Puigdemont abre unha lexislatura "excepcional" e de "preindependencia" en Catalunya

Aperta entre Puigdemont e Artur Mas CC-BY-SA Sandra Lázaro

Carles Puigdemont, futuro president catalán, comprometeuse xa no seu discurso inicial no pleno de investidura a aplicar a declaración independentista aprobada o pasado 9 de novembro por Junts pel Sí e a CUP. "Temos que empezar a camiñar á luz da declaración do 9N para iniciar o proceso de constitución dun Estado independente" a través dun novo Govern configurado en base ao pacto entre as dúas formacións. 

"Estamos nun período excepcional da postautonomía e a preindependencia", dixo Puigdemont

Puigdemont falou dunha lexislatura de fin do autonomismo e explicou os cinco eixos principais dela: culminar o proceso na súa fase participativa, cidadá e asociativa, deseñar as estruturas de Estado e "poñelas a punto", tramitar as leis de transitoriedade xurídica e do proceso constituínte e internacionalizar o proceso independentista. Antes, pediu perdón polas negociacións tras o 27S e e espectáculo pouco edificante. "Estamos nun período excepcional da postautonomía e a preindependencia", insistiu. 

"O programa de goberno que lles presento reitera o exposto polo president Mas. O candidato non é o mesmo pero o programa si", aclarou Puigdemont, que agradeceu a Artur Mas o seu paso a un lado. Ademais, anunciou que queda "o último tramo do proceso, seguramente o máis complexo e incerto de todos os que temos recorrido", pero amosouse convencido de "culminalo con éxito". Ao tempo, proponse despregar por completo a Facenda catalá ou o banco central, incrementar as medidas de transparencia da Generalitat e que o Parlament aprobe unha nova lei electoral catalá, así como unha lei educativa. Ao final do proceso refendaríase tamén unha Constitución catalá. 

Ademais, entre as claves está a lei do Procés Constituent, que se aprobará nos vindeiros 18 meses para poder desenvolvela na seguinte lexislatura, ou a lei de Transicionalidade Xurídica, que debe preparar a "desconexión" legal de Catalunya co Estado español. 

Arrimadas cre que Artur Mas "tenlle medo ás urnas" e acusa a Junts pel Sí de "saltarse as leis"

No debate, Inés Arrimadas, voceira de Ciudadanos, criticou con dureza a frase de Mas, na que asegurou que a negociación coa CUP "corrixira" o resultado das urnas". "Cada vez que as poñen teñen menos apoio, tenlle medo ás urnas", dixo, tras asegurar que o independentismo "non tivo unha maioría social" o 27S. Ademais, censurou que Puigdemont non aludise á corrupción. "Non se pode estar de acordo cos que queren saltarse a democracia.  Un goberno que está disposto a saltarse as leis non pode ser representativo dos que as cumpren", engadiu. 

Miguel Iceta, líder do PSC no Parlament, lembroulle a Mas que "non gañaron o plebiscito" e fixo unha chamada a Puigdemont para que o futuro presidente "escoite e traballe para o 52% dos cataláns" que non votaron nin a Junts pel Sí nin á CUP. "Detrás dalgunhas posicións parece que se agocha o vello demo da política catalá de dividir os cataláns entre bos e malos", insistiu. "Non ten ningún mandato democrático para chegar á independencia", rematou tras reiterar os tres non que xa dera a Mas: "Non á independencia, non á iilegalidade e non á súa investidura". 

Xavier García Albiol, voceiro do PP, dixo non poder "ter esperanzas en quen cualifica o Estado español como un sumidoiro" e asegurou que non permitirán "que se inicie ningún proceso de ruptura co resto de España". Anna Gabriel, da CUP, anujciou que a súa formación emitiría 8 votos a favor de Puigdemont e 2 abstencións para sacar adiante a investidura e, á súa vez, "expresar a necesaria diferenza" que asegura que os separa de Junts pel Sí. Ademais, cre que o acordo acadadao "non é de vencedores e vencidos", en alusión "aos que queren enterrar a CUP". 

Ao peche desta edición, aínda non se levara a cabo a votación para a investidura de Puigdemont. 

Por outra banda, e desde Galicia, o BNG amosou nas redes sociais "todo" o seu "apoio" á CUP e a Esquerra "ea ao camiño cara á República Catalana". Ademais, Compromiso por Galicia deu tamén os "parabéns ás forzas que saben acordar". "A Artur Mas por poñer o procés por diante e á CUP ao estar á altura da Historia", asegurou. Pola súa banda, Pedro Puy, voceiro parlamentario do PPdeG, cre que ante o devir en Catalunya, "Galicia debe defender o Estado das Autonomías fronte ao independentismo e fronte aos intentos de recentralización de Ciudadanos". 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.