O PSdeG proclámase como "segunda forza" en Galicia

Gómez Besteiro, nun mitin recente en Lugo © PSdeG-PSOE

"O PP é a forza máis votada, pero perdeu 5 escanos, polo que é o peor resultado que tivo na historia da democracia". O PSOE, en cambio, "revalidou os resultados que tiñamos, nun contexto de moita fragmentación", consolidándose ademais como "segundo partido" en Galicia, por detrás do PP, xa que En Marea é unha "coalición de partidos".

Esta é a interpretación que o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, achegou na súa comparecencia ante os medios para valorar os resultados das eleccións, malia que En Marea non só igualou ao PSdeG en número de escanos, senón que, co 99,66% escrutado, obtivo 407.022 votos, -o 25,04%-, fronte aos 347.000 do PSOE, -21,35%-. O PSdeG non conseguiu, así, mellorar os seus resultados respecto ás eleccións xerais do 2011, no que obtivera 457.633 sufraxios, -27,81%-, nin beneficiarse da importante caída do PP.

Besteiro considerou estes resultados "absolutamente positivos" e salientou, da mesma maneira que os representantes de En Marea, a "tendencia" ao cambio de cara ás eleccións autonómicas. "O cambio hoxe é máis posible ca nunca", indicou. O PSOE, -engadiu-, "é un partido solvente e extraordinariamente responsable, que non vai defraudar". Incidiu, así, na mesma idea que, cando se coñecían os primeiros resultados, subliñaba o voceiro do PSdeG no Parlamento, José Luís Méndez Romeu: "O PSOE ten unha capacidade demostrada de poder chegar a acordos. A lexislatura será máis inestable, onde a necesidade de diálogo vai ser maior".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.