Feijoo destaca que "a militancia decidirá" quen dirixe o PP en Pontevedra

Feijóo e Rueda, nun acto recente CC-BY-SA PPdeG

Na fin de semana do 12 e 13 de marzo o PP celebrará os seus congresos provinciais na Coruña e Pontevedra, precedidos polos de Lugo e Ourense, unha semana antes. Se Diego Calvo, Elena Candia e Manuel Baltar aparecen como grandes favoritos nas súas provincias, case sen oposición, a situación podería estar máis aberta en Pontevedra, aínda que nos últimos días foi gañando peso a posibilidade de que se presente Alfonso Rueda, actual secretario xeral do PPdeG e vicepresidente da Xunta. Ademais da posible candidatura de Rueda, aparecen como posibles aspirantes a sudecer a Rafel Louzán a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o delegado da Xunta en Vigo, José Cores Tourís.

Feijoo destacou que "sen ningunha dúbida, [Pontevedra] é unha das provincias clave no futuro político de Galicia", pero rexeitou comentar a posible candidatura de Rueda

Preguntado este xoves por esta cuestión, Alberto Núñez Feijoo eludiu responder sobre a posibilidade de que o seu número dous, Alfonso Rueda, lance a súa candidatura, o que o convertería no máximo favorito para converterse en presidente provincial do PPdeG en Pontevedra. O presidente da Xunta limitouse a dicir que será "a militancia a que decida". Así mesmo, destacou que "sen ningunha dúbida, [Pontevedra] é unha das provincias clave no futuro político de Galicia", engadindo a seguir que "importantes" son as catro provincias, matizando a súa primeira afirmación.

Pontevedra escolle 22 dos 75 escanos do Parlamento (e podería sumar un máis nas eleccións deste ano). Nas eleccións do 2005, nas que o PP ficou sen maioría absoluta (por un deputado), Pontevedra foi decisiva, pois alí os populares deixaron 2 dos 4 representantes que perderon (un máis na Coruña e outro en Lugo). En 2009, en cambio, o PP gañou un escano por Pontevedra (e outro pola Coruña), decisivo para a recuperación da súa maioría absoluta.

Nas eleccións xerais do 20D, o PP pasou en Pontevedra do 50,84% dos votos ao 34,46%, perdendo case un terzo dos seus votos.

A preocupación dos populares é máxima ante un descenso electoral que podería ser máis importante nas provincias atlánticas e que os podería afastar do poder. De feito, nas eleccións xerais do 20D, o PP pasou en Pontevedra do 50,84% dos votos ao 34,46%, perdendo case un terzo dos seus votos. Na cidade de Vigo, ademais, En Marea foi a forza máis votada.

Feijóo e Rueda, nun acto recente CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.