Besteiro, entre o apoio a Pedro Sánchez e a reivindicación ante En Marea

Gómez Besteiro, nun mitin durante a campaña © PSdeG

Besteiro apoia a Pedro Sánchez. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, situouse do lado do líder do PSOE ante as duras críticas que está a recibir de destacados baróns territoriais, que amosan o seu rexeitamento a calquera pacto con Podemos mentres defende unha consulta en Cataluya. E fíxoo antes co cónclave deste domingo previo ao comité federal do luns, no que as dúas marxes do socialismo estatal intentarán marcas as pautas para futuros pactos. 

"Sería unha completa incoherencia agora votar a Rajoy ou ao PP", advirte Besteiro

Así, en senllas entrevistas no Faro de Vigo e en Radio Galicia-Cadena SER, o líder do PSdeG deixou claro que Sánchez debe facer "o que está facendo", é dicir, "actuar de forma responsable". Así o dixo no xornal vigués, no que asegura que "sería unha completa incoherencia agora votar a Rajoy ou ao PP" porque "se vería que o PSOE nunca podería ser alternativa de goberno". 

Besteiro foi máis aló e lanzou unha mensaxe directa aos baróns que rexeitan de pleno un acordo coa formación que lidera Pablo Iglesias, recordando o PSOE goberna Extremadura, Aragón, Valencia e Castilla-La Mancha "grazas a Podemos". Respecto a Susana Díaz, presidenta da Junta de Andalucía, lembroulle tamén que foi investida grazas a Ciudadanos e, respecto das palabras que advertiron de "aventurismos políticos", o dirixente galego foi claro: "Non os temo". 

Besteiro lémbralles a varios baróns que Podemos goberna en Extremadura, Aragón, Valencia e Castilla-La Mancha "grazas a Podemos"

Aínda así, advertiu que o referendo que pretende Podemos en Catalunya "non se pode aprobar sen cambiar a Constitución", polo que esta reforma "necesita o consenso co PP". En Radio Galicia, Besteiro insistiu en que Pedro Sánchez debe manterse á expectativa de que Rajoy intent formar goberno para, de non ser así, dar un paso e tratar de presentar unha alternativa. Así, engadiu de novo que "está a actuar de xeito responsable". 

 

Insiste en que o PSdeG é segunda forza

Con todo, e malia a súa defensa do intento dun acordo de esquerdas, Besteiro quixo tamén marcar distancias con En Marea e con outros espazos de confluencia ao idnicar que Podemos "é refén das mareas e doutros movementos localizados en determinadas autonomías". "Non é que Pablo Iglesias lle poña condicionantes ao PSOE, senón que as mareas llos poñen a el", insistiu no Faro de Vigo para preguntarse se os electores da agora segunda forza en Galicia "teñen como máxima prioridade" a autodeterminación. 

O líder do PSdeG insiste en que a súa formación é a segunda de Galicia ante unha coalición de partidos debe "adquirir madurez"

Na Cadena SER, insistiu en que o PSdeG é a segunda forza en Galicia "porque a Marea é unha coalición de partidos" e considera que esta só terá expectativas de goberno cando "adquira madurez para que todos opinen o mesmo sobre diferentes cuestións" e decidir que é o que quere para Galicia. "Hai nacionalistas a tempo completo, nacionalistas a tempo parcial, nacionalistas do 25 de xullo, comunistas e poscomunistas", dixo quen insistiu en que "a liña vermella sobre a unidade territorial para o PSOE é unha obviedade". 

Ademais, Besteiro afirma que ten a esperanza de poder ser o candidato socialista ás autonómicas. "Levo tempo traballando niso", dixo tras afirmar que nin pensa en ter que dar un paso atrás de manterse a súa imputación no caso Garañón porque confía "en que esa cuestión quede axiña disipada". Por último, advirte que non lle gustou que seis deputados do PSdeG se aabstivesen na votación de Modesto Pose como senador por designación autonómica, aínda que cre que o debate interno é unha riqueza.

Por outra banda, a plataforma En Positivo, por un Novo Proxecto Socialista Galego reclámalle aos baróns socialistas “respecto” para o secretario xeral, Pedro Sánchez, e, a este, a apertura dunha consulta entre os militantes para decidir a política de pactos. 

Novo Proxecto Socialista Galego pide aos baróns "respecto" para Sánchez e unha consulta entre a militancia para decidir a política de pactos

“Queremos manifestar o noso profundo desacordo co cruzamento de declaracións irresponsables e fóra de contexto e dos órganos do partido co ánimo de convulsionar a vida interna do PSOE por parte de varios altos cargos autonómicos e ex altos cargos socialistas ou en institucións gobernadas no seu día polo PSOE”, din nun comunicado, no que recordan que Sánchez foi elixido para representar o PSOE nas xerais e obtivo unha representación o faculta “a abrir un proceso de negociacións para impulsar un goberno alternativo ao actual, presidido por un socialista”, no caso de que o PP non acade apoios. 

Pedro Sánchez e Besteiro, no mitin da Coruña © PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.