A Xunta gábase da caída das baixas laborais no seu persoal

Reunión do Consello da Xunta deste xoves © Xunta

Menos baixas e máis fachenda. En tempos de crise o Goberno galego, como moitos outros, atopa menos motivos para facer comparecencias públicas en clave de orgullo e este xoves atopou un. A conselleira de Facenda presentou ante o Consello da Xunta un informe sobre o número de baixas laborais do persoal ao servizo da Administración autonómica e o resultado é, segundo o Executivo, altamente positivo. Tanto que o propio presidente, Alberto Núñez Feijóo, non dubidou en parabenizar e "agradecer a concienciación, complicidade e profesionalidade dos empregados públicos", porque no primeiro trimestre as baixas caeron un 17%.

O Goberno galego decidiu penalizar economicamente as baixas médicas do seu persoal cunha orde en vigor dende o pasado 7 de maio

Pero no agradecemento presidencial mestúranse dous conceptos. Se ben o informe de Elena Muñoz se refire ás baixas Feijóo ve "constatado" un "maior compromiso, maior eficiencia e produtividade" do persoal público o que, di, derivou nunha "notable redución do absentismo". De "absentismo" e non de "baixas" fala tamén á hora de cuantificar o aforro en que derivaron estas cifras: 3,9 millóns de euros. Alén do vocabulario, Facenda rexistrou un total de 2.163 baixas iniciadas nos primeiros tres meses do ano, "descenso que tamén foi maior comparando o mes de marzo de 2012 co mesmo período do ano anterior, cunha diminución do 48,4%". "Ademais -abonda-, o nivel de absentismo foise reducindo de maneira progresiva ao longo desta lexislatura ata un 27,1%".

Ni as explicacións de Facenda nin as do presidente entran a valorar as posibles causas da redución de baixas nun contexto no que a súa regulamentación está a ser cambiado. Non en van, este significativo recorte producíase mentres o Goberno galego decidía penalizar economicamente as baixas médicas, recollendo o estipulado na lei de medidas temporais en determindas materias do emprego público. Nomeadamente, nas baixas vinculadas a "enfermidades comúns ou accidentes laborais" os empregados pasan a recibir "un complemento ata acadar o 50% das súas retribucións cando sexa a primeira baixa do ano natural", a porcentaxe baixa ao 40% na segunda baixa "no mesmo ano" e, se se producen máis, "non se abonará o devandito complemento". Estes e outros recortes, en vigor dende o 7 de maio, fan prever que a tendencia das baixas continúe a ser descendente nos vindeiros meses.

Homologación do persoal laboral fixo da Administración paralela

Tamén sobre función pública, o Consello daba luz verde este xoves ao decreto que, en virtude da Lei de Administración Pública, "homoxeneiza as relacións de emprego en todo o sector público autonómico". Segundo esta norma durante "un prazo máximo de seis anos" equipararanse todas as condicións laborais dos traballadores fixos dos diversos entes dependentes da Xunta ao establecido no Convenio Colectivo Único da Administración autonómica. Nesta norma que, destaca Feijóo, ten o visto e prace de "todos os sindicatos, agás a CIG", estipúlase que se equipararán as condicións con "contrato laboral fixo con algunhas das entidades instrumentais do sector público, formalizado tras un proceso de selección realizado baixo os principios constitucionais de publicidade, mérito e capacidade", tendo ademais que "acreditar" a  "titulación e os demais requisitos para o acceso ao grupo e á categoría" correspondentes.

Reunión do Consello da Xunta deste xoves © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.