Táboas abandona o seu escano no Parlamento

Teresa Táboas CC-BY-NC-SA BNG

A  deputada do BNG Teresa Táboas abandona o Parlamento. Segundo lle vén de confirmar a Praza Pública, a ex conselleira de Vivenda comunicoulle ao portavoz nacional da formación frontista, Guillerme Vázquez, a súa intención de deixar o escano que ocupaba na Cámara galega, onde exercía a portavocía de Urbanismo.

Nesa misiva Táboas detalla que as razóns "que motivan" a súa decisión son tanto de "índole persoal" como "política". "Sabes que defendín a necesidade da rexeneración e refundación do proxecto político do BNG, mais a militancia decidiu, con incuestionable lexitimidade democrática, que non era preciso", sinala. Neste contexto, "por honestidade e coherencia, penso que é mellor que outra persoa máis identificada coa liña política" aprobada na Asemblea "sexa quen a defenda no Parlamento", di.

A respecto do seu futuro político Téresa Táboas darase un chisco de "tempo". "Desde logo, estarei atenta, porque me preocupa moito o que lle pase ao noso país" nun tempo no que "todos debemos estar pendentes e traballando". "Isto é unha decisión persoal", subliña, "despois, o tempo irá poñendo as cousas no seu sitio".

"Estarei atenta, porque me preocupa moito o que lle pase ao noso país"

Arquitecta de profesión, a primeira vinculación de Táboas ao BNG produciuse cando, como independente, entrou a formar parte da parte nacionalista do Goberno bipartito, no verán de 2005. Tras a derrota nas eleccións de 2009, ás que concorreu como cabeza de lista do Bloque por Pontevedra, integrouse na corrente inicialmente fundada como Máis BNG, liderada por Carlos Aymerich, de cara á Asemblea Nacional extraordinaria da formación frontista. Tras o cónclave, accedeu á Executiva Nacional, onde se lle encomendou a coordinación da mesma.

A ex conselleira continuou integrada na corrente de Aymerich, xa como Máis Galiza, ata o pasado novembro, cando a abandonou por "discrepancias" co colectivo. Nas semanas previas á pasada Asemblea Nacional chegou a comparecer ante os medios co líder do Encontro Irmandiño, Xosé Manuel Beiras, así como con integrantes do Partido Nacionalista Galego, amosando o seu apoio á candidatura alternativa á de Guillerme Vázquez.

A decisión de Táboas chega apenas vinte e catro horas despois de que se fixese efectivo o relevo á fronte da portavocía parlamentaria do Bloque, cargo que exerce dende este martes Ana Pontón en substitución de Aymerich. A seguinte integrante da lista do BNG por Pontevedra, que tería que chegar ao lexislativo para ocupar o escano de Táboas, é a concelleira pontevedresa Carme da Silva.

Teresa Táboas CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.