Sáenz de Santamaría apela ao "equipo e experiencia" do PP nun acto de campaña con Baltar

Sáenz de Santamaría, durante o acto con Baltar © PP Ourense

Unha das principais integrantes do equipo de confianza de Soraya Sáenz de Santamaría na vicepresidencia do Goberno de España, a ourensá Edelmira Miri Barreira, concorre ao Senado na candidatura do PP de Ourense. A presenza dunha compoñente fundamental do seu gabinete na lista semella motivo dabondo para que a número dous de Mariano Rajoy por Madrid fixese campaña na provincia ourensá. Non obstante, isto implicou compartir mitin e fotografía con José Manuel Baltar, herdeiro da saga político-familiar tantas veces ollada con receo dende a madrileña rúa de Génova e cuxa figura gañou en incomodidade tras revelarse a denuncia dunha muller que o acusa de ofrecerlle un posto na Deputación de Ourense a cambio de sexo.

Mentres a demanda continúa o seu percorrido xudicial -foi arquivada polo fiscal, pero presentada no xulgado de garda- e, sobre todo, o político, Sáenz de Santamaría compartiu este martes un acto sectorial de partido, un pequeno mitin, con Barreira e tameń con Baltar. Como xa fixera Alberto Núñez Feijóo a pasada semana -pediu o voto xunto ao seu barón ourensán en, cando menos, tres ocasións- a vicepresidenta non se desviou do argumentario xeral e apelou á "experiencia" do seu partido para solicitar o voto, aínda que neste caso esa bagaxe sexa tamén a da familia Baltar, na que se inclúen fitos como unha condena a nove anos de inhabilitación ao patriarca do clan por enchufar 104 persoas na Deputación días antes do congreso no que lle legou a dirección do partido ao seu fillo.

Unha das principais asesoras de Sáenz de Santamaría concorre ao Senado polo PP de Ourense

"Ademais de programa temos equipo e experiencia", sinalou Sáenz de Santamaría en Ourense "fronte a outros que van sós ou que non teñen ninguén bo ao seu carón". "Sempre desconfío daqueles que aparecen sós" e, asemade, sinalou, "os nervios producen problemas". Nos gobernos cómpren persoas que cheguen "aprendidas", di, e por iso o PP, tamén en Ourense, ofrece "seguridade" fronte a "incerteza", tanto polo seu "balance" como polo seu "proxecto de futuro".

A vicepresidenta e número dous por Madrid salientou en compaña de Baltar os beneficios da austeridade

Ante un auditorio composto fundamentalmente por cargos populares e representantes de empresas prometeu baixadas de impostos, gabouse de creación de emprego e salientou a defensa que o PP realiza da unidade de España en Catalunya. No entanto, precisamente en Ourense, puxo tamén o acento na reforma das Administracións públicas emprendida polo seu departamento. Na provincia en que as acusacións de desbalde contra a Deputación provincial son recorrentes, Sáenz de Santamaría destaca que a austeridade permitiu xa "aforrar 13.000 millóns de euros".

Baltar, pola súa banda, instou a "non xogar co voto" e, na súa procura por manter o terceiro escano popular por Ourense, que segundo diversas está en risco", eloxiou a "eficacia, rigor" e o "futuro" que representa a vicepresidenta. Xunto ao barón ourensán Sáenz de Santamaría realizou para as cámaras o xesto co que o PP da provincia representa a súa loita polo terceiro escano e, xa dende as redes sociais, considerou "un pracer" a "compañía galega" de Baltar e o resto de representantes do PP de Ourense.

A vicepresidenta, entre Baltar e Barreira apostando polo terceiro escano © PP Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.