Muras dálle uso público a unha vivenda que era empregada en exclusiva polo anterior alcalde

O alcalde de Muras, Manuel Requeixo, ante a vivenda © BNG

Hai uns anos a Unión Murense cedeulle ao Concello a coñecida como Casa do Médico, de 1927, situada na travesía principal que atravesa a localidade, para que fose utilizada con fins sociais e públicos. Porén, o primeiro andar da vivenda foi empregada como vivenda polo anterior alcalde, Issam Alnagm, que a abandonou en outubro do pasado ano. O anterior goberno xestionou unha subvención de case 90 mil euros, ligada ao fondo de compensación ambiental, para convertela en centro de interpretación do polémico proxecto de aldea etnográfica, inaugurada en 2014. Porén, nada se fixo no inmoble.

O novo goberno municipal, liderado por Manuel Requeixo (BNG) transformará Casa do Médico, nun centro de interpretación ambiental e usos múltiples, que dean servizo a todos os veciños e veciñas da localidade. O inmoble poderá contar, unha vez rematados os traballos de rehabilitación e acondicionamento, cun salón de actos na súa planta baixa.

A reforma deste inmoble provocou nun dos últimos plenos municipais da pasada lexislatura un enfrontamento aberto entre o alcalde Issam Alnagm e tres dos seus edís, que decidiron absterse á hora de aprobar a acta da sesión anterior. O motivo era que malia que dende a Secretaría se informara de que o custo da actuación ascendía a 50.000 euros, no orzamento recollíanse 200.000 euros máis. O rexedor retrucara que a cantidade reflectida nos orzamentos era "estimativa" e que seguramente o investimento sería "moi inferior". O sucedido provocou as críticas de BNG e PSOE, daquela na oposición, unhas críticas que no caso dos socialistas tiñan unha dobre motivación: sinalaban que os seus dous concelleiros votaran en contra, pero a acta recollía que se abstiveran, sendo suficiente o único voto do alcalde para aprobar a polémica acta anterior.

O alcalde de Muras, Manuel Requeixo, ante a vivenda © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.