En Marea pon a Xunta no albo político no remate da campaña das xerais

Intervención de Gomez-Reino no mitin de En Marea en Compostela CC-BY-SA En Marea

O albo veuse formulando dende hai semanas e acentuouse nos derradeiros días da campaña do 20-D. Este mércores, cando menos por dúas veces. En Marea citouse nun teatro santiagués para o seu acto central na capital galega, un mitin obviamente centrado nas eleccións xerais do domingo pero con, cando menos, dous ingredientes máis: a reivindicación da experiencia de Compostela Aberta, agora gobernante no Concello, e a vista tamén posta noutro proceso electoral do que polo momento só se coñece o ano: as eleccións galegas de 2016.

Se pola mañá, no acto da Coruña con Pablo Iglesias, os membros da plataforma que agrupa a Anova, Esquerda Unida e Podemos alentaron a "gañar" a Xunta, no mitin compostelán a apelación repetiuse. A número dous pola Coruña e actualmente deputada no Parlamento, Yolanda Díaz, bosquexou na súa intervención a "faciana" do país que compoñen "todas as persoas que tiveron que emigrar, 177.000 persoas sen protección social, no que uns fan beneficio con nós e outros, sofren".

"As decisións tómanse nos mercados" e "iso non é decente", proclamou Díaz, e por iso "temos que reiventar a democracia". Trátase, ao seu xuízo, de que "gobernemos os máis e non eses que non se presentan ás eleccións e gobernan contra nós", caso por exemplo, do seu punto de vista, do PP no Estado pero tamén en Galicia. Neste sentido, a líder de EU diríxese directamente ao presidente da Xunta e líder do PPdeG: "Señor Feijóo, prepárese: o domingo imos a Madrid, pero nas seguintes eleccións imos por vostede", afirmou.

Díaz: "Señor Feijóo, prepárese: o domingo imos a Madrid, pero nas seguintes eleccións imos por vostede"

Da Xunta falou tamén no seu discurso Xosé Manuel Beiras, que vén acompañando os candidatos de En Marea en diversos actos. O líder de Anova procurou trazar a historia do proceso político do que nace En Marea, que para el non vén só do nacemento de AGE, senón que cómpre buscalo mesmo nos anos 90, cando el mesmo era portavoz naconal do BNG. "Non hai teorización nin tese que poida ir contra a realidade", di, en referencia ao que interpreta como crecemento desta opción política. "O motor do cambio non estaba nas forzas políticas -afirma- unhas domesticáranse, outras vendéranse, outras entrar na guerra de ti máis, preocupados por que non lles movesen os marcos das súas leiras". Mentres, "o motor estaba na cidadanía que se defendía a sia mesma" da "brigada de exterminio empoleirada en San Caetano".

Noriega: "Acúsannos de roubar o Nadal, pero son eles os que llo rouban ás miles de persoas condenadas á pobreza"

"Cada vez que atacan a En Marea -di Beiras-, cada vez que difaman, están a matar outra vez a Ánxel Casal, a Camilo Díaz Baliño, aos familiares das Marías; cando agreden o pobo galego están a refusilar a Bóveda e non o imos tolerar", proclamou. A cambio e ataques refírese tamén o alcalde compostelán, Martiño Noriega, que apela á experiencia das mareas municipais como "mostra de que o cambio é posible". "Estamos aquí para cambiar as cousas", di Noriega, para "poñer as políticas das persoas por diante dos poderes económicos" aínda que mesmo "nos acusen de roubar o Nadal, cando a realidade é que son eles os que lles rouban o Nadal aos miles de mozos e mozas que teñen que emigrar porque non atopan traballo na sú aterra, aos miles de persoas condenadas á pobreza" ou a quen "non poden pagar a calefacción ou a luz".

Beiras, Díaz, Gomez-Reino, Noriega e Subiela, antes do mitin CC-BY-SA En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.