As mil e uma noites: o belo relato da Portugal do austericidio

As mil e uma noites © Cineuropa

A semana pasada recollía o Premio Cineuropa o cineasta Miguel Gomes e no seu discurso de agradecemento aduciu á súa mocidade e curta traxectoria para declarar que non era merecedor de tal premio, á vez que prometía que ía seguir realizando filmes para algún día ser digno del. O certo é que con só catro longametraxes poucos dubidan que o portugués é xa unha das voces máis destacadas da cinematografía europea e para confirmalo aí está a súa última película: As mil e uma noites, un traballo monumental en tres volumes baseada na clásica colección de contos árabes.

Como indican os títulos ao comezo de cada volume, o filme utiliza a estrutura d'As mil e unha noites pero non é unha adaptación, é unha escusa formal para contarnos unha serie de historias sobre a Portugal de 2013 e 2014, cando o país sufría baixo a austeridade da troika. Entre protestas de estaleiros, galos que falan, banqueiros a camelo ou criadores de paxaros, discorren os relatos entre a ficción e o documental, a fantasía e a realidade sen solución de continuidade. Un equipo de xornalistas, encabezado por María José Oliveira, foi o encargado de recompilar durante un ano todas esas pequenas historias de cidadáns anónimos que non adoitan ocupar grandes titulares na prensa pero que unidas serven para crear un relato de sociedade, un relato de país. Estas noticias serviron ao equipo de guionistas para inspirar os contos de Xerezade que debe entreter, noite tras noite, ao seu Rei para que non a decapite ao alba. Así cando cae o sol comeza a narrar: “Oh venturoso Rei, fui sabedora de que num triste país entre os países…”

A premisa é tan singular como ambiciosa, facer unha radiografía da sociedade portuguesa de hoxe a través dunha serie de fábulas. Aquí Miguel Gomes reivindica o poder do cinema, con todas as súas armas -ficción e documental-, para mostrarnos que é posible conseguir un obxectivo histórico-político cun artefacto narrativamente fascinante de seis horas de duración. Facendo uso de distintas estruturas, obxectivos e ata recursos formais cada un dos volumes emprende un camiño narrativo distinto, xustificando a súa independencia. O primeiro dos volumes O inquieto, é o máis barroco dos tres, serve de introdución e expón a estrutura episódica; o segundo, O desolado, é quizá o máis accesible e convencional sen perder por iso nin un pouco de faísca; e o terceiro, O encantado, vólvese máis radical partindo a película en dúas: entre o conto máis hedonista e o documental máis contemplativo.

Estamos ante un director capaz de retratar a realidade e denunciar o austericidio do seu país cun cinema evocador, cheo de fábula e fantasía

Vistos os tres volumes en conxunto a sensación que deixa As mil e uma noites non pode ser máis satisfactoria. Estamos ante un director capaz de retratar a realidade e denunciar o austericidio do seu país cun cinema evocador, cheo de fábula e fantasía. As mil e uma noites é a historia de Portugal, pero ben podería ser a de España, Grecia ou calquera país do sur de Europa; só fai falta alimentar a Xerazade con realidades crúas para que ela as transforme en belísimos relatos. Pero iso, desgraciadamente, vai quedar fóra do filme de Miguel Gomes. De feito cando todo acaba, ao final do volume tres, Xerazade apenas pasou o ecuador das súas noites, centos quedan por diante para seguir entretendo o rei e disuadilo do seu sanguinario costume. Se cadra, en seguintes noites Xerazade contoulle que “nese país triste entre os países” xa non mandan os mesmos e que nun volume catro as súas xentes poderían esquecer o austericidio, se cadra, pero o certo é que “...vendo despontar a manhã, Xerazade calou-se.”

As mil e uma noites © Cineuropa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.