, de existir, casa ben co marxismo? É, en si mesmo, unha ideoloxía ou un conxunto de atributos a definir?

O obxectivo do ciclo é coñecer os elementos identificativos compartidos e as diferenzas entre experiencias e realidades, tratando de poñer orde na clasificación e esquematización do fenómeno populista en Europa e Latinoamérica

A clarexar todas estas cuestións, repletas de matices, vai dirixido este ciclo monográfico incluído dentro do seminario Os sentidos das Culturas, coordinado polo profesor da facultade de Ciencias Políticas da USC Ramón Máiz, no Consello da Cultura. Nel participan algúns dos especialistas máis reputados hoxe en día na materia nos vindeiros días 6, 10 e 11 de novembro.

A inauguración contou coa presentación de Ramón Villares e Ramón Máiz, a onde se achegaron outras persoas coma Antón Losada, Emilio Pérez Touriño, Encarna Otero, Lourenzo Fernández Prieto e algúns profesores e alumnas e alumnos de diversas titulacións universitarias. Aínda que non está reservado só ao mundo universitario. Baixo o título “Os novos populismos en Europa: núcleo discursivo, variantes ideolóxicas e factores de xurdimento” o catedrático da Universidad de Salamanca Iván Llamazares durante dúas horas de exposición e posterior debate afondou nas novas formas que adopta o fenómeno, centrándose especialmente no auxe da dereita radical nalgúns países de centro-europa e Reino Unido. O especialista, achegou a súa visión ilustrada e científica sobre a materia nas súas relacións coa crise, a corrupción, a inmigración, e os seus posibles efectos a medio e longo prazo. Tamén se centrou, durante o debate, nas principais forzas emerxentes hoxe do panorama político español coma son Ciudadanos e Podemos. Iván Llamazares é un dos profesores de ciencia política española que máis traballou, analizou e ten publicado sobre as raíces e desenvolvemento dalgúns dos movementos de dereita radical en Europa actualmente en canto ao perfil dos votantes, fontes ideolóxicas e intelecturais ou dos principais factores que a alimentan.

Iván Llamazares afondou nas novas formas que adopta o fenómeno, centrándose especialmente no auxe da dereita radical nalgúns países de centro-europa e Reino Unido

O ciclo completarase coas seguintes sesións:

  • Venres 6 de novembro, 17:00h: “Populismo, identidade e identificación”, co profesor de Políticas Latinoamericanas e Comparativas na London School of Economics and Political Science, Francisco Panizza.
  • Martes 10 de novembro, 17:00h: “O populismo radical: entre as promesas de democratización e o autoritarismo”, co profesor de Socioloxía e director do International Studies da University of Kentucky (Lexington), Carlos de la Torre.
  • Mércores 11 de novemebro, 17.00h: “O populismo hoxe” co catedrático emérito de Historia do Pensamento e dos Movementos Políticos e Sociais da Universidad Complutense de Madrid, José Álvarez Junco.
Inauguración do ciclo, esta semana Dominio Público Praza Pública
Iván Llamazares ofreceu a primeira conferencia do ciclo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.