Feijóo reivindica con Baltar un PP “obreiro da política” fronte aos “mesías” do “tripartito”

Feijóo, Baltar e o resto de cargos, ao remate do mitin no Barco CC-BY-SA PPdeG

O BARCO DE VALDEORRAS

O presidente da Junta de Castilla y León, Juan Vicente Herrera, desprazouse este mércores ata O Barco de Valdeorras para compartir mitin co seu homólogo galego, Alberto Núñez Feijóo, e defender xuntos o proxecto da nova autovía A-76 Ourense-Ponferrada, que podería afectar de xeito irreversible á Ribeira Sacra e as súas aspiracións de ser Patrimonio da Humanidade. “Máis España e máis emprego é a oferta sinxela pero significativa que presenta o PP”, salientou Herrera na súa intervención. Desconfiade dos mesías da política e confiade nos obreiros da política”, pediu Feijóo.

Nunha comarca que tradicionalmente é feudo socialista, o acto -“mitin interautonómico”, denominárono- congregou unha cantidade significativa de candidatos e líderes populares. Estiveron tamén o presidente da deputación e do PP de Ourense, José Manuel Baltar, nun novo mitin con Feijóo tras ser denunciado por unha muller por supostamente ofrecerlle emprego a cambio de sexo, así como os candidatos provinciais, incluída Miri Barrera, man dereita da vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría, orixinaria de Verín e aspirante ao Senado.

Os cargos populares reivindicaron a autovía que atravesaría a Ribeira Sacra

En maio, tras os malos resultados do PP nas autonómicas en toda España, Herrera, que en Castela e León salvou o tipo, recomendou a Rajoy “mirarse ao espello” e responderse a si mesmo se debía volver presentarse ás actuais eleccións xerais, igual que el mesmo barallaba a posibilidade de non presentarse á investidura como presidente autonómico. Medio ano despois Herrera segue a ocupar a presidencia da Junta á que chegou hai case 15 anos e fai campaña por Rajoy como “el valor de futuro” que necesita España. Onte Herrera salientou que o Goberno “debe estar en mans serias”, “as mans limpas dun galego limpo, Mariano Rajoy”.

O presidente castelán-leonés eloxiou a Feijóo como "referente" e cargou contra Compostela Aberta por, ao seu xuízo, non apoiar as peregrinacións a Santiago

O castelán presentouse como un “modesto peregrino”, “viejo castellano”, que “todos os anos” fai o Camiño de Santiago e que o seguirá a facer aínda que “algúns”, en referencia a Compostela Aberta, supostamente non queiran apoiar, ao seu ver, o fenómeno da peregrinación xacobea. “Nada bo podemos esperar desas propostas baleiras, improvisadas” que, segundo dixo, cando poden gobernar a través de pactos, “alianzas de perdedores” denominounas, o que pasa é que “lévao todo a marea”. Fronte a esas propostas, o castelán salientou que o que ofrece o seu partido son “dous 'es': máis España e máis emprego é a oferta sinxela pero significativa que presenta o PP”, dixo.

Feijóo gaba a Castela e León por ser berce da lingua castelá e non ter, di, aspiracións nacionalistas

Herrera tamén asegurou que, na nova lexislatura, pedirá ao Goberno “que se revisen os sistemas de financiamento autonómico e local” para que teñan en conta a dispersión e o envellecemento da poboación, para o que dixo contar coa complicidade de Feijóo e Galicia. Segundo o presidente castelán e leonés, “no marco do PP, Feijóo é unha referencia necesaria” que defende a Galicia.

Para Feijóo, “Herrera é a guía dos presidentes autonómicos do PP” xa que é “o que máis veces gañou as eleccións”, e contrapúxoo ao “tripartito” de PSOE, En Marea ou Podemos, aos que se referiu indistintamente, e Ciudadanos. “Desconfiade dos mesías da política e confiade nos obreiros da política”, pediu Feijóo. Nunha intervención realizada integramente en castelán, como a maioría das do resto de participantes, o presidente da Xunta louvou a Castela e León por ser berce desa lingua e non ter, ao seu xuízo, aspiracións nacionalistas.

Defensa do AVE nunha vila sen estación

Na maioría dos seus mitins, Feijóo está salientando que o AVE galego correría perigo se o PP non segue a gobernar. Tamén o fixo en Valdeorras, onde a estación de alta velocidade máis próxima estará a máis dunha hora en coche, sexa en Ourense ou en León. Pero no Barco, onde a cidade de referencia, á metade de distancia que Ourense, é Ponferrada, o protagonismo levouno a autovía A-76 Ourense-Monforte-Valdeorras-Ponferrada, polémica pola súa posible afección sobre a Ribeira Sacra. Un cartel coa numeración da infraestrutura serviu aos cargos populares, entre eles a alcaldesa da cidade berciana, para defender a necesidade dunha obra que, segundo Herrera, desbloqueouse nesta lexislatura.

Na súa breve intervención Baltar evocou a Fraga como "garante da unidade nacional"

Na súa curta intervención, José Manuel Baltar asegurou que Feijóo e Herrera son “os dous mellores presidentes autonómicos de España”. O presidente ourensán asegurou que Galicia e Castela e León comparten problemas e lembrou a Manuel Fraga como “garante da unidade nacional”. Pola súa banda, o presidente local do PP, o deputado autonómico Moisés Blanco, que nas pasadas eleccións municipais colleitou uns resultados especialmente malos que o levaron a renunciar a tomar posesión como concelleiro, alertou contra os “populistas”, que identificou co chavismo e o kirchnerismo e do que dixo que “non o queren nin onde gobernaron”.

Feijóo e o resto de cargos, defendendo a autovía que atravesaría a Ribeira Sacra CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.