O PP continúa invicto nas xerais en 92 concellos galegos desde 1982

Mapa cos concellos onde sempre gañou o PP desde 1982 © lab-eldiarioes

Por primeira vez, os escanos de PP e PSOE suman menos de 280 nunhas eleccións xerais desde 1982. Unha situación inédita na política española pola irrupción das forzas emerxentes: Ciudadanos, Podemos e as diferentes coalicións e espazos de confluencia como En Marea ou En Comú Podem. Con todo, as novas formacións non conseguiron derrubar a hexemonía do bipartidismo nos seus feudos históricos.

Desde 1982, PP e PSOE vencen sen interrupción en case un de cada catro municipios do Estado

Desde as eleccións xerais de 1982, PP e PSOE conseguen vencer sen interrupción en case un de cada catro municipios do Estado (1.980 dos 8.124 actuais) en todas as citas electorais, os tradicionais feudos do bipartidismo, segundo datos do Ministerio de Interior analizados por eldiario.es.D

De repararmos en Galicia, son case tres de cada dez os concellos nos que o PP foi o primeiro votado en todas as eleccións xerais desde 1982. 92 municipios que son feudos tradicionais populares e onde ningunha formación logrou derrubar a súa hexemonía nos últimos 33 anos. Pola contra, tan só unha localidade lle outorgou ao PSOE todas as vitorias electorais nestes comicios desde a vitoria de Felipe González: Pedrafita do Cebreiro. 

O PP vence en todas as eleccións xerais desde 1982 en 92 concellos galegos, tres de cada dez

Con só unha ollada ao mapa, queda clara a fortaleza do PP -tamén Alianza Popular antes- no interior do país, sendo as localidades interiores das provincias de Lugo e A Coruña nas que máis predomina a cor azul. En canto aos municipios costeiros atlánticos, en tan só algunhas localidades achegadas á Ferrolterra, no Salnés e no Baixo Miño se dá a circusntancia de que os populares vencesen en todos os comicios xerais desde 1982. 

Os municipios onde sempre gaña o mesmo partido desde 1982

En concreto, son 29 concellos de Lugo, 28 da Coruña, 23 de Pontevedra e 12 de Ourense os que só viron vitorias do PP nos últimos 33 anos. Destacan localidades como Vilalba, Chantada, Guitiriz, Pontedeume, Arzúa, Santiago, Teo, Santa Comba, A Estrada, Cambados, Tui, Baiona, O Carballiño ou Pereiro de Aguiar.

Tan só en tres comunidades seguen a concentrarse o 75% dos municipios onde o PP sempre gañou desde 1982: Castilla y León, Castilla-La Mancha e Galicia

E Galicia segue sendo unha das tres autonomías feudo tradicional dos populares. Tan só en tres comunidades seguen a concentrarse o 75% dos municipios onde o PP sempre gañou nas citas electorais ao Congreso desde 1982: Castilla y León (740), Castilla-La Mancha (151) e Galicia (92). Unha hexemonía de case tres décadas que sitúa á formación popular en posición de dominio na zona noroeste da Península.

Estes resultados electorais estendéronse a dúas grandes cidades desas comunidades como Burgos (capital de provincia) e Santiago, onde o PP só coñece a vitoria desde 1982 nestes comicios xerais. Nas últimas eleccións municipais, no entanto, Compostela Aberta convertérase na forza máis votada por unha escasa marxe. De entre as urbes galegas, tan só a capital galega se inclúe neste ránking. 

Aínda que moitas formacións políticas se presentaron ás Xerais nos últimos 30 anos, só catro (PP, PSOE, CiU e PNV) conseguiron vencer durante 10 citas electorais seguidas no mesmo municipio. Concretamente, o PP (antes Alianza Popular) en 1.307, o PSOE en 673, CiU en 240 e PNV en 52.

Até as xerais de 2011, PP e PSOE vencían sempre en 2.105 municipios desde 1982. Unha cifra que apenas variou coa chegada de Podemos, Ciudadanos e outras novas forzas. Só 125 municipios deixaron de estar en mans do bipartidismo para que sexan outras forzas as máis votadas nas eleccións xerais de 2015.

Catro concellos azuis desde 1977

Nas eleccións de 1977 e 1979, Unión de Centro Democrático (UCD), liderado polo xa falecido Adolfo Suárez, foi a formación máis votada en máis de 5.900 municipios do Estado. Un resultado que non se volvería repetir desde 1982. É esa a razón pola que este medio decidiu analizar os datos electorais desde 1982, cando comeza o devalo da formación centrista e se crea un sistema político con dous partidos maioritarios.

Só en Vilalba, Riotorto, Pontedeume e Beade o PP -antes AP- venceu en todos os comicios xerais desde 1977

Malia todo, pese ao predominio de UCD en tres de cada catro municipios durante esas citas electorais, hai 228 municipios onde gañou o mesmo partido desde o inicio da democracia. En total, 12 citas electorais. O PSOE con 215 municipios e PP (antes Alianza Popular) con 13 municipios. Deses 13, catro están en Galicia: Vilalba, Riotorto, Pontedeume e Beade. 

 

>> Metodoloxía

Para realizar a análise desta peza tivéronse en conta os resultados electorais de todas as Eleccións Xerais desde 1977 até 2015. En total, suman máis de 12 procesos electorais. Considerouse Alianza Popular como precursora do PP e Pacto Democrático por Cataluña como precursor de Convergència Democrática de Catalunya e as súas alianzas con Unió.

Analizouse desde 1982, tal e como se explicou no texto, pola importancia de UCD no panorama político até eses comicios. Desde 1977, cambiou a composición municipal de España, tanto por municipios que deixaron de existir como por novos que foron creados. Os datos do Ministerio de Interior inclúen os resultados de 8116 municipios nas Eleccións Xerais de 2011, 7935 en 1982 e 8114 en 1977. Tan só se consideraron os municipios que existen desde 1982 para os cálculos da información principal.

Mapa cos concellos onde sempre gañou o PP desde 1982 © lab-eldiarioes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.