A Xunta responde en novembro unha pregunta parlamentaria sobre as municipais de maio

Feijóo e Rueda, no pleno do Parlamento © Conchi Paz

Erixir o Parlamento en "centro da vida política" e incrementar a axilidade dos seus trámites para permitir unha maior conexión coa cidadanía son, posiblemente, dous dos obxectivos máis reiterados da política galega e tamén estiveron sobre a mesa na recente reforma do Regulamento parlamentario. No entanto, os ritmos da Cámara contradín estas declaracións de intencións. Así, por exemplo, no labor de control ao Goberno non son poucos os asuntos que chegan a debate cando abordalos xa carece de sentido, porque se refire a feitos que xa aconteceron. Hai poucos días o Executivo completou un trámite parlamentario ben elocuente ao respecto, respondendo unha pregunta a respecto das eleccións municipais celebradas o pasado maio.

O pasado 30 de abril a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, formulaba unha pregunta escrita para solicitar que a Xunta se pronunciase sobre a inclusión como cabeza de lista do PP no Porriño do controvertido Nelson Santos, o rexedor que se defendeu con fondos públicos das imputacións por presunta corrupción e que protagonizara episodios como preguntarse abertamente en público "que mal ten contratar con empresas dos nosos amigos". Segundo Díaz, era pertinente que o Goberno se pronunciase sobre o "encaixe de presentar a candidatura dun alcalde imputado" mentres Alberto Núñez Feijóo anunciaba a aprobación dun "pretendido conxunto de medidas para a rexeneración democrática".

A pregunta foi formulada o 30 de abril e a resposta chegou á Cámara o pasado 6 de novembro

Alén do asunto a tratar, que non é precisamente sobre unha competencia da Xunta, ou da valoración de cadaquén sobre a presenza ou non de persoas imputadas na actividade pública, o certo é que a pregunta de AGE comezou a súa tramitación polos cauces habituais, que implican, como norma xeral, que sexa respondida nun prazo de 20 días. A iniciativa foi admitida a trámite o 4 de maio e, como corresponde, publicada no Boletín Oficial do Parlamento o día 7 do mesmo mes. 

Así as cousas, se ben e certo que a Xunta podería cumprir os prazos regulamentarios respondendo a pregunta despois das municipais -celebráronse o 24 de maio-, non o é menos que mantivo paralizada a súa tramitación ata este mesmo mes. Non foi ata o día 6 de novembro, medio ano despois, cando a resposta do Executivo chegou ao Rexistro do Parlamento. O día 9 foille notificada formalmente á deputada e o día 12, foi publicada no boletín parlamentario.

A resposta do Goberno sobre Nelson Santos chega cinco meses despois da súa saída da Alcaldía do Porriño

E, que di a resposta? Nela, a Vicepresidencia da Xunta indica que o Goberno está a "impulsar unha serie de medidas encamiñadas á rexeneración democrática do conxunto das institucións galegas", entre os que inclúe a "petición" de "coherencia a todos os axentes implicados na loita" contra a corrupción, que cualifica de "lacra". "Esa coherencia -recomenda- debera manifestarse esixindo un tratamento igualitario a situacións substancialmente similares, con independencia das siglas política".

O caso de Nelson Santos, abonda, "non amosaba diferenzas substanciais con outros que están sendo instruídos por distintos xulgados" en Galicia, para os que a Xunta "solicita" tres "principios básicos: "máxima colaboración coa xustiza, escrupuloso respecto á presunción de inocencia (...) e aplicación rigorosa da lei". O certo é que a posición de Goberno ou oposición a respecto deste caso concreto carece xa de sentido, toda vez que Santos non é alcalde do Porriño dende o pasado xuño, cando tomou o bastón de mando a socialista Eva García.

Feijóo e Rueda, no pleno do Parlamento © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.