Fomento pactou con Audasa subir a peaxe por ampliar a avenida da Vedra na Coruña

Protesta do Fomento para a avenida da Vedra © Concello da Coruña

Advertírao nos últimos días o Concello da Coruña. A polémica reforma da avenida da Vedra e o confronto de dous modelos de cidade e mobilidade -o que defende o goberno local da Marea co apoio de PSdeG e BNG e polo que avogan o PP e Fomento- destapa tamén acordos subterráneos. Preguntábase o executivo que intereses "a maiores" podía ter Audasa cando apostaba tan decididamente da man dos populares por un investimento duns 12 millóns de euros na ampliación de Alfonso Molina e instaba a revisar o convenio que a empresa asinara co Ministerio. 

O Concello advertía dos intereses "a maiores" de Audasa na ampliación da Vedra; o convenio con Fomento inclúe a posibilidade da peaxe da AP-9 ata un 1,5%

O protocolo asinado entre Fomento e Audasa para a ampliación da Vedra e a construción do vial que unirá a AP-9 coa terceira rolda, tal e como vén de destapar La Opinión, abre a porta a que a concesionaria incremente a peaxe ata o 1,5% anual nos vindeiros 20 anos, un aumento á marxe e que se pode engadir á revisión habitual das tarifas. 

Naquel convenio asinado hai case tres anos, Fomento e Audasa comprometíanse á mellora das comunicacións da autoestrada na cidade advertindo da necesidade do enlace coa terceira ronda e dunha "ampliación e mellora de Alfonso Molina". Audasa asumiría todos os traballos ata un máximo de 32,75 millóns e encargaríase do investimento. E que obtén a empresa concesionaria?

Pois unha "compensación", tal e como aclara o protocolo e que se especifica en dúas cláusulas dun real decreto aprobado en novembro de 2011 que se fixa como se compensa a Audasa no caso de asumir melloras na autoestrada e neste caso, tamén polas obras derivadas nunha vía que é a continuación da AP-9 ata o centro da cidade. Así, determínase un aumento extraordinario de tarifas para os usuarios da autoestrada "en todos os seus tramos, do 1% anual acumulativo durante 20 anos" e que se comezaría a aplicar o ano despois ao que finalicen as obras. Ademais, Fomento pode revisar esa porcentaxe ata un 1,5%. 

A revisión de tarifas poderíase facer cada cinco anos desde a aprobación do real decreto -en novembro de 2016- e o "incremento extraordinario" aplicaríase á vez que se aplican as revisións ordinarias de tarifas. O acordo, no entanto, deixa nas mans do Concello de de Fomento o custo das expropiacións que se deberán levar a cabo para reformar a avenida da Vedra, unha repartición que debe fixarse nun pacto entre Ministerio e goberno local que non está asinado. 

“Non se pode hipotecar o futuro desta cidade simplemente para mellorar o servizo de Audasa", advirte o alcalde

Logo da revelación do convenio e das contraprestacións das que advertía, a reacción do Concello non tardou. O alcalde Xulio Ferreiro entende que os termos do protocolo entre Fomento e Audasa dan aínda máis forza á revisión do proxecto inicial que propón o seu goberno para "humanizar" a avenida. "Se a obra a imos pagar nós a través das peaxes, teremos que decidir nós que investimento é o que se axeita ás nosas necesidades", dixo, tras asegurar que "os intereses que se teñen que defender na Vedra son os da cidadanía e non os dunha empresa". 

“Cando se di que as obras as paga Audasa, o que se debe dicir, en realidade, é que as pagamos todos e todas as veciñas, a través da peaxe, que subirá para compensar os gastos por esa ampliación que pretende o Ministerio”, explicou Ferreiro. “Nós entendemos que, se imos ser os que, en último termo, financiemos as obras, debemos ser tamén os que decidamos que modelo queremos”, argumentou. “Non se pode hipotecar o futuro desta cidade simplemente para mellorar o servizo de Audasa, e que esta empresa poida vender que ao centro da Coruña se chega a través dunha autoestrada”, engadiu.

O goberno da Marea presentou un proxecto de "humanización" a Fomento no que variaba a idea inicial -e fundamental- de aumentar un carril en cada sentido nun vial que é máis unha continuación da autoestrada que unha entrada acougada á cidade. O proxecto do Concello aposta polas sendas peonís, carrís ciclistas, prioridade de transporte público e proliferación de especies vexetais -cunha importante mediana con árbores- que diminúan os efectos da contaminación acústica e por emisión de dióxido de carbono. O PP oponse con firmeza, ao igual que o Ministerio, que insiste nunha ampliación que desde María Pita cren que só supón "aumentar a boca do embude" pero non apostar pola intención básica de diminuír a presenza de vehículos nunha cidade ateigada de tráfico. 

O Concello aposta por sendas penonís, carrís-bici e prioridade do transporte público, pero o PP e Fomento queren aumentar os carrís

“Isto, que será beneficioso para Audasa e que lle permitirá ter unha autopista que chegue ata o centro, só incrementará os problemas para os veciños e veciñas da zona, para os barrios e para todo o sistema de interconexión da cidade”, destacou este martes Ferreiro, quen tamén salientou
que, a proposta do Concello  de “humanizar” a vía, fomentando as formas alternativas e públicas de mobilidade, “cada vez acada un maior consenso”.

A revelación das condicións deste convenio asinado entre Audasa e Fomento chega tan só un día despois de que eldiario.es destapase os contratos pantasma do departamento que dirixe Ana Pastor e que adxudica a dedo ducias de obras xa incluídas noutras licitacións con sobrecustos de ata o 50%. 

Protesta do Fomento para a avenida da Vedra © Concello da Coruña
Proposta do Concello para a avenida da Vedra © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.