0 Gardados para despois

Por que a mocidade galega pesa pouco nos cálculos electorais dos partidos, en tres gráficos

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Mariano Rajoy non asistiu o pasado luns ao debate convocado polo xornal El País e retransmitido a través de internet, no que si estiveron Pedro Sánchez (PSOE), Pablo Iglesias (Podemos) e Albert Rivera (Ciudadanos). As súas obrigas presidenciais, argumentou, non lle deixan tempo para debater. No entanto, o presidente do Goberno de España e cabeza de cartel do PP o 20-D si atopou ao día seguinte un anaco para, ao xeito de Manuel Fraga, botar unha partida de dominó nunha vila de Valladolid na compaña de persoas maiores. A parte do electorado máis susceptible de seguir eventos por streaming, a mocidade, non entra nas prioridades de voto do PP non só porque o apoien menos, segundo os diversos estudos demoscópicos, senón tamén porque a xente moza é moita menos, mentres que a maior de 65 é moita máis. E Galicia nisto non é unha excepción, senón todo o contrario.

O 20-D 82.500 persoas poden votar por primeira vez en Galicia nunhas xerais, no 2000 incorporáronse case o duplo por cumprir 18 anos

O 20 de decembro hai 82.500 mozos e mozas convocadas por primeira vez en Galicia para votar nunhas xerais por ter cumprido 18 anos dende as anteriores, as de 2011. Esta cifra de xente nova que se estrea nas urnas leva anos descendendo sistematicamente. Nas eleccións do 2000, por exemplo, foron case o duplo, máis de 162.000, nas seguintes xa non pasaban de 130.000 e en 2008 roldaban as 103.000, ficando en 2011 un chisco por riba das 86.000.

A cada vez máis escasa incorporación de electorado novo ao censo dá lugar a que a poboación menor de 25 anos sexa cada vez menos e, polo tanto, que o peso do seu apoio descenda nos cálculos electorais das formacións políticas. Algo menos de 150.000 menores de 25 anos teñen dereito ao voto en Galicia o 20-D, menos da metade das que puideron participar nas eleccións do 2000, nas que o PP de Aznar logrou a súa primeira maioría absoluta.

Nestas circunstancias, cando as candidaturas dirixen as súas mensaxes á mocidade galega saben que están a falar cun sector moi minoritario do electorado, que dificilmente pon ou quita escanos. As apenas 150.000 persoas menores de 25 representan desta volta un raquítico 7% da poboación total con dereito a voto, un punto menos que hai catro anos e cinco puntos menos que a comezos de século, cando o resto da poboación era o 88% do total.

Con estes números na man, un terceiro gráfico permite completar o mapa das razóns polas que os partidos están máis preocupados pola opinión da xeración que xoga ao dominó con Rajoy que polo público que seguiu o debate de El País ou o celebrado o pasado martes na facultade de Políticas da USC, no que, no entanto, si houbo un representante do PP. Os 150.000 menores de 25 e mesmo as algo máis de 430.000 persoas de entre 18 e 34 anos son unha minoría fronte ás máis de 660.000 maiores de 65 anos ou as 620.000 de entre 35 e 49 anos que teñen dereito a participar nestes comicios nas catro circunscricións galegas.

Cando no ano 2000 os partidos se dirixían ao grupo de electorado de entre 18 e 34 anos sabían que falaban para case 760.000 persoas, o grupo máis numeroso. Catro eleccións despois, segundo os datos do censo electoral, este mesmo grupo de poboación é o menor de todos.

Distribución do electorado galego en eleccións xerais, por idades

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.