A representación parlamentaria galega vólvese inclinar á esquerda seis anos despois

Persoas electas por En Marea para o Congreso e o Senado, este luns en Santiago CC-BY-SA En Marea

A ubicación das forzas políticas no eixo esquerda-dereita é un debate recorrente, se cadra máis aínda nos últimos anos, cando algúns partidos, caso de Podemos no seu xurdimento, deron en resaltar que non eran "nin de esquerdas nin de dereitas", afirmación que tamén asumiu Ciudadanos para, despois abandeirar o "centro" ao que durante lustros se aferrou o PP. No entanto, os datos das sondaxes indican que o electorado continúa ubicando os diferentes partidos e coalicións na esquerda, na dereita e tamén no centro. Atendendo a estes datos, ás propostas de cadaquén e aos resultados deste 20-D, é posible afirmar que, máis de media década despois, a representación parlamentaria galega volve estar máis inclinada cara á esquerda.

A información demoscópica máis recente ao respecto foi a publicada polo CIS ao inicio da campaña electoral. Como informou Praza Pública, no caso de Galicia o electorado continuaba ubicando o PP maioritaria e folgadamente na dereita, con hexemonía nese espectro ideolóxico, e situaba a En Marea nas posicións máis á esquerda nas que, a medida que se achegaba ao centro -o 5, segundo esta escala-, compartía posicións co PSdeG. Mentres, NÓS-Candidatura galega ubicábase cara á esquerda e Ciudadanos, no centro pero escorado á dereita.

A suma de En Marea e PSdeG supera nuns 3.000 votos a de PP e Ciudadanos

Partindo desta base, as formacións que conseguiron representación no Congreso polas circunscricións galegas e se ubican no ámbito da esquerda, En Marea e PSOE, sumaron algo máis de 756.000 votos, mentres que o PP e Ciudadanos ficaron uns 3.000 por baixo. Se aos sufraxios recadados polas formacións de esquerda que acadaron escanos se agregasen os de NÓS, que ficou fóra das Cortes, a diferenza sería superior aos 73.000 votos.

Os últimos comicios nos que a representación da esquerda estivo sustentada en máis votos que a da dereita foron os galegos de 2009

Deixando á marxe as eleccións europeas de 2014 -neses comicios a circunscrición é estatal-, o electorado galego non configuraba unha representación parlamentaria con máis votos para a esquerda que para a dereita dende o ano 2009 cando, nas eleccións da primeira maioría absoluta de Alberto Núñez Feijóo, a suma de PSdeG e BNG (795.200 votos) ficaba uns 6.000 votos por riba dos logrados polo PP. Nas xerais de 2011 a diferenza a prol da dereita foi moito máis avultada, con máis de 860.000 votos para o PP e algo máis de 640.000 para as forzas da esquerda que lograron representación, PSdeG e BNG.

O reparto de forzas foi un chisco máis equilibrado nas eleccións galegas de 2012, cando Feijóo logrou ampliar a súa maioría absoluta en catro escanos malia perder máis de 120.000 votos. Daquela a banda dereita, representada polo PP no Parlamento, sustentou a súa representación parlamentaria en máis de 660.000 votos, mentres que a marxe esquerda do Parlamento, composta por deputadas e deputados electos por PSdeG, AGE e BNG, ficou un chisco por riba dos 644.000 sufraxios.

Feijóo e Rey Varela, nun acto da campaña en Ferrol CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.