Dez anos do día en que Feijóo tivo que defender a Zapatero

Feijóo amosa a portada do programa electoral do PSOE en 2008 © Xoán Crespo

O 17 de xaneiro de 2006 Alberto Núñez Feijóo levaba exactamente dous días na presidencia do PPdeG, á que chegara no congreso da sucesión de Manuel Fraga, e xa se viu obrigado a apagar o seu primeiro incendio interno, provocado por un dos membros da vella garda popular. O daquela presidente da Deputación de Lugo e senador pola provincia lucense, Francisco Cacharro -falecido en 2015- decidira sumarse ás teorías da conspiración en torno aos atentados do 11-M en Madrid e Feijóo vírase obrigado a desautorizalo e mesmo a defender a lexitimidade do socialista José Luis Rodríguez Zapatero como presidente do Goberno de España.

O xermolo deste episodio chegara dende Melilla, onde un senador do PP pola cidade autónoma, Carlos Benet, comparara o líder do PSOE con diversos golpistas e dera en afirmar que, igual que Tejero entrara no Congreso "cunha pistola", Zapatero fixera o propio "nun tren de cercanías", en referencia ao 11-M. Poucas horas antes de que Benet se vira forzado a pedir desculpas Cacharro reflexionaba, en rolda de prensa en Lugo, que o seu compañeiro de filas non fixera máis que "expresar en voz alta un pensamento que comparte con millóns de españois".

Segundo o veterano político lucense cumpría ter en conta que Benet era unha "persoa seria" e só concedía que "quizais" non era "correcto" realizar esa afirmación, pero non porque non concordase con ela. "Todo o mundo está de acordo, pero non se pode dicir se non hai probas", lamentou.

No seu primeiro acto público como líder do PPdeG Feijóo viuse obrigado a desautorizar a Cacharro, que ligara a Zapatero cos atentados do 11-M

Coa polémica en marcha en Galicia as olladas dirixíronse cara ao substituto de Fraga no que era o seu primeiro acto público como presidente do PPdeG. O partido, afirmou Feijóo, non cuestionaba "en ningún caso a lexitimidade democrática" do Goberno de Zapatero, e el, pola súa banda, só "lamentaba profundamente" algunhas "decisións do Goberno relacionadas con Galicia". A nova dirección do PPdeG ía naquel día un chisco alén e, en declaracións a La Voz de Galicia, cualificaban o afirmado por Cacharro como "babosada".

Aquela case forzosa defensa de Zapatero por parte de Feijóo foi a única que se lembra pola banda do actual presidente da Xunta a respecto do político do PSOE, a quen converteu no seu máis recorrente argumento tanto na oposición ao bipartito como, sobre todo, tras chegar a San Caetano. As preferentes, os recortes sociais, a situación do sector naval ou un suposto "buraco" nas contas da Xunta foron só algunhas das acusacións máis recorrentes de Feijóo contra un Zapatero a quen lle reprochou mesmo a formulación de promesas electorais practicamente idénticas ás lanzadas por el mesmo en 2009, caso por exemplo de pular polo "pleno emprego".

Feijóo amosa a portada do programa electoral do PSOE en 2008 © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.