'En Marea' ultima o sistema para confeccionar as súas listas

Riobóo, Beiras e Díaz, na presentación do preacordo CC-BY-SA EU

Apúrase o acordo entre Podemos, Anova, EU e as plataformas municipalistas de cara a unha candidatura conxunta para as eleccións xerais. A falta de detalles posteriores e da inclusión doutras forzas, a lista unitaria reproducirá basicamente o esquema que en moitas cidades galegas se deu nos pasados comicios do 24M. E artellarase nunha confluencia que, tal e como xa contou Praza, aludirá tamén a aquel éxito e a aquela marca exitosa coa que se identificou o cambio nalgúns municipios. 'En Marea' é a tal hora a opción acordada por todos os actores, á espera de que a marca sexa definitiva.  

'En Marea' semella o nome final dunha candidatura que se configura a tan só dous días de que se peche o prazo para inscribir coalicións de cara aos comicios do 20D. Finalmente, Podemos recuou para acabar por aceptar que a súa marca non aparecese na denominación deste espazo de confluencia, a pesar de que 'En Marea Podemos' foi unha opción tamén máis que factible. A inclusión das denominacións de todas as forzas que apoien este espazo nas papeletas sería a única forma de que a formación de Pablo Iglesias non se saltase o mandato das bases que en referendo decidiron priorizar a súa marca. 

Podemos recuou e aceptou finalmente que a súa marca non fose incluída na denominación da candidatura

Esta candidatura de confluencia sería unha coalición instrumental de partidos, tería personalidade xurídica propia e garantiría a creación dun grupo parlamentario galego, no caso de que se acadasen os requisitos, un obxectivo ben ambicioso que non parece doado. En canto á confección das listas, nos últimos días todo pareceu indicar que se artellaría unha fórmula na que os diferentes axentes implicados e a súa militancia poida referendar unha serie de nomes propostos polas formacións.

Foron varias as voces que insistiron en que "nin o tempo nin as condicións permitirían un proceso de primarias con todas as garantías", xa que o día 16 deste mes teñen que estar as listaxes presentadas. No entanto, no serán deste xoves transcendeu a través da axencia Europa Press que as formacións abren a porta a celebrar unhas primarias baseadas nos censos dos partidos e plataformas que participan na candidatura.

A candidatura abre a porta a unhas primarias baseadas nos censos das forzas que a compoñen

Será agora, e á espera de que a militancia de EQUO dea o visto e prace á súa inclusión nesta candidatura, cando Podemos, Anova, EU e as mareas, fundamentalmente, teñan que acordar un modelo que deixe satisfeitos a todos nunha confluencia á que se unirán outras pequenas forzas, como Espazo, e na que con case toda probabilidade non entrará Cerna. 

Ademais, este mércores, o Encontro Cidadán por unha Marea Galega celebrou unha asemblea para "informar e debater sobre os acordos para unha candidatura de unidade popular do Foro", en referencia á unión de partidos impulsada pola plataforma. Será momento de calibrar tamén como recibe o colectivo a intención de non celebrar primarias, unha das condicións coas que apoiara a confluencia. 

Unhas 5.800 persoas están censadas para participar nas primarias de Iniciativa pola Unión

Precisamente, IxU continúa traballando no seu proceso de primarias, que se desenvolverán o vindeiro domingo 8, e para as que xa está pechado un censo que quedou, finalmente, en 5.812 persoas. Carlos Callón, Tereixa Novo, Carme Adán, Olalla Rodil e Noa Presas son as cinco persoas que se postulan para encabezar as listas provinciais para as eleccións xerais do vindeiro 20 de decembro, aínda que só no caso dous dous primeiros nomes haberá competencia por ocupar o primeiro posto na circunscrición da provincia da Coruña. 

Logo de facerse pública a listaxe provisional con todos os candidatos a formar parte das listas, este mércores publicaranse os nomes definitivos sobre os que se pronunciarán case 6.000 persoas o vindeiro domingo. 

Riobóo, Beiras e Díaz, na presentación do preacordo CC-BY-SA EU

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.