O xuíz Velasco cita a Vence e Lobeira como testemuñas no proceso contra Causa Galiza

Membros da Executiva Nacional do BNG CC-BY-NC-SA BNG

"Estupefacción". Era a sensación imperante este mércores no seo do BNG tras coñecer que o seu portavoz nacional, Xavier Vence, e mais o seu secretario de organización, Bieito Lobeira, viñan de ser citados a declarar como testemuñas perante o xuíz da Audiencia Nacional Eloy Velasco. Tras recibiren as notificacións os representantes nacionalistas tiveron que indagar para saber que son convocados para testemuñar no marco no proceso que Velasco instrúe contra Causa Galiza e para facelo en plena campaña das eleccións xerais.

"Francamente, non entendemos cal pode ser a nosa relación, como persoas ou como organización, cos feitos investigados nesta causa", di Lobeira, que resalta que foi a formación frontista a que "tivo que solicitar información" ao tribunal para saber a respecto de que se lles vai reclamar información. "Pola información que nos transmitiron o proceso está relacionado coa detención de varios responsables desta organización que, como se ten publicado polos medios de comunicación, foron interrogados e finalmente postos en liberdade con cargos" a comezos de novembro, sinala.

O BNG, explica, "non ten ningunha información máis" nun contexto no que a formación "tivo relación con todas as organizacións políticas legais e democráticas que operan neste país", algo que "non é motivo" para un movemento xudicial coma este, indica. "Todo o mundo coñece o BNG e a ninguén se lle pasa pola cabeza o disparate que significa tentar implicar ou involucrar o BNG" en actos que impliquen algunha caste de violencia, resalta. En todo caso, di, a organzación non vai "entrar en especulacións sobre o fondo da cuestión".

"Tal parece que alguén quixera ter a foto dos dirixentes do Bloque entrando na Audiencia Nacional a seis días das eleccións"

Alén de non dar comprendido o porqué da citación ao Bloque, a dirección da formación frontista non cre "casual" que se fixe para o 14 de decembro. "Non cremos nas casualidades", indica o número dous do BNG. "Tal parece que alguén quixera ter a foto dos dirixentes do Bloque entrando na Audiencia Nacional a seis días das eleccións" co obxectivo, di, de "desprestixiar" e "prexudicar as expectativas electorais" de NÓS-Candidatura Galega". "Así de claro", indica.

Nestas circunstancias, no entanto, a dirección nacionalista aposta por lle "tirar ferro" ao asunto, toda vez que, din, cómpre interpretar a citación "a medio camiño entre o despropósito e a tomadura de pelo" tanto ao propio BNG como aos "milleiros de galegos" que "levan máis de trinta anos confiando no seu proxecto político". "A estas alturas, pretender desacreditar o nacionalismo galego vai alén do despropósito", enfatiza Lobeira, polo que, ironiza, se cadra cumpriría "pedir un adiamento da comparecencia para o 28 de decembro, día dos santos inocentes".

Membros da Executiva Nacional do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.