0 Gardados para despois

O PSdeG esixe coñecer o acordo con Pemex e o PP apela á "palabra" de Feijóo

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Que pon no texto da "alianza estratéxica" asinada entre a Xunta e a petroleira mexicana Pemex para a construción de catorce remolcadores -sete totalmente e outros parcialmente- en estaleiros galegos? Catro días despois de que o presidente da Xunta e o máximo responsable da compañía estampasen con solemnidade as súas rúbricas no documento o seu contido segue a ser unha incógnita que a oposición parlamentaria tenta coñecer, polo momento, infrutuosamente. Mentres Alberto Núñez Feijóo se apresurou en pedirlle "desculpas" á petroleira polas dúbidas de PSdeG e BNG o voceiro socialista no Parlamento, Abel Losada, precisaba o reclamado o pasado venres tanto polo seu secretario xeral, Pachi Vázquez, como polo candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera. "A oposición galega non desconfía de Pemex, desconfía dun Goberno que sistematicamente falsea a realidade", di.

"Non desconfiamos de Pemex, desconfiamos dun Goberno que sistematicamente falsea a realidade"

"Se este principio de acordo se converte en contratos reais e os barcos se constrúen os socialistas seremos os primeiros en felicitarnos, tamén ao Goberno galego", di Losada, que advirte de que "ata o de agora o que temos é unha declaración de intencións". "Descoñecemos os detalles e por iso pedimos que nolos manden", xa que, lembra, non é a primeira vez que unha promesa de investimentos industriais chegada dende a Xunta queda en nada. O PSdeG "desconfía da seriedade e da capacidade de cumprir os compromisos" do Goberno galego porque "vivimos o plan industrial do éolico, a fábrica de vehículos eléctricos en Melón" ou a planta "de baterías de Mitsubishi na área urbana de Vigo". A Xunta, di, adoita "antepoñer unha estratexia de marketing á realidade".

Pero as peticións de Vázquez, Jorquera e Losada non atopan eco nas filas do PP. Despois de que o líder socialista botase man do refraneiro para dubidar do entusiasmo de Feijóo -"cando a limosna é tan grande, ata o santo desconfía"- o voceiro popular na Cámara, Pedro Puy, optou polo mesmo. "Este tipo de declaracións é o que se chama andar con pataqueiradas" ou, o que é o mesmo, andar co, atendendo ao dicionario da RAG, é un "feito ou dito que demostra pouca ou ningunha intelixencia". "Non vale falar para dar a noraboa coa boca pequena", porque é tanto como "estar na horta e non ver as verzas". "O presidente actuou como tiña que actuar, se o santo non vai a un, un ten que ir ao santo", abondou o conservador. 

O PP acusa a oposición de "andar con pataqueiradas"

Á marxe da achega ao "territorio permanente" da "fraseoloxía", "moi arraigada" segundo Puy nas filas do PP, a posibilidade de facer ou non público o documento asinado por Feijóo e o director xeral de Pemex, Juán Suárez Coppel, está condicionada unicamente pola "liberdade das dúas partes". "Todo o que sexa poñelo en cuestión é poñer en cuestión a palabra dos dous asinantes". Así e todo, a vía parlamentaria que empregou o PSdeG para reclamar o documento deixa pouca marxe para esa "liberdade" xa que o Regulamento da Cámara establece no seu artigo 9 que "para o mellor cumprimento das súas funcións parlamentarias, os deputados (...) terán a facultade de solicitar das administracións públicas os datos, informes ou documentos que consten en poder destas" e o Goberno ten a obriga de facilitárllelos.

Puy recorre ao refraneiro para respostar as reclamacións da oposición sobre Pemex

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.