Nós preséntase como continuadora do "legado" do nacionalismo galego nas Cortes

Intervención de Callón, candidato pola Coruña CC-BY-SA Praza Pública

Igual que hai queixo ou pan do país, tamén hai unha candidatura do país. É a metáfora que o cabeza de lista de Nós-Candidatura Galega pola Coruña, Carlos Callón, empregou este luns para, ante o Panteón de Galegos Ilustres, onde repousan os restos de persoeiros como Rosalía de Castro ou Castelao, reivindicar a coalición fiada en torno a Iniciativa pola Unión e integrada polo BNG e outras formacións soberanistas como única opción nas xerais "sen límites" para defender o país e a única, asemade, que será "continuadora" do traballo do nacionalismo galego nas Cortes, tanto nas da II República como nas actuais.

A actual voceira do Bloque no Congreso, Olaia Fernández Davila, foi a encargada de presentar un acto na que as candidatas e candidato de Nós apelaron en múltiples ocasións ao "legado" que pretenden continuar. "Somos netas e netos de Castelao", di a candidata por Pontevedra, Carme Adán, para quen o "movemento" no que se sustenta esta candidatura "recolle un legado" cara ao que cómpre ser "agradecidos". Faino, di, para "rachar coa resignación" ata "conseguir un futuro para o noso pobo".

Castelao estivo presente nas intervencións e tamén o estiveron as persoas que representaron o Bloque no Congreso e no Senado dende finais dos 90. Francisco Jorquera, Guillerme Vázquez, Carlos Aymerich, Francisco Rodríguez ou Anxo Quintana foron reivindicados por Callón como mostra da presenza dos "problemas de Galiza" na "axenda do Estado". "Somos continuadores do que representou o nacionalismo galego nas cortes a través do BNG e agora, con máis motores, defenderemos o país e as maiorías sociais con moita máis forza", asegura. 

Adán: "Somos netas e netos de Castelao"

"Ningún grupo estatal nos vai dicir que non podemos defender o noso naval ou as nosas autoestradas", ilustra Callón, quen evoca un discurso de Castelao na súa etapa como deputado do Partido Galeguista para afirmar que a representación de Nós "non vai defender os intereses dun partido", senón que "imos representar a Galiza". Na mesma liña, a cabeza de lista por Ourense, Noa Presas, amósase convencida de que só as "forzas sen obediencia estatal son quen de defender os nsos intereses", caso por exemplo, di a candidata por Lugo, Olalla Rodil, de promover medidas para atallar a crise demográfica das "esquecidas provincias" do interior.

Callón: "Continuamos o que representou o nacionalismo galego nas cortes co BNG, agora con máis motores"

Unha vez presentadas as candidaturas ante a Xunta Electoral, Nós-Candidatura Galega lánzase a unha precampaña que terá como principal cita un "encontro nacional aberto", o vindeiro domingo no Palacio de Congresos de Galicia, en Santiago. "Galiza vai deixar de ser a última carta da baralla", afirman.

Carme Adán, intevindo no acto ante San Domingos de Bonaval CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.