Voces galegas na posta en marcha do movemento europeo que impulsa Varoufakis

O DiEM25 preséntase este martes 9 en Berlín © DiEM25

O Movemento pola Democracia en Europa 2025 (DiEM25), impulsado polo ex ministro grego Ianis Varoufakis, arrinca este martes en Berlín. O ecnomista reaparece tras o seu fugaz paso polo Executivo heleno cunha iniciativa que pretende unir forzas no continente para plantar cara á austeridade e ás autoridades europeas e co propósito de lograr a unión cidadá e panaeuropea para un cambio que achegue "maior transparencia, democracia e xustiza social". O lanzamento desta gran plataforma será precisamente na capital de Alemaña, sobre cuxa posición na UE recaen boa parte das críticas, e contará con presenza galega, a do alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, que participará en varios dos debates. 

Varoufakis lanza, xunto a outras voces críticas europeas, o Movemento pola Democracia en Europa

Símbolo en Grecia tras renunciar ao cargo pola que entendía era unha rendición do seu Goberno aos ditados da troika e por riba do mandato democrático do pobo, Varoufakis aposta por un movemento democratizador. E o lema do DiEM25 déixao claro: A Unión Europea será democratizada. Ou desintegrarase! 

No acto deste martes, o actual alcalde da Coruña -en representación da Marea Atlántica- intervirá nunha serie de debates canda outras voces críticas da política ou o activismo, como o filósofo italiano Toni Negri ou o primeiro tenente de alcalde de Barcelona por BCN En Comú, Gerardo Pisarello. Será unha xornada na que no teatro Volksbühne se debaterá para asentar as bases dun movemeto que xa conta co seu manifesto fundacional e que procura, desde as diferentes achegas e a cooperación, mellorar as condicións da sociedade.

Xulio Ferreiro participará en varios debates e "achegará a perspectiva do novo municipalismo na ruptura democrática"

Xulio Ferreiro, segundo anuncia a Marea Atlántica, participará nunha mesa redonda sobre marco político e economía na que "achegará a perspectiva do novo municipalismo de ruptura democrática". DiEM25 insiste en facer máis democrática a UE, aplicar a total transparencia na toma de decisións, acceso libre ás negociacións financeiras ou unha reorganización urente das institucións europeas para poñer en marcha políticas que "fagan fronte ás crises de débedas nacionais, ás presións do sistema bancario, ao incremento da desigualdade e á pobreza e ao muro que se levanta fronte a refuxiadas e migrantes".

No seu manifesto, DiEM25 define o seu obxectivo en catro frases para acabar, antes de 2025, conseguindo "unha Europa funcional e plenamente democrática". Así, a curto prazo, aposta pola "transparencia absoluta na toma de decisións na UE" e, no prazo dun ano, abordar a crise económica en curso "utilizando" polo momento "as institucións existentes e no marco dos Tratados en vigor da UE". 

DiEM25 pretende convocar a súa asemblea constituínte en dous anos e lograr, antes de dez, "unha Europa funcional e plenamente democrática"

Ademais, en dous anos, pretende convocar unha asemblea constituínte do movemento formada por "representantes elixidos en listas transnacionais" e cunhas eleccións que requirirán listas con candidatos de "polo menos quince países europeos". Esta asemblea constitucional resultante sería a  que tería o poder de decidir sobre esa desexada constitución democráctia "que substituirá todos os Tratados existentes". Unha verdadeira democracia continental, unha meta utópica pero que marcan como obxectivo un goberno para o pobo. 

O DiEM25 nace do chamamento a un Plan B para Europa, documento que foi asinado por numerosos colectivos políticos e sociais europeos e que tamén apoiaron a Marea Atlántica como colectivo e, a título persoal, Xulio Ferreiro, que levará tamén unha voz galega ao movemento á que se unirá Antón Gómez-Reino, deputado de En Marea que tamén participará nos actos. O lanzamento oficial de DiEM25 producirase, coas conclusións desta primeira xornada de traballo en Berlín, ás 20.30 horas. Será na praza Rosa Luxemburgo e poderase seguir por streaming

O DiEM25 preséntase este martes 9 en Berlín © DiEM25
Xulio Ferreiro e Ada Colau, nun acto en Madrid © Sandra G. Rey

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.