A emigración fai que o censo de electores caia en Galicia mentres sobe no exterior

Papeletas nun colexio electoral de Compostela CC-BY-SA Praza Pública

A crise e a emigración tamén teñen o seu efecto no censo electoral. Así, o número de persoas censadas para votar en Galicia nas vindeiras eleccións xerais do 20 de decembro diminúe un chisco, ao tempo que aumentan -bastante máis- o número de cidadáns residentes fóra do Estado, segundo os datos feitos públicos este luns polo Instituto Nacional de Estadística (INE). 

Galicia perde máis de 40.000 electores no país mentres o censo no exterior gaña case 60.000 persoas

Xa que logo, para os comicios do próximo mes de decembro figuran inscritos un total de 2.265.812 electores galegos residentes nas catro provincias do país, mentres que son 440.018 os galegos residentes no estranxeiro tamén con dereito a voto. Son 41.110 electores menos na comunidade autónoma dos que había nas últimas eleccións xerais de novembro de 2011, onde tiñan dereito a voto 2.306.922, ao tempo que o censo dos residentes ausentes aumenta en case 60.000 persoas (58.141) con respecto a hai catro anos, cando eran 381.877 os cidadáns de fóra do Estado con dereito a sufraxio. 

En total, son 2.705.830 os galegos que están chamados a ogar o 20 de decembro, 17.031 máis que nas eleccións xerais de 2011, cando polas catro circunscricións galegos podían acudir ás urnas 2.688.799 persoas.

O número de electores no estranxeiro aumentou máis dun 13% con respecto ás xerais de hai catro anos

De acordo con estas cifras, e en comparación coas eleccións xerais do 20 de novembro de 2011, o censo de persoas residentes en Galicia caeu un 1,7% mentres que o número de galegos residentes no estranxeiro aumentou nun 13,4%. As consecuencias da recesión económica e a crecente emigración de xente noa ao estranxeira provoca que a cada convocatoria electoral sexan menos os galegos con dereito a voto que habitan no país. 

Os electores residentes fóra do Estado teñen ata o 21 de novembro para solicitar o voto

Nun comunicado, o INE lembra que o censo pode ser consultado desde este luns ata o 9 de novembro e advirte de que "os electores residentes no estranxeiro que desexen votar deberán solicitar o seu voto ata o 21 de novembro". É o voto rogado implantado polo último goberno de Zapatero logo dun acordo co PP e co apoio de BNG, CiU e PNV en 2011. Malia aquel acordo, os socialistas presionan agora aos populares para dar marcha atrás na medida e ambos os dous partidos amosaron xa a súa disposición a suprimila

A reforma da lei electoral de hai catro anos tivo dúas consecuencias: a emigración deixaba de participar nas eleccións municipais, as consideradas máis próximas á cidadanía e, sobre todo, implantábase o voto rogado, isto é, para participar nos comicios dende o exterior habería que solicitalo antes, ao xeito do voto por correo ordinario. O resultado foi o previsto e o contrario ao que agardaban PP e PSOE: as persoas inscritas no CERA (Censo de Españois Residentes Ausentes) deixaron de recibir as papeletas de votación automaticamente na súa casa, pedírano ou non e sen comprobación previa de se seguían vivas. E a participación caeu en picado.

Así, xa nas xerais de 2011, a circunscrición galega con máis participación do exterior, Lugo, apenas pasou do 5%; na Coruña subiu levemente do 4% e en Ourense e Pontevedra ficou en algo máis do 3%. Nas eleccións autonómicas de 2012 a tendencia mantívose e a abstención do CERA roldou o 96%. Nas autonómicas de 2009, non obstante, participara o 30,3% da emigración fronte ao 3,2% das de 2012. Nas europeas deste 2014 a participación non chegou nin ao 2%.

Colexio electoral en Lugo CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.